00:54 Venres, 18 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2019

Non podemos, nesta colaboración, estendernos en toda esta ramificación. Como exemplos, limitarémosos a comentar agora algúns “actos patrióticos”

Culleredo, 1936-1943: algúns aspectos da implantación da ideoloxía fascista

Valorar (7)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Triunfante a sublevación militar, vivirase no concello de Culleredo unha inmersión programada e pertinaz nos valores da ideoloxía triunfante, que abranguerá todos os ámbitos da vida local e na que xogará un importante papel a Igrexa: dende a actividade municipal ao control do Maxisterio, dende as suscricións patrióticas ás multas aos desafectos, dende os actos “patrióticos” á reposición dos crucifixos nas escolas, dende as Santas Misións á Festa da Árbore, dende as misas polos “mártires” aos comedores do Auxilio Social... Créanse as Milicias, Falanxe masculina, Sección Femenina, Fronte de Xuventudes e CONS.

Non podemos, nesta colaboración, estendernos en toda esta ramificación. Como exemplos, limitarémosos a comentar agora algúns “actos patrióticos”, reposición dos crucifixos nas escolas e misas polos “mártires” e “héroes”.   Actos "patrióticos". O 13-9-1936 faise no “Salón Benito”, de Culleredo, cedido gratuitamente polo dono, Benito Pan, un baile para recadar cartos para o avión "Hércules", no que habería iluminación artística, faroliños, adornos…, amenizando o baile dúas afamadas "músicas". Ademais, celebrouse un partido de fútbol. (La Voz de Galicia, 13-9-1936).

O 1 de octubro, no cine "Goya" do Portádego (Vilaboa-Rutis), tamén cedido gratuitamente polo propietario, Juan Viñuelas, celebráronse dúas sesións cinematográficas, proxectándose o filme "Vuelo nocturno". O acto estivo organizado pola Sección Femenina da parroquia, a beneficio do Exército e da propia Falanxe feminina. (LVG, 30-10-1936).  Entre o 4 e 6 de octubro de 1936 celebráronse as festas de San Miguel de Culleredo, na que se fixo unha recadación para o Exército. No programa, alboradas, banda de música, partidos de fútbol e verbenas, ademais das misas: á do día principal, solemne, estaba prevista a asistencia de forzas armadas, milicianos e nenos e nenas das escolas, facéndose logo unha procesión. (El Ideal Gallego, 3-10-1936).

O 1 de outubro de 1936 o delegado de Orde Público manda darlle contas dun baile a celebrar o día 11 en beneficio do Exército. Non sabemos onde foi.

O 15 de octubro recolléronse na Coruña 191,85 pta dunha velada celebrada en Vilaboa, e 210,85 doutra en Alvedro. (EIG, 18-10-1936).

O 18-10-1936 celébrase no lugar do Souto (Vilaboa) unha festa patriótica, cunha misa na capela dos Serrano, cantada por un coro de mozas, á que asistiron a esposa do gobernador civil, Florentino González Vallés, o delegado civil Jorge Bermúdez de Castro e demais autoridades, unha sección de Falanxe Española da Coruña, os falanxistas de Rutis (homes, sección feminina e frechas) e os milicianos da vila. Concorreu, cos seus mestres, o alumnado das escolas nacionais, a “colonia veraniega” e veciñanza. Finalizada a misa, organizouse unha procesión. Cando esta rematou, o público trasladouse ao “Ateneo de Rutis”, onde estaba instalada a Central Obreira de Falange Española, e o delegado, Ernesto Santiso (ex dirixente da CNT) pronunciou unhas breves palabras, ofrecendo un ramo de flores á muller do gobernador civil. Seguidamente, tomou a palabra o xefe provincial da Central Obreira, Montero, convidando aos obreiros a afiliárense á organización. Cantouse o “Cara al sol” e déronse vivas a España e Falanxe. (EIG, 21-10-1936)

O 6-11-1936 entregáronse na Coruña preto de 250 pesetas de duas veladas celebradas en Vilaboa. Ese mesmo mes celebrouse unha representación teatral a beneficio do Exército, no “Salón Benito” de Culleredo, actuando o cadro de declamación da “Juventud Católica” de Sigrás. (EIG, 10-11-1936).  

Reposición dos crucifixos nas escolas.

No Burgo, realízase o domingo 23 de agosto, tomando a palabra o párroco de ideoloxía carlista, Manuel Cobas Carballal, acompañado polos mestres do Burgo, Francisco Fornes Serra e o do Temple, e o médico do Burgo Augusto Seijas Santiso (que fora alcalde na Ditadura de Primo de Rivera e presidente da Unión Patriótica), asistindo nenos e nenas, membros da “colonia veraniega” e veciñanza.  (LVG, 26-8-1936).

Nas escolas da parroquia de Culleredo celébrase o 24 de agosto, concorrendo autoridades, forzas da Garda Civil e de Falanxe. (EIG, 27-8-1936).

En Cordeda (Rutis), asisten autoridades locais, presididas polo subdelegado de Orde Público, Jorge Bermúdez de Castro, e o crego do Burgo, José Cobas, que fala no acto. Houbo uns pinchos pagados polo mestre, Julio Pérez Gómez, sendo a cruz doada por Fortunato García Ibarra. (EIG, 30-8-1936)

En Castelo repúxose nos primeiros días de setembro na escola de nenas, rexentada por María del Carmen Navarro Rodríguez, sendo a cruz bendecida primeiro na capela de San Ramón polo crego, José Grille, e logo levada en procesión, escoltada por catro milicianos das Milicias armadas da Coruña, mestra, alumnas e veciñanza. Falaron o crego e o catedrático da escola de Comercio de Vigo, Celso Arias, dándose os “Vivas” de rigor (Cristo Rey, España e o Exército Salvador). Houbo uns petiscos ofrecidos pola mestra, que dende comezos do Movemento prestaba, como voluntaria, servizos de enfermeira no Hospital Militar da Coruña, pagando, cos seus cartos, unha substituta para a escola. Ademais, ofrecera contribuir todos os meses cun día dos seus haberes: "Estos rasgos patrióticos enaltecen a la mujer española", dicía a prensa. (El Ideal Gallego, 6-9-1936). Outra mestra, a da escola de Veiga, Amada Canalejo Castells, irmá de Juan, prestaba os mesmos servizos. (EIG, 9-8-1936).

Tamén a primeiros de setembro faise a reposición nas escolas nacionais de Almeiras, celebrándose unha misa na capela de Pilar Fernández Herce de Marchesi, con procesión, levando a cruz o veciño máis vello da parroquia. Ao chegar á escola, foi izada a bandeira. Falaron os mestres e o crego, Juan Santos Ageitos. A cruz foi doada pola mestra, María Francisca García Noguerol, que ofreceu uns obsequios aos convidados. (EIG, 12-9-1936).

O alcalde de Culleredo, en escrito de 10-9-1936, dará conta ao gobernador civil destas reposicións. (ARG, Goberno Civil da Coruña, L-4918).

Que ideoloxía fascista e relixión católica estaban mesturadas vémolo claramente nunha circular do 2-1-1940, asinada polo alcalde, na que proibe aos nenos e nenas asistir aos bailes, cargando a responsabilidade nos país, e obrigándoos a ir a misa todos os domingos e festivos.  

As misas polos “mártires”.

En 1937 comezan a organizarse misas polos "mártires" e "héroes" franquistas e por soldados do municipio falecidos na guerra.

O Concello organizou un solemne funeral na igrexa de Rutis o 18-6-1937, con asistencia de mestres e alumnado das escolas, na memoria de José Calvo Sotelo, ao que acordara dar o seu nome a unha rúa –descoñecemos se este acordo foi efectivo-, colocándose ademais unha placa, no salón de sesión, co seguinte texto: "Mártir de la Patria=Exmo. Sr. José Calvo Sotelo=6-5-1893--13-7-1936". (Libro de Actas da Corporación). Ao día seguinte, o 19-6-1937, organizado polo Concello, por iniciativa do alcalde Jorge Bermúdez de Castro, en colaboración co cura, José Acuña Fandiño, celebráronse na igrexa de Rutis solemnes funerais “por el eterno descanso del glorioso General Excelentísimo Sr. D. Emilio Mola Vidal y demás compañeros, víctimas de la catástrofe aviatoria” [de Biscaia]. Asistiron o alcalde, o secretario do Concello, Ernesto Lareo, os xefes de Milicias e a Garda Civil de Sigrás, o xuíz suplente e secretario xudicial, párrocos de Rutis, O Burgo, Castelo, Almeiras, Elviña e o castrense da Coruña, así como nenos e nenas das cinco escolas nacionais de Rutis, dúas do Burgo e a de Alvedro, co seu profesorado. Os cregos non quixeron cobrar, polo que a Corporación transmitiu a súa gratitude por este xesto poñéndoo en coñecemento do arcebispo de Santiago. (EIG, 13, 16, 18 e 23-6-1937). A comezos de marzo de 1938 celébranse en Rutis, organizado polo clero de Rutis e parroquias colindantes, solemnes funerais polos mariños do "Baleares", asistindo autoridades e veciñanza. Dirixíronse logo ao cemiterio parroquial para colocar unha coroa de flores na Cruz dos Olvidados, cantándose o "Cara al Sol" e dándose vivas patrióticos.

A organización deste tipo de actos non declina co tempo. En abril de 1943 celébrase un acto de afirmación nacional-sindicalista no “Cine Goya” do Portádego (Rutis) ao que asisten, di a prensa, centos de falanxistas da Coruña e moitos labregos. Foron recibidos polo xefe local de Culleredo. No escenario, situáronse o xefe provincial, o xefe local de Culleredo, o delegado provincial de Educación Popular e o inspector provincial, intervindo os “camaradas” vicesecretario provincial de obras sindicais, Franco Siñarís, e o secretario provincial de Educación popular, Ángel López. Detrás deles, había unha garda de honor. Polo local, profusión de bandeiras “nacionais” e do Movemento. Falaron Franco, López e Diego Salas Pombo. Finalizou o acto co canto do “Cara al sol” e os berros de rigor por Salas. (EIG, 13-4-1943).

No que respecta ás misas, por exemplo, para conmemorar o sétimo cabodano da morte de José Antonio Primo de Rivera, congregáronse na igrexa do Burgo grande cantidade de veciñanza do concello de Culleredo e dos militantes e adheridos da Falanxe. Pola mañá, celebrouse unha misa polo párroco, Manuel Cobas Carballal, “que pronunció unas sentidas palabras encareciendo el recuerdo de José Antonio, la necesidad de unirse a la Falange y luchar por sus principios, dado el momento en que vivimos, tránsito de una civilización a otra, destacando la nota de espiritualidad, y teniendo siempre bien presente que hemos de responder de nuestros actos ante Dios y ante la sociedad”. Durante a misa “se rezó la estación a Jesús Sacramentado en sufragio del alma de José Antonio, terminando con un solemne responso”. Pola tarde, na Xefatura Local, coa presenza do xefe comarcal do Movemento, delegados de Servizos, militantes, adheridos e Frente de Xuventudes, leuse o testamento de José Antonio. (LVG, 23-11-1943).  

[06-04-2019 20:53] Zorotrosto comentou:

A igrexa católica foi e é un dos axentes máis españolizadores da nosa nación galega. As escolas dirixidas por esta secta inoculan antigaleguismo aos nosos cativos. Nen un peso público pra eles! Qué paguen o ibi! Fora a cruz das escolas e hospitais!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña