04:50 Mércores, 11 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-04-2019

Realmente o que me sorprende é que alguén, cunha mínima intención de resolver problemas, a esta altura descubra e defenda que a Constitución española

O predicador rupturista e a súa biblia sagrada

Valorar (46)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Chéganme os ecos dun sermón coñecido que  enuncia, con ostentación, quen, no seu día, anunciouse como a boa nova que viña mudalo todo.  Resulta que agora enarbora a Constitución española, non só a dereita e a esquerda españolas que a patrocinaron e cociñaron. Tamén o fai sen complexos quen apareceu, nun escenario político español en estado crítico por perda de credibilidade  e lexitimidade, prometendo rexeneración, mudanza constitucional, mesmo a necesidade de abrir un período constituínte. A que se deberá esta conversión? Será produto da experiencia e da madurez ou é que a principal guía e orientación da súa política sempre foi tocar o ceo ou algo así, segundo os ecos que me chegan?  Debe ser unha expresión metafísica que agocha unha ambición tan desmedida no individual como fraudulenta no colectivo. Realmente o que me sorprende é que alguén, cunha mínima intención de resolver problemas,  a esta altura descubra e defenda que a Constitución española  é o texto sagrado que nos garante a súa solución e a superación dos males que padecemos, con permiso do dogma constitucional, os distintos pobos ou nacións que están na base deste Estado e o soportan. E aínda máis, resulta que o secreto do seu poder curador está en cumprila. Non era esta a receita do bipartidismo tradicional, o do réxime do 78 en crise?

Esta receita curadora é a mesma que levou  os representantes do pobo catalán, a moitos dos seus dirixentes políticos, a prisión, ao exilio, a seren confiscados os seus bens, a multas e represión diversa. Simplemente por exerceren un dereito democrático cal é o de poren urnas para o seu pobo expresar a súa vontade política nun tema crucial. Simplemente por creren que o pobo catalán existe politicamente e que a súa  independencia é unha opción lexítima e que debe ser posíbel, se ese pobo a desexa. Pode que isto non sexa ortodoxo nin tolerábel, tampouco para o predicador rupturista. Hai que comprendelo, sempre está máis perto de Deus o imperio que unha pequena nación que debe padecelo. Pero non está tamén o texto sagrado xustificando e avalando unha política económica e fiscal que coloca unha faixa opresiva de precarización e inseguridade na maioría social? Moitos creron que o predicador era devotos dos pobres, por non saír dunha versión   evanxélica. Certo, tamén hai que comprender que o predicador teña dificultades para predicar en arameo, non o fala. O seu é con naturalidade e lexitimidade o español. Pero moitos creron que era trigo limpo na súa xaculatoria  de os demais idiomas gozaren, polo menos no seu territorio propio e orixinario, dun status homólogo ao do español no seu. De ser así, tería que comprender que, en nome da Constitución, pode ser, e de feito é, arrombada, fraxilizada ou impedida, no noso caso tamén desde dentro do país, calquera política de verdadeira oficialidade para os idiomas que non son o español, e máis en concreto o galego. Son linguas das que se predican dereitos individuais que non teñen verificación algunha pois non existe o menor deber de respectarse e facelos viábeis: a nada e a ninguén obrigan...Son graciosas concesións que se fan se o contexto político o forza ou reclama e sempre reversíbeis. Poderíamos continuar até ser aburridos....En que estará pensando  esta esquerda rupturista e o seu sacerdote máximo cando brande, como poder curador,  o texto constitucional nos programas televisivos de acceso restrinxido e consumo masivo?

Na transición e moitos anos despois, como agora, a Constitución española usouse en especial para meter medo aos discrepantes, para arrombalos na cuneta e intimidalos e marxinalos como apestados, para facerlles saber que o pasarían moi mal se non manifestaban a súa fidelidade ao texto sagrado e intocábel na súa esencia, que se identificaba en termos absolutos  coa democracia. Entón proxectaron a pauliña contra nós, algo marxinais, co afán de non erguermos a cabeza. E moitas veces os lebreiros que nos lanzaban era a esquerda española, entusiasta ela da bandeira roja y gualda e da monarquía borbónica, en perfecta sintonía co franquismo, que a Constitución española  veu lexitimar pola graza de Deus e polo ben de España.  Na Galiza os nacionalistas votamos non a esta Constitución. Fixémolo, contra vento e marea. Por que? Porque era taxativa ignorando a nosa existencia  e razón de ser como pobo diferente e por motivos de pura concepción democrática.  Un centralismo, disfrazado de autonomía, non era unha solución para a dependencia e subordinación de Galiza, para restaurar a súa dignidade e a súa confianza na súa capacidade e poder  traballar para mellorar en todos os aspectos desde nós mesmos e para nós mesmos. Non estaban a falar nin de lonxe da autonomía integral da que falaban Bóveda, Castelao, o Partido Galeguista, como aspiración mínima para o futuro, após a experiencia republicana...Nada que tivera a ver cun Estado federal xenuíno nin sequera coa viabilidade de avanzar por ese camiño...Deixárono ben claro: unha soia e verdadeira soberanía, un so e único pobo;  a da nación española, a do pobo español, con fraseoloxía falanxista incluída (España, patria común e indivisible de todos los españoles). Agora a pauliña represiva vai contra todos os que senten o modelo autonómico esgotado e un funil sen saída, e reclaman para o seu pobo ou nación  unha alternativa que recoñeza os seus dereitos á existencia política como tal.

Non vou falar do penoso que resultou , naquela altura, ver como o texto constitucional abría  a espita para entrar con apoio pleno un ensino confesional, relixioso ou de ideario, pago con fondos públicos, o que nunca se atrevera a facer nin o franquismo. Ou que se recorrese ao subterfuxio da aconfesionalidade, desbotando o laicismo, para posibilitar a continuidade dunha confusión desmedida entre relixión e Estado, unha protección e apoio á Igrexa Católica, que mantén vivos e sen interese algún en que se muden,  acordos e concordatos totalmente impropios dunha concepción democrática e laica da vida. E por se fose pouco, non é que non se democratizasen e depurasen as forzas armadas e os corpos de seguridade do Estado, e os aparatos represivos do mesmo, incluía a administración de xustiza. Non, é que foron unxidas co sagrado deber de garantir a unidade de España, esa que consiste en considerar que un galego é un español que vive na Galiza, todo o máis. Galiza, para que? O pobo galego, que chorrada!!! Abonda por hoxe....Pero antes, unha observación: é normal que un corpo militar como a Garda Civil se destine, cada vez con máis frecuencia, a funcións represivas de aberto  matiz político?  Esta Constitución non valeu nin para desmilitarizar ese corpo, unha vellas aspiración de todo demócrata.

Non será que o predicador se obnubila coa posibilidade de tocar o ceo, e sabe que hai que facer antes profesión de fe? Ou será que foi sempre un oportunista e que non padece cunha incoherencia tan sonora entre a súa aparición epifánica inicial hai pouco anos e esta reveladora manifestación de  todo vale, incluído o réxime do 78?

Vaia todo o devandito, non porque puidese esperar coherencia e menos por mostrar algunha esperanza na política xestada na matriz do españolismo máis xenuíno. Non. Simplemente é por unha cuestión de veracidade e realismo. De non comprarmos novamente estampas que pretendan revitalizar un marco constitucional dentro do cal, tal e como é e se interpreta, no hai as saídas que se necesitan nin para os pobos nin para as súas maiorías sociais....e sobre todo zumega desigualdade, xerarquía, intolerancia e subordinación , para alén de anacronismos insoportábeis, en todo no que nela é prescritivo e vai a misa......

[06-05-2019 21:09] Gamela comentou:

Seguimos agardando...

[04-05-2019 09:22] Gamela comentou:

Seica a publicación de comentarios leva RETRASO ?

[28-04-2019 08:40] Violeta comentou:

Concordo totalmente co exposto coma sempre tan esclarecedor .lémbrome do seu amigo Tsipras que ìa de salvador dos gregos e acabou de capitán xeral da OTAN no Exeo.

[24-04-2019 12:29] Luisa Sánchez Meizoso comentou:

Penso que este escrito poderiamolo enviar a personas que non len Terra e tempo e que tienen a Galiza no seu pensamento. Vouno facer.
Grazas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña