15:21 Venres, 24 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-03-2019

Escoitade!, e veredes que capacidade para seguir conmovendo e sorprendendo ten a poesía de Pondal

ESCOITADE PONDAL !!!

Valorar (28)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Nesta ocasión voume referir a algo que apenas ocupa a atención da política cultural das institucións galegas, tampouco das que teñen unha orientación nacionalista. É o coñecemento dos nosos poetas clásicos, os do século XIX. Parece que se ignora que son unha fonte de gozo, de pracer, de comprensión e coñecemento, tendo moito que nos dicir sobre nós e o mundo en que vivimos. Para alén diso, dan fe, ademais, das inmensas potencialidades e posibilidades que temos como pobo, sen case sermos conscientes moitas veces.

Entre as miñas preocupacións e obsesións por a situación de Galiza, e en particular o estado da nosa conciencia e mentalidade colectivas, mudar para mellor, ocupou e ocupa agora, con novos bríos, un lugar principal o coñecemento da historia e da cultura nacional, unha ampla e variada zona escura, ignorada, desaproveitada e mal valorada. Sei que, no caso dos poetas, esta obsesión tropeza con moi serios inconvenientes para concretarse en resultados tanxíbeis e eficaces. En boa parte, por ser a literatura escrita, en particular a poesía, de consumo moi restrito e sometida, no noso caso, a prexuízos e dificultades, entre as que figuran as que padece a propia lingua da que é inseparábel, ela mesma xa interdita, desatendida, tratada como se non merecese existir nin ser digna de escoitar ou ler con normalidade e usualmente.

Porén, existir, existe. E os seus poetas clásicos, os do XIX, non teñen parangón en ningunha das literaturas peninsulares dese século. Dígoo a man-tenta, sen estar cegado por un patriotismo que considerarían particularista e de ínfulas fanáticas aqueles que un día si e outro tamén fan ostentación de ignorancia e desprezo polo dereito á existencia do outro, do diferente nesta sacrosanta unidade de España. Poderíamos medir, tamén nesta cuestión da cultura en xeral e da literatura en particular, o caudal de desatención, de desprezo e de ignorancia institucional, académica e social inoculada desde dentro contra nós mesmos e desde fóra contra nós mesmos. A cultura galega, en todas as súas manifestacións, e en particular os seus poetas clásicos, levarían a palma nesta desconsideración. Polo tanto, falemos un pouco sen os complexos que nos alelan. E vouno facer cunha sonora recomendación.

No 2017 cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal, grande poeta clásico e autor da letra do himno galego. Pasou sen pena nin gloria no conxunto do país. Só houbo unha pequena excepción e un grande esforzo á altura de quen había que lembrar e merecía ser recuperado con toda a súa forza. A Sociedade Cultural Medulio de Ferrol, empeñada tamén na divulgación dos nosos poetas clásicos, a través de todos os medios á súa man, sen ningún tipo de axudas oficiais, canalizou os esforzos de varias persoas interesadas e cualificadas para montaren un espectáculo musical que, co título PONDALIANA, foi estrado no Teatro Jofre da mesma cidade o 23 de xuño dese mesmo ano. O éxito foi clamoroso, tanto como a indiferenza de todas as institucións a espallalo, malia o custe testemuñal que supuña. Só a Asociación Veciñal do Agra, do Orzán, empeñouse en levar o espectáculo ao Ágora da Coruña, onde puido ser contemplado, nunha versión unha miga máis reducida, volvendo a entusiasmar as persoas asistentes.

Afortunadamente, os esforzos colectivos son os que, ao cabo, dan froitos e axudan a resistir e avanzar. A existencia da AS-PG e da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA posibilitaron que, agora,  dous anos máis tarde da estrea do espectáculo musical, a banda sonora de PONDALIANA poda ser coñecida e escoitada coa aparición dun CD que veñen de editar. Crédeme se vos digo que vos vai sorprender. Ides quedar tan desconcertados, como compracidos, satisfeitos e admirados. Primeiro polos propios poemas de Pondal, feitos cancións. Un poeta tan descoñecido, e aínda enriba vítima de xuízos tan sumarísimos como pouco fundamentados de carácter moral, que curiosamente tanto crédito soen acadar entre o profesorado de galego e os sectores marxinais que se preocupan da nosa cultura nacional. Aquí verédelo no seu dicir tan diáfano como peculiar, tan heroico como tenro e señardoso, tan histórico ou protohistórico como doído polo seu presente escuro. Porque a letra, os poemas (seguindo a escrupulosa edición de Manuel Ferreiro), que sustentan as cancións e as provocan, ocupan o papel máis relevante sen que impidan unha melodía e un ritmo que os acompañan para proxectalos no noso presente histórico con máis eficacia. Quen son os cantores/as e quen os músicos? O núcleo principal que realizou o esforzo maior e que o CD recolleu na súa versión, fórmano  as voces de Xoán Padín, Lidia Piñeiro, Alberte López Porta e Roberto Vázquez; na parte instrumental, Andrés Pazos Bellón (piano), Alberte Maceiras (gaita), Alberte Núñez (acordeón diatónico), Soraia García Riveiros (frauta), Marta Varela Porto (óboe), Pablo Salgueiro Alonso (percusión), Víctor Gacio (baixo), Marcos Sánchez (marimba), Cabe García (guitarra eléctrica)....

O proceso para escoller os poemas e para musicalos foi, en boa maneira, colectivo. Xoán Padín, Lidia Piñeiro, Alberte López Porta, Andrés Pazos Bellón e quen subscribe somos os responsábeis da selección poética e tamén, en maior ou menor medida, segundo os casos, das melodías e a idea musical ...É de xustiza sinalar o arduo labor de arranxos que os cantores/a e músicos  devanditos, xunto con Alberte Núñez, realizaron para o resultado final ter sido o que vos animo a escoitar. Escoitade!, e veredes que capacidade para seguir conmovendo e sorprendendo ten a poesía de Pondal e que sorpresa ver como se adapta plenamente  a unha diversidade de xéneros e estilos musicais. Ah! se sodes reticentes a aceitar o que, a primeira vista, vos poda parecer máis que hibridismo cultural  un paseo polas músicas do mundo, non vos deixedes obnubilar.  O idioma e a capacidade poética transmitidas, a visión do mundo  son galegas,  nosas....e o outro, demostración de como somos quen de absorber todo o que nos sorprendeu e animou do mundo mundial por diversos motivos...Por último, para que Pondal exprese que era un home contraditorio, coas súas palabras, iremos a unha verbena que é unha mostra de bo gusto e alegría...Certo este é Pondal!!! Animádevos a escoitalo!!!




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña