08:03 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-03-2019

Temos un grave problema para manter accesíbeis os contidos que xeramos

O efémero do virtual

Valorar (8)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Hai aproximadamente catro mil anos os nosos antepasados deixaron gravados en pedra diversas figuras e símbolos, que se distribúen por practicamente todo o territorio galego, sendo os máis coñecidos os de Campolameiro. Son os petróglifos que durante milenios soportaron as inclemencias metrolóxicas para chegar aos nosos días. Hai figuras e símbolos de diverso tipo, formas xeométricas, labirintos, con forma de animais, ... todos eles gravados nas pedras, que, a pesar de que non era un material doado traballar, era o que material que máis a man tiña, e ademais duraba no tempo, chegando até os nosos días.  

Non está clara que cal era a intención comunicativa dos nosos antepasados á hora de deixar esculpido nas pedras esas figuras, mais é evidente que pouco pode diferir da intención que podemos ter hoxe calquera de nós ao subir unha foto a Facebook ou Instagram ou escribir un artigo no Terra e Tempo ou nun blog persoal en Wordpress ou Blogger. Sen embargo, a pesar de que hoxe en día temos unha maior facilidade á hora de xerar contidos de todo tipo, tamén temos a maior dificultade á hora de mantelos accesíbeis ao longo do tempo.  

Non hai moitos días coñecíamos por diversas publicacións que a rede social MySpace perdeu máis de 50 millóns de cancións e fotografías que os seus usuarios publicaron entre 2003 e 2015. Independentemente de que teñan maior ou menor calidade estes contidos que se subiron á rede social, está claro que temos un grave problema para manter accesíbeis os contidos que xeramos. Confiamos fotos, vídeos e textos a plataformas gratuítas, mais tamén de pago, sen reparar que en algún momento estes espazos poden darlle á tecla de “power off” e perdelo todo. Hai que ter en conta que esas plataformas dixitais, redes sociais, etc, nas que compartimos contidos de todo tipo son empresas privadas, que, como lle ocorreu a MySpace, poden cesar a súa actividade económica, e sen actividade non se poden xerar os recurso que permita manter eternamente accesos os contidos; isto ten un custe económico, e non é pequeno.  

Segundo diversos estudos cada minuto publícanse 216.000 fotos en Instagram, 277.000 tuits e 204 millóns de correos electrónicos. Un simple Tera de datos (1.024 xigas de datos) ten un custe de mantemento de 3.351 dólares ao ano. E para o ano 2020 xeraranse entorno a  44 zettabytes de datos,  é dicir, 44 mil millóns de Teras. Botade contas.  

Por outra parte, a este inmenso volume de datos tamén hai que engadirlle os contidos das plataformas dixitais de vídeo (Netflix, HBO...) cada vez máis estendido, que está a substituír os soportes físicos de películas (DVD, BlueRay, principalmente). Isto tamén nos leva a outra reflexión: acabaremos vendo o que estas plataformas queiran que vexamos, apartando os contidos que estas consideren “obsoletos” por non ser rendíbeis economicamente. Iso si, as campañas de marketing encargaranse de dicirche unha e outra vez que terás a oportunidade de elixir,  terás liberdade, mais só poderás escoller entre os contidos que che ofrecen, nin máis nin menos.  

Resulta paradóxico que nesta sociedade que ten nas súas a maior xeración de creatividade que tivo nunca a humanidade, ten tamén moitas máis dificultades para manter accesíbel esa creatividade ao longo de centos de anos, que os nosos antepasados que deixaron gravados en pedra os seus debuxos e que chegaron a nós despois de 4.000 anos a intemperie.  

Virtual é sinónimo de redes sociais, a nube, internet... en definitiva, a sociedade da información en confrontación co real, co mundo real e físico. E é certo, é un mundo aparente, non real e efémero, como acabamos de ver.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña