16:17 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-04-2019

E non “entende” porque as “ideoloxías” non son meras “ideas” que se teñen, senón íntimos e agachados transfondos cos que a persoa se identifica nos seus modos de ver e de “entender”

AMLO, pobos orixinarios e Galicia

Valorar (14)

MANUEL CABADA CASTRO


Dende hai poucos días os medios de comunicación están a comentar o coñecido pedimento do presidente de México (Andrés Manuel López Obrador: AMLO) ó papa e mais a España de que sería ben recibida por el a solicitude de perdón, por parte de ámbolas dúas instancias, polas inxustizas cometidas cos pobos orixinarios americanos durante o proceso de conquista de hai xa algúns séculos.

Os comentaristas realizan obviamente o seu erudito labor desde as diversas propias concepcións nas que explícita ou implicitamente basean o seu discurso. Uns descualificarán sen máis, case a priori, un tipo de demanda como esa. Outros acudirán a explicacións máis concretas sobre o modo como presuntamente ocorreron en realidade as cousas para sacudírense así do lombo as cargas ou os cargos que se lles imputan. Os que se aliñen claramente coa demanda formulada serán seguramente os menos, pois é ben sabido que ós seres humanos non nos comprace moito a humilde melodía do recoñecemento das propias culpas. En calquera caso, e no que á Igrexa católica lle corresponde, é sabido que polo menos o papa actual si que recoñeceu e pediu perdón hai só poucos anos, na súa viaxe a Bolivia, polos crimes cometidos contra os pobos orixinarios durante a mencionada conquista de América.

Neste tema, porén, a cuestión debería centrarse, ó meu ver, non tanto na simple (por máis que sempre ingrata e custosa) solicitude de perdón –coa que presuntamente ficaría arranxado xa o problema- senón na recuperación ou rehabilitación (ou como a queiramos denominar) actual dunha situación a todas luces impregnada de inxustiza. A ollada non ha ser dirixida preferentemente, xa que logo, cara ó pasado senón cara ó presente e, polo tanto, sobre a base de tal renovado presente, cara a un porvir que satisfaga as xustas esixencias das culturas e dos pobos discriminados. En tal sentido semella ben plausíbel, por exemplo, a crítica que a AMLO lle formula Azucena Alfonsín (de apelido claramente galego, aínda que nada en México) no seu artigo ¿Qué hay detrás de la cortina de humo de AMLO? (“La Voz de Galicia”, 28 de marzo do 2019) cando ela comenta alí o seguinte (que traduzo pola miña parte ó galego): “A cortina de fume que lanzou López Obrador non fixo máis ca salientar a dobre moral dun país no que os gobernantes vulneraron repetidamente os dereitos dos indíxenas e que endexamais fomentaron o uso de linguas tan ricas coma o chontal, o náhuatl, o zapoteco e o mixteco. Un país no que prevalece un único idioma herdado deses conquistadores que agora se pretende xulgar e no cal as propias institucións relegan as linguas nativas ó uso familiar”.

Quero engadir a esta crítica política e lingüística do que ocorre no interior de México que tamén os galegos (indíxenas ou non deste fermoso país no que nos tocou en sorte vivir) temos tamén unha longa e ingrata experiencia de tales conquistadores, pois tanto aquí como noutras terras de ultramar teñen estes idéntica procedencia, como calquera lector, por pouco informado que estea, poderá comprobar por si mesmo a pouco que se interese pola cultura e historia do país. Pois é cousa ben sabida que dende hai séculos e ata o presente a lingua propia de Galicia foi e continúa a ser tamén discriminada a diversos niveis polos poderes civís e tamén eclesiásticos que nela ó longo dos tempos se foron cobizosamente instalando.

De modo que a solicitude de AMLO interpela de feito claramente a máis persoas e institucións das que nela son explicitamente indicadas. En realidade, no fondo desta espiñenta cuestión está agachada a da inxustiza e ilexitimidade de todo imperialismo por este tentar sempre intrinsecamente, dunha ou doutra forma, a subordinación dos outros pobos e culturas ós seus propios intereses e á ampliación do seu poder por medio da práctica colonizadora. Esta práctica continuou a ser tal -como ben indica L. Fernández Prieto (no seu artigo de opinión Imperiofilia: “La Voz de Galicia”, 28 de marzo do 2019)- máis alá do remate oficial dos tempos colonizadores, descolonizadores ou poscoloniais, pois alén deses tempos “as ideoloxías coloniais perduraron”. E no que concirne concretamente a España engade a continuación significativamente o mesmo autor, catedrático de Historia Contemporánea na universidade compostelá: “Nos últimos vinte anos ábrese camiño unha revisión decolonial do presente –e o pasado- nos debates intelectuais de todo o mundo occidental, nas universidades, nos medios e na sociedade. Pero non en España. Non se entende a López Obrador porque a España de matriz imperial non entende de que fala” (as cursivas son miñas).

E non “entende” porque as “ideoloxías” non son meras “ideas” que se teñen, senón íntimos e agachados transfondos cos que a persoa se identifica nos seus modos de ver e de “entender” cando non son sometidos á crítica e ós análises pertinentes. Dito máis concretamente, ese “non entender de que fala” está en conexión coa aludida “perduración” das “ideoloxías coloniais” máis alá das épocas concretas e explícitas das prácticas coloniais estritamente tales. Porque o que no fin de contas decide ou segrega tales prácticas é a interior actitude imperialista que se afirma a si mesma, por distantes que entre si sexan os diversos ámbitos culturais ou xeográficos nos que ela se insira. Unha boa mostra disto último é xustamente o que de feito ocorreu coa colonización castelá que se foi realizando a moi distintos niveis en Galicia nuns tempos nos que xustamente estaban en pleno auxe as prácticas e ideoloxías colonizadoras en terras americanas ás que AMLO fai referencia. Tamén os que nesta época descendían a Galicia desde a meseta castelá con aires conquistadores e colonizadores non eran capaces de entender que se atopaban ante unha cultura e un país distintos do seu, cunha longa historia de plenitudes ou fracasos, que había que intentar comprender e respectar.

Concretamente, no século XVI (a época das aludidas conquistas americanas) eran tamén abondosos os prexuízos dos foráneos adventicios que accedían con talante apropiador ou colonizador ó noso país. Así describía por exemplo o xesuíta Luis de Valdivia as xentes pertencentes ó entorno da localidade ourensá de Monterrei: “La más de la gente que habita en esta tierra es de suyo rústica y corta de entendimiento, que parece se asemejan a lo material de la tierra, que es áspera, montuosa e inculta”. Un modo de xulgar as culturas e os grupos humanos que curiosamente no ano 1566 Bartolomé de las Casas consideraba xa tamén como “certamente” erróneo cando el lle comentaba ó papa Pío V que os indios “certamente” non son “rudos y de tardo ingenio”...

Neste sentido cómpre engadir aínda que diversos historiadores (como E. Rivera Vázquez ou C. Fernández Cortizo) non deixaron tampouco de aludir a que era frecuente nesta época facer referencia a Galicia denominándoa co alcume de “otras Indias”, “las Indias de estas Partes” ou expresións semellantes.

De modo que, como se ve, á petición de AMLO teriamos se cadra que sumarmos tamén os galegos e outros pobos ou culturas europeas nun sentido reivindicador dun presente e futuro xusto, igualitario e libre para todos.

[03-04-2019 05:17] Everardo Luchetti comentou:

Los crímenes cometidos por los españoles hace unos cinco siglos en América son reconocidos como tal gracias al concepto de derecho, creado y adoptado por países europeos de entonces. Para muchos, los pueblos carentes de ese concepto básico de justicia estarían excentos de culpa por las atrocidades cometidas a su propia gente, como fue el caso de los Aztecas . No obstante hay que reconocer que los españoles de entonces fueron culpables. Debemos reconocer también que la historia de la infamia no empezó allí. Me atrevería a decir que casi todo el mundo fue teatro, en uno u otro momento, de tremendos crímenes contra la humanidad. Me pregunto entonces ¿Por dónde empezar? ¿No estaremos abriendo la Caja de Pandora? Porque no sólo naciones cometieron crímenes e injusticias , también las religiones lo hicieron. Pero hay otras consideraciones que hacer. Volviendo al caso de la Conquista Española ( y también ¿por qué no? las de Inglaterra y Francia en América del Norte), además de crímenes y abusos cometidos habría que tener en cuenta la nueva civilización implantada y sus consecuencias actuales. Como no se puede rehacer la historia, en un espíritu de justicia habría que hacer un balance. Es como con las personas: algunas culpas algunas virtudes. Como dijo el poeta "Todo es cuestión de medida....". Por mi parte, modestamente, yo absuelvo a España y por extensión a Europa.

[02-04-2019 10:51] JOSE MANUEL CABADA ALVAREZ comentou:

Moi oportuna a reflexión. A incultura dos invasores de todo tipo, non deixa frorecer a riqueza dos pobos, a suá lingua, o seu ser

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña