20:48 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2019

A igrexa galega esquécese do primixenio postulado da universalidade despois de séculos de maxisterio nas máis variadas culturas actuando de facto como un tremendo elemento desgaleguizador.

E Cristo tamén falaba castelán!

Valorar (9)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN


Os datos a respecto da situación da lingua galega estudados na Mesa pola Normalización Lingüística dan que pensar. Mentres a RAG baila con sons estraños, desde a escola á rúa, desde o comercio á xustiza...un séntese raro nun país cun goberno que se di “popular” só de nome, pois chochea co inglés no ensino e prohibe as matemáticas en galego! Todo o mundo o sabe: as linguas son enriquecedoras...menos a milenaria lingua galega reservada polos nosos gobernos para premios e honores namentres o resto do ano sementan un complexo de inferioridade.  

En todos os sitios gostaría de ouvir galego, e inglés, e portugués, e francés, e...Pero non! A Nosa Terra, influenciada polo cristianismo, tivo xa nos primeiros tempos que adaptarse, e agora disque se atopa en pleno S. XXI. Logo dunhas cantas voltas por parroquias das cinco dioceses galegas chegamos a semellante conclusión: Cristo tamén falaba castelán! Bautizos, enterros, cabodanos e a maioría das vodas amén doutros cultos da igrexa católica, apostólica e aínda romana, romana da Roma do emperador Marco Aurelio, celébranse en castelán.   Intrigado por este inaudito fenómeno indaguei na historia sagrada, volvín a coller a biblia. De súpeto unha sospeita, o Fillo de Deus nacera en Belén de Xudá. E a lingua propia dos santos lugares, a lingua do mashiah "o unxido", ou Mesías ¡pásmense vostedes! non era o castelán se non o arameo e o hebreo, pertencentes ao grupo nor-occidental das linguas semíticas, moi lonxe pois do latín, lingua nai de romances coma o galego.

Acabando coa cuestión das fontes bíblicas, para non enredar con outros problemas, recordemos que grego, hebreo e algo de arameo son a forma do libro sagrado para os católicos.  

"E comezaron a falar en linguas estrañas " Feitos dos Apóstolos 2, 4. Entre esas non estaba o galego nin o castelán. Queda hoxe a lingua da miña aldea relegada a certas celebracións enxebres, a certas misas como ás agachadas, a harmonizar co castelán posto que a consagración ha de ser na lingua do nacional catolicismo. Da igual o arcebispo de Vilalba que o de Zamora, non se respecta o irrisorio compromiso dunha misa ao mes por parroquia. É máis, asisto a un enterro galego con cantos incluídos nunha parroquia de Compostela mentres algúns presbíteros son traídos doutras freguesías, para unha misiña galega no medio do rural galego. Sen comentarios.

Aquel que pide unha misa en galego -tarefa ardua- tense por estes pagos como un extravagante e sabe deus que outros apelativos lle poñen. A administración eclesiástica está dominada por escuros poderes con directrices que mesmo parece que quixeran volver ós oficios en latín antes que na lingua propia de Galiza. Desde a curia espállase un anacrónico rexeitamento implícito e explícito ao galego polo que unha boa parte da xente pensa que doutro xeito, oficios, cerimonias ou a misa non é tanta misa se non é en castelán. Poucos cidadáns se cuestionan estes tristes e continuos feitos de complexo.

Así, como se dunha tribo a piques de desaparecer se tratara cristiáns galegos diante dun notario compostelán en San Domingos de Bonaval asinaban, hai preto de 20 anos, un reivindicativo texto: chegado o momento terían un enterro na súa lingua ou no seu defecto en rigoroso silencio. Non son raros, non; son de aquí que queren ser despedidos deste mundo do mesmo xeito que viviron. É o mundo nin máis nin menos que de dous millóns setecentos mil galegos e galegas.  

Despois do Advento o cada vez mais deshumanizado Nadal, u-las panxoliñas da Nosa Terra, onde podemos escoitar os cantares recollidos por Fuxan os Ventos, A Quenlla,... E no tempo ordinario ata cando guitarras e outras cordas acompañarán cantares doutros lugares menos galegos. Logo do Cancioneiro Relixioso, editado por Conferga en 1990 tocaba crear o primeiro Cantoral Relixioso Galego, Andrés Torres Queiruga di na presentación "Sería bo e decoroso, digno e de xustiza, que tivese unha intensa presencia nas nosas xuntanzas e liturxias". Amigo Andrés, case 30 ou 25 anos despois destes manuais e só uns tímidos cantos nalgún funeral, nalgunha primeira comuñón bilingüe. O matrimonio diante do párroco debería ser un canto inesqueciblemente galego...Choio para o secretariado de música sacra.

A Semana Santa desas procesións promovidas pola contrarreforma son unha mestura de espectáculo e demostración pública de fervor cristián. A cruz procesional flanqueada por dúas velas en espigados soportes tamén prateados. Dúas ringleiras de fieis acompañan o Santo Enterro. Confrarías de mulleres con “mantilla y peineta”, banda municipal, curas, alcalde, xuíz de paz e garda civil; non, non é un paso de Gregorio Fernández por Valladolid nin a letra dunha canción de Cecilia, son exemplos de vilas galegas nestas datas. Non vin aínda en Galiza unha procesión enxebre comparada coa das capas pardas (Hermandad de Penitencia) dos pastores das terras de Aliste en Zamora. Curiosamente os celebrantes na Galiza ano tras ano enchen a boca gritando desde o púlpito, noutra Sagrada Misión: Eloí, Eloí, lama sabachtani! San Marcos 15, 34 CICLO B ou Eli, Eli lema sabachtani! Mt 27, 46 CICLO A. Vértense ó castelán os parallelismus membrorum e o ritmo da poesía hebrea contidos na Biblia no 1553. A tradución á lingua de Rosalía partindo dos orixinais, habería de esperar séculos!  

Ao musicólogo de Nebra (Porto do Son) López Calo ouvinlle dicir que había moita música galega clásica descoñecida. Así como escritos medievais en galego sen estudar esparexidos mesmo ata o arquivo de Simancas... Porqué non se estuda todo isto desde as filoloxías aos departamentos de historia de Galiza? O "aggiornamento" do Concilio Vaticano II penetra na música de Emilio Vicente Matéu. Euskadi e Cataluña contáxianse da boa nova desde edificios á liturxia que non callou no noroeste peninsular, nin o Concilio Pastoral de Galicia parece que se celebrou aquí. A igrexa galega esquécese do primixenio postulado da universalidade despois de séculos de maxisterio nas máis variadas culturas actuando de facto como un tremendo elemento desgaleguizador. Morreu a alborada de Manuel Feixoo,  Paco de Aguiño e a particular fonética do Pai Isorna. Di o entre lecturas do sochantre Suárez Carneiro: Contaille as marabillas do Señor, ós pobos do mundo...sabíano moi ben os primeiros discípulos. Que diría hoxe o galego apóstolo Santiago se vira tales marabillas?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña