00:54 Venres, 18 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-04-2019

"Como galega que defende que Galiza teña instrumentos para se gobernar ela mesma, me implico".

Abril, o mes máis cruel

Valorar (24)

MARICA CAMPO


Non o digo eu. Que abril é o mes máis cruel afírmao T.S. Eliot no comezo do seu insuperábel texto  A terra baldía. Como saberá quen se teña achegado a este poema de difícil lectura e de obrigada relectura, está estruturado en cinco partes (“O enterro dos mortos”, “Unha partida de xadrez”, “O sermón do lume”, “A morte por auga” e “O que dixo o trono”). Non é este o lugar de facer a súa esexese, nin me sería a min posíbel sen poñer os ovos en niño alleo, mais a cadora vénseme á mente cando penso  en Galiza,  no mundo e na existencia humana.

Cualificado como palimpsesto do século XX por Olga Osorio (texto no que afloran referencias literarias anteriores, tal como acontece nos códices borrados e voltos a utilizar, os palimpsestos propiamente ditos), é, segundo a amentada profesora e cineasta, “o desolado retrato do home contemporáneo”.

Porén, talvez na epiderme do que escribiu o autor británico-estadounidense, acho, empezando polo título,  o drama do noso país.

Moito se ten escrito do despoboamento de Galiza, paradigma de todos os despoboamentos. Neste mesmo dixital, non hai moito, Francisco Graña no artigo “O despoboamento de Galiza” suma a outros, como factor decisivo, a falta de autogoberno. A ese escrito me remito e deixo para a miña tarefa narrar o calafrío que me percorre cada vez que viaxo á soidade do mundo rural.

Abril cruel. “(...) xera / lilas da terra morta, mestura/ recordos e arelas, esperta/ inertes raíces con chuvias primaverais.”

Nun ribazo do bosque-xardín de miña irmá floreceu a pervinca, tamén chamada vincapervinca ou herba doncela. Alí está, xunto coa glicinia, o rododendro e un abano de plantas ventureiras a testemuñar a primavera, o xiro – mesmo vacilante- da roda das estacións.

De onde esa persistencia en nacer e renacer para que o mundo deveña  novo? Todo o que podrece regresa por obra e graza das alquimias da terra. Todo, menos nós, ocasionais habitantes da terra baldía. Velaí a crueldade de abril.

Como na novela de Juan Rulfo, Pedro Páramo, á que acudín noutra ocasión neste mesmo espazo, talvez as pantasmas dos que se foron volven, docísimas, confundidas co ar que respiramos, agardando un relevo que non chega, o único que as pode esvaecer entre o po das galaxias.

Secasí, a soidade non é menor nas cidades, estean ateigadas de xente ou deshabitadas, cunha morea de casas abocadas a se converteren en pardiñeiros. A natureza, acompaña. A xente que circula sen ver outra cousa que a súa présa e os reclamos do móbil, acentúa o illamento das persoas de idade.

É paradoxal que haxa quen pretenda expulsar os inmigrantes, esa transfusión de sangue novo que nos podería garantir un futuro. Seica é máis doado arrincar as árbores que prestarlles os coidados que precisan para se aclimataren e daren froitos. Nada estraño se reparamos en que, por outros métodos, xa é expulsada a xuventude do propio país.

Non sei como se arranxa isto, por iso non me dedico directamente á política aínda que, como galega que defende que Galiza teña instrumentos para se gobernar ela mesma, me implico. Tamén por iso, moitos dos que nos gobernan non deberían facelo. Castelao, no Sempre en Galiza, di que España non dá resolvido os seus pavorosos (sic) problemas e quere impedir que nós resolvamos os nosos.

Se cadra, a chave está no final do poema ao que me referín, un poema esperanzado malia todo: “Sentei na beira/ a pescar, coa árida chaira ás miñas costas/ Porei polo menos orde nas miñas terras?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña