18:30 Martes, 23 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-03-2019

Eu sei que hai cristiáns galegos que senten a chamada do seu pobo e son coherentes coa lingua da Terra.

O galego e a Igrexa

Valorar (18)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Eu sei que hai cristiáns galegos que senten a chamada do seu pobo e son coherentes coa lingua da Terra.

IGREXA GALEGA, IMITA A XESÚS, FALA GALEGO !

Hai uns días asistín nunha parroquia galega do rural aos oficios de defuntos pola ancián nai dun meu amigo.

O oficio relixioso foi todo en castelán, sobre o corpo dunha muller que non falou na súa vida máis que o galego.

Pensar na muller, que coñeciamos moi ben, e escoitar ao oficiante lanzando aquela salmodia nunha estraña lingua erguía en nós un proído de fondo desacougo.

Era un acto totalmente contrario á estética: do intre, da memoria da finada e do contexto dos asistentes, penso que todos galego-falantes.

Un acto contrario á estética, e por tanto á ética e ao respecto que a Igrexa debería ter polo noso pobo e pola nosa lingua.

Temos escoitado de moitos ex-seminaristas a persecución da que eran obxecto por falar a lingua do País.

Ao que falaba galego  colocábanlle un anel que debía pasar a outro se o atopaba falando galego, criando así unha sinistra corrente de autorrepresión entre o estudantado do Seminario, case todo galego-falante.

Contábanme, que no Seminario de Ourense chegoulle a un pai dun seminarista entre os gastos do seu fillo un apartado que era una certa cantidade de pesetas que tiña que pagar en concepto de,  gallego; era a multa debida ao terríbel delito de ser atopado seu fillo, nada menos que,… falando GALEGO.

A unha autoridade eclesiástica de hoxe, oínlle comentar a veracidade distes feitos; Queríannos converter en señoritos! dicía el. Pero ao chegar ao poder institucional aqueles represaliados rapaciños da aldea asumiron, sen remorso de conciencia, o papel de represores para o que  foron eficientemente formados.

Como contrasta a actitude da Igrexa na Galiza (que non Igrexa galega) coa consideración aos seus idiomas das Igrexas vascas ou catalás, amén de estar ao pé das reivindicacións nacionais dos seus pobos!

A cousa xa vén de lonxe, a colonización sobre Galiza foi das primeiras.

Ollade o que o P. Sarmiento comenta no ano 1745:

“El Reino de Galicia, según el último cálculo, tiene el doble de almas de comunión que todo el principado de Cataluña. Este tiene 413 mil almas y Galicia 848 mil.”

O dado é estarrecedor: nesa data a poboación da Galiza era máis do DUPLO que a de Cataluña; hoxe debemos ser a terceira parte!

Segue, o noso beneditino espantado de como Galiza está inzada de cregos casteláns que non entende as confesións en galego, e manifesta a súa admiración polos catalás que, xa daquela, non consentían que viñese ningún confesor de España que non soubese o catalán.

Eu, diríalle á Igrexa en Galiza, que:

Cristo, con ser Deus, podía ter dado a súa mensaxe en LATIN, a lingua do imperio do seu tempo; e, NON o fixo!

Podía ter falado GREGO, a lingua da sabedoría daquel tempo; pois, NON o fixo!

Aínda podía ter falado HEBREU, idioma usado pola casta sacerdotal daqueles tempos; tamén, NON o fixo!

Foi quen de dar a súa ensinanza en ARAMEU, a lingua dos humildes carpinteiros de Nazaret.

IGREXA GALEGA, IMITA A XESÚS, FALA GALEGO!

Eu sei que hai cristiáns galegos que senten a chamada do seu pobo e son coherentes coa lingua da Terra.

A eles me dirixo para proporlle una estratexia que poida ser beneficiosa para consolidar una liturxia en galego en todo o País.

Dado que das autoridades eclesiásticas galegas non hai moito que esperar, seica non sería mellor presentarlle a cuestión directamente ao Papa Francisco?

Do mesmo xeito que nos casos de pederastia os bispos tapaban, ou ignoraban adrede, os casos que se lle presentaban, tivo que ser o Papa directamente o que dise a orden de actuación e destapar e por en mans da xustiza aos culpábeis.

Se cadra, o Papa, que procede de contextos coloniais, pode ter mais sensibilidade para o caso da nosa lingua que os seus representantes na nosa Terra.

Se el, dise a orden de normalizar a lingua galega na liturxia, estes “lacaios", se cadra, “empurrando coa barriga”, (como se di no Brasil) terían que obedecer.


[23-03-2019 09:23] Nuria comentou:

Non será por min... Eu sentinme chamada por esta vía, a defender a lingua pobre de Galicia na Igrexa, contracorrente, con esforzo, sen descanso, sen pedir permiso, sen esperar nada... Tocando a túnica do mestre para ver se cura esta hemorraxia, con orgullo de ser galega, co penar de non falar galego ata os trinta. A pesares da Igrexa, a pesares dos galeguistas que tampouco nos apoian por ser do eido relixioso. Seguimos adiante na proba do deserto...

[22-03-2019 18:15] Xosé María Pin Millares comentou:

No Seminario falar galego supoñía a posibilidade de cometer tres "delictos", polo menos, que traducían nos apartados das notas de conduta xeral, de urbanidade e en deberes relixiosos, en xeral, non había moito rigor. Nas intervencións en público había que ter moito coidado noncaer en "gallegadas". Sen embargo, en Lugo, o director espiritual, o bondadoso don Pegerto, utilizaba moito o galego e era moitos máis ameno nesta lingua.

[22-03-2019 10:26] A.X. del Caño-Varela comentou:

Estimado Cesar, Non perdas o tempo, a Igrexa católica non foi, non é, e dubido moito que sexa galega no futuro. Quen desexe escoitar a mensaxe de Xesús dos beizos dos cregos da xerarquía católica terá que facelo ou en Portugués ou en Castelán....ou en calquera das miles de linguas do mundo....agás, claro está, en galego. Paradoxalmente, nos Salesianos-Coruña, nos sesenta, moitos cregos novos aprendían linguas indíxenas (americanas, africanas... etc) para acudir in situ e evanxelizar e darse a entender cos locais…..

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña