02:09 Xoves, 22 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2019

Autores que xa daquela situaban o pensamento de Castelao no seu sitio e apuntaban a potencialidade que este autor tiña para inaugurar unha liña produtiva de pensar a propia realidade desde esta mesma realidade

O epistemicidio na Galiza

Valorar (15)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Con motivo do 75 aniversario do “Sempre en Galiza” tivemos a oportunidade de debater sobre a vixencia desta obra en Ferrol na presentación do “Sermos” que recollía esta conmemoración.

Vai alá 75 anos da súa publicación, mais tamén 35 da de “Castelao, contra a manipulación” que a Federación de Asociacións Culturais Galegas tirara como resposta ao intento de asimilación deste autor, quen -coa traída dos seus restos- algúns pretendían facer pasar por avalista do réxime do 78 no que Galiza e o nacionalismo galego quedaban fóra de xogo.

Coincidimos con algúns dos autores daquel traballo, Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez, na actividade da S.C. Medulio que sinalamos. Autores que xa daquela situaban o pensamento de Castelao no seu sitio e apuntaban a potencialidade que este autor tiña para inaugurar unha liña produtiva de pensar a propia realidade desde esta mesma realidade, sen rexeitar participar na conversa universal, senón precisamente para esixir que ninguén fale por nós e que se nos permita expresar o que temos que dicir coas nosas palabras. Compre lembrar que houbo un espistemidicio frustrado e que non só se cinguiu a obra deste autor senón que se pode estender todos os escritores e pensadores propios. Fronte a iso foi preciso un traballo inmenso desde fóra da academia, como o que representa este libro ou outras obras que a través da AS-PG, A Nosa Terra, a Semana de Filosofía, e de diversos proxectos de base do país se estaban a levar a cabo. Grazas a iso logrouse impedir que este tipo de saber subalternizado non fose liquidado tal como se pretendía.

Mais como non foi posíbel exterminalo, moi pronto, o poder se veu na obriga de tentar apropialo. Aquel libro sobre o autor do “Sempre en Galiza” tiña un elenco que -mesmo contando co primeiro catedrático de lingua e literatura da universidade galega, ou precisamente por quen era Carvalho- podemos afirmar que estaba á marxe da “oficialidade”. E lembro o impacto na nosa xeración: É posíbel un Castelao vivo que aínda nos ten moito que dicir. Así, nas asociacións culturais, nos institutos, na universidade, e sobre todo nos pubs e tabernas, discutíase sobre esta obra. Por iso, cando chegou o Congreso Castelao do ano 86 xa era imparábel a enxurrada de mocidade que ía participar nel con achegas novas na liña da fenda aberta polos autores destes textos do 84. Falo da xeración dos que contábamos entón cuns vinte anos e que considerábamos que tiñamos algo que achegar ao respecto. Eramos máis atrevidos que sabios, e fóramos aguilloados a pensar por nós propios por acontecementos como a devandita obra. Só do meu concello intervimos no congreso un grande número de rapaces que viñamos de saír do Instituto (quizais non sexa casualidade que nel estivese un dos asinantes dos traballos referidos, Francisco Rodríguez, como profesor). Mais que pasou entre o 84 e o 86 para que houbese ese empuxe a falarmos de Castelao? Pois pasou o 85. No 85 houbo o centenario de Rosalía. E asistimos á morte da Rosalía morta que traían a ombreiros tamén os que seguimos a chamar “oficialidade”. E presenciamos o florecer da Rosalía viva que desde había algúns anos tiñan resucitado precisamente quen colaborara na obra colectiva que lembramos aquí sobre Castelao. E alí estaban unhas institucións académicas e culturais que sabían que se tiñan que redefinir para lexitimarse e non verse arrastradas coa defunción da versión da “santiña choromiqueira” que xa non se sostiña por ningún lado. E contemplamos en vivo no Congreso Rosalía como desde aquelas cátedras universitarias vedadas ao nacionalismo usurpaban a terminoloxía e as análises dun Francisco Rodríguez sen citalo, e moitos que estabamos na sesión do edificio do Concello de Vigo lembramos a intervención de Pilar García Negro reclamando un recoñecemento da autoría destas teses que se viñan combatendo até que finalmente, diante da derrota intelectual que supoñía darlle a razón, non se lle ocorre mellor cousa que expropialas para atribuírse o mérito.

E isto foi un revulsivo para lanzarnos a intervir coas nosas propias análises, sen agardar a sanción administrativa ou o parabén de ningunha autoridade académica que perderan -ao noso xuízo- toda credibilidade.  O saber institucionalizado non achegaba nada novo, era un freo ao coñecemento e só respondía ao interese de xustificar o seu propio status como un xeito de acreditar a validez das súas teorías no feito de que proveñan dunha canle oficial e non polo peso e probas da súa argumentación. Descatalogaban aos que estaban fóra do círculo do poder pola súa militancia: se eran activistas, eran parciais, xa que logo, non eran científicos. Pero nós sabíamos doutros países onde a ciencia militante tiña prestixio, sabíamos dun Jean Paul Sartre, dunha Simone de Beauvoir, e sabiamos de que a anomalía tiñámola no noso país. Todo iso fixo que o diletantismo e as carencias de todo tipo que a nosa xuventude nos impuña non freara aquela ousadía de ler directamente a Castelao no seu centenario e tirar as nosas propias conclusións.

Era unha batalla pola xustiza cognitiva (en termos de Boaventura de Sousa Santos). Un combate contra o epistemicidio (en termos de Catherine  Walsh). Unha contenda na que nos xogamos a autoconciencia. Por iso hoxe, como hai 35 anos, como hai 75 anos, temos que seguir a facer un chamado a saber de nós, a escorrentar tanta autoignorancia inducida e de asumir a febleza que representaría construír a propia liberación desde o descoñecemento da propia experiencia intelectual e social que nos achegaron quen nos antecederon no uso da palabra, e do terreo no que nos movemos, isto é, de Galiza.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña