19:33 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2019

Os Balcáns e o Exeo son escenario de movementos, sen apenas repercusión informativa, que poden crear unha situación de inestabilidade nunha rexión historicamente moi convulsa.

Non perdamos de vista os Balcáns

Valorar (12)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Os Balcáns e o Exeo son escenario de movementos, sen apenas repercusión informativa, que poden crear unha situación de inestabilidade nunha rexión historicamente moi convulsa.  


Quen seguimos con intensidade a política internacional levamos moitos meses centrando a nosa atención case exclusivamente nos movementos que se producen no taboleiro latinoamericano e fundamentalmente venezolano;  outro tanto aconteceu anteriormente con Siria.
Pode dar a impresión de que o imperialismo está a xogar todas as súas cartas neste momento no intento de controlar o petróleo venezolano, pero moi errados estamos se pensamos que o imperio xoga só con unha baralla; prodúcense movementos igual de importantes, e as veces simultáneos, noutras zonas do planeta.

Na súa carreira por manter a hexemonía política, económica, cultural e militar os EEUU xogan sempre en varios taboleiros, ampliando a exposición mediática de uns para que os movementos que se producen noutros pasen desapercibidos. Por poñer un exemplo moi recente desta actuación, a decisión adoptada por Trump o pasado 2 de febreiro de abandonar o  Tratado INF (Tratado de Forzas Nucleares de Rango Intermedio) pasou sen que case o soubéramos, pese a ser un tratado importantísimo, pois a súa sinatura por Reagan e Gorbachov en 1987 supuxera o inicio do fin da Guerra Fría, e até hoxe o devandito tratado considerábase como a garantía de seguridade para Europa occidental.

Outro tanto poderíamos dicir ao respecto de movementos que se están a producir na zona dos Balcáns e do Exeo  sen apenas repercusión informativa, movementos que poden  crear unha situación de inestabilidade nunha rexión de Europa historicamente moi convulsa.  Lembremos que a tensión nos Balcáns foi a espoleta que deu inicio á Iª Guerra Mundial, esa zona viviu a última guerra producida en Europa entre 1991 e 2001; e o control do Exeo ten sido historicamente motivo de enfrontamento entre Turquía e Grecia.

A finais de 2018 producíronse dous importantes movementos na zona por parte dos EEUU, que teñen como obxectivo poñer pedras no camiño de China que ten en estudo crear un dos brazos terrestres da Nova Ruta da Seda que pasando por Teheran, Istambul e Belgrado poida chegar ao centro da Unión Europea. Eses movementos foron, o anuncio da creación dunha nova base militar da OTAN na cidade albanesa de Kucova e o apoio á creación dun exército permanente en Kosovo. A creación da primeira base militar da OTAN na zona occidental dos Balcáns as autoridades albanesas xustificárona pola necesidade de poñer coto á influencia de Rusia, China e Irán na rexión; e a creación dun exército en Kosovo moi aplaudida polos EEUU vai en contra vai contra a Resolución 1244 do Consello de Seguridade da ONU que establece a existencia dunha forza internacional como encargada da seguridade de Kosovo.

A todo o anterior únese á ampliación da OTAN na zona, coa entrada de Montenegro en 2017 e a inminente de Macedonia, despois de ter mudado o seu nome polo de República de Macedonia do Norte diante do veto imposto por Grecia por medo a que tentara anexionar a provincia grega chamada Macedonia.

Con estes movementos de fichas nunha zona xa de por si convulsa, os EEUU teñen cada vez máis peóns para provocar, cando o consideren preciso, unha inestabilidade que poida levar a China a desbotar o proxecto dese brazo terrestre da Ruta da seda, pois China non estaría disposta a facer os importantes investimentos que precisa construír ese brazo se non contara con garantía de estabilidade que lle permitira levar adiante o proxecto.

As tensións existentes desde hai tempo entre os intereses de Turquía, que quere asumir o papel de principal potencia rexional no leste do Mediterráneo e no Oriente Próximo, e os dos EEUU, están levando a estes últimos a buscar novos aliados preferenciais para contrarrestar a influencia dun  Erdoğan que considera aos norteamericanos partícipes do golpe de estado falido de 2016. Ademais Turquía non quere ser dependente dos EEUU e quere intensificar as súas relacións con Rusia en determinados ámbitos, entre eles o militar.

Neses movementos destaca o aumento da presenza militar norteamericana en Grecia, co aumento e modernización da presenza aérea e a ubicación de drons de última xeración na base aérea de Larisa; e segundo diversas fontes tamén hai conversas para instalar unha nova base na illa de Kárpatos para cazas e mísiles Patriot.

A ampliación da cooperación militar coa Grecia de Tsipras permitiría aos EEUU ser menos dependente das bases que ten en territorio turco á hora de desenvolver actuacións na rexión, e ao mesmo tempo enfrontar a influencia China, que nos últimos tempos ten dado importantes pasos adiante, destacando o control comercial que xa ten do porto do Pireo, que é básico para a Ruta da Seda Marítima.

Pero o achegamento a Grecia pode aumentar o tradicional enfrontamento entre gregos e turcos que de cando en vez fai aumentar a tensión na zona. Lembremos que ambos estados membros da OTAN están enfrontados en Chipre, que aínda non está reunificada, e no pasado mes de maio produciuse un novo episodio de tensión dos que hai a cada pouco, nesta ocasión  coa morte dun piloto grego, despois de interceptar avións turcos supostamente invadindo o seu espazo aéreo.

O que está claro é que nin Trump é un lunático nin os norteamericanos actúan por arroutadas, senón que moven os peóns en función dos seus intereses;  por iso debemos sempre desconfiar de cando todos os focos se centran nun só obxectivo, moi probabelmente fóra do alcance das luces estarán movendo outros peóns en operacións igual de importantes pero ás que non lles interesa dar repercusión mediática.






Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña