22:55 Luns, 19 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2019

Para alén dos pequenos xestos diarios que teñen a súa importancia, non debemos consentir que a atención se desvíe do verdadeiro responsábel da crise ambiental actual

Fast fashion

Valorar (156)

ROBERT NEAL BAXTER


Moi apesar do que opinen negacionistas como Raxoi e seu curmao ou Trump, que pretende intensificar a queima de carbón, un recente informe científico indica que, se non se tomaren medidas urxentes, e lonxe de ser unha simples hipérbole, ultrapasaremos o ponto de non retorno na mudanza climática en pouco máis dunha década, con consecuencias realmente apocalípticas.  

Que tipo de medidas se están a tomar, logo?  

A reacción do público após a emisión do programa Blue Planet empurrou o goberno británico a contemplar a proibición dos cotonetes e palliñas de plástico, que se somaría ao esforzo global por eliminar as bolsas de plástico dun só uso, mediante, quer proibición, quer cobranza.  

Un outro exemplo témolo no caso da substitución dos veículos con motores diésel (cuxa venda se fomentou durante anos através de prezos de carburante máis baixos) polos de gasolina e, sobretodo, polos carros eléctricos. Nada se di a respeito da pegada de carbono que implica a compra desnecesaria dun veículo novo, para así estimular o mercado da industria automobilística. Tamén non se explica que a electricidade para carregar os novos carros menos contaminantes, nalgúns casos gratuitamente, non chove do ceu, mais provén maioritariamente de centrais, à súa vez contaminantes, e dos ríos e parques eólicos galegos: resulta moi fácil roubar o alleo para regalalo depois, sen pensar nas consecuencias.  

Para alén dos pequenos xestos diarios que teñen a súa importancia, non debemos consentir que a atención se desvíe do verdadeiro responsábel da crise ambiental actual: a desregulamentación da industria que sustenta o libre mercado e a competición, pilares básicos do sistema capitalista.  
Mais tamén segue a ser verdade que o persoal é político e que a soma das accións individuais si que ten un impacto innegábel. É suficiente unha soa gota para facer transbordar finalmente o copo. Como cidadás e cidadáns comprometidas co futuro do noso país, que non é alleo a estas iminentes ameazas globais, non podemos ficar de brazos cruzados e debemos asumir a responsabilidade dos nosos actos.

Cal é, pois, o sector máis contaminante, inimigo principal a combatermos? A extracción e a refinación do petróleo? A minaría? A fundición do chumbo? Talvez a industria química? A produción agropecuaria?  

Se callar, surpreende aprender que, para alén das discrepancias a respeito da súa clasificación exacta, é a industria téxtil a que se acha entre os sectores máis contaminantes. Trátase tamén, à súa vez, do sector no cal máis directamente podemos incidir como consumidor@s, ao depender en grande medida da roupa que compramos.  

Xunto con alimentarse e acubillarse (sen despexos...), vestirse é unha das necesidades humanas máis básicas. Vestímonos tod@s, todos os días.

A produción industrial da roupa permitiu unha certa democratización da moda nos países ricos nos últimos decenios, mais este proceso tamén ten un prezo, tal como se desvela no documentario The True Cost.  

O capitalismo procura empurrarnos por todos os meios ao consumismo desenfreado e, se ben vestirse é unha necesidade básica de primeira orde, a compra continuada e desnecesaria de roupa barata non o é. A envergadura da problemática é maiúscula, como indica o facto, por exemplo, de o consumo no sector téxtil rexistar unha suba espectacular de case 40 % no Reino Unido en apenas 4 anos (2001-2005).  

O crescente fenómeno recente, coñecido polo anglicismo fast fashion, é tan saudábel como o fast food construído sobre o modelo ianque macdonaldiano con que partilla nefastas similitudes. Non nos enganemos: por moi barato que pareza à primeira vista, o barato termina sempre por saír caro a moitos níveis. Alguén acaba sempre pagando a factura, e non son obviamente as grandes multinacionais, que o único que perseguen é incrementar o seu lucro.  

Por un lado, quen carrega co custo é a man-de-obra barata empregada no sector téxtil, composta maioritariamente por mulleres e crianzas que traballan en pésimas condicións, non só nos países empobrecidos como o Bangladesh onde morreron máis de 1000 persoas  en 2013, mais tamén na Galiza. A democratización da moda rápida de usar e tirar eríxese sobre a súa miseria.  

E, por outro lado, a industrial téxtil xera importantes problemas ambientais, desde o monocultivo do algodón, até a contaminación de varios tipos (acústica, do ar, do solo e dos acuíferos) que deriva do procesamento e o tinximento dos tecidos. E isto sen contarmos os 6 millóns de toneladas de lixo anuais xerados pola roupa na UE, a maior parte xestionados mediante aterro, que chega a representar 5 % do total dos residuos, dos cales unha grande parte deles están compostos por material de tipo sintético non-biodegradábel.  

Hai que recoñecer que non todo o mundo ten un salario que lle permite acceder à roupa de liño orgánico e que a industria do téxtil pasou por un certo proceso de ‘democratización’ da moda. Porén, se ben terminará por nos afetar a tod@s, a contaminación non é tan democrática, ao golpear en primeiro lugar os países máis empobrecidos para fornecer roupa superflua barata para os países máis ricos de Occidente. Perpetúase así, sob un novo cariz máis oculto, o modelo colonial que segue a ser un dos alicerces que sustentan o capitalismo.  

Non é, obviamente, unha cuestión de deixarmos de comprar roupa, mais de consumirmos de xeito informado, racional e moderado. Para alén das consecuencias para as traballadoras e o preocupante impacto que ten a industria sobre o meio, hai que tornarse consumidoras responsábeis para evitar caír na armadilla de nos deixarmos enganar por unha industria capitalista que nos quer facer crer que o escravismo que supón a moda barata é unha expresión de liberdade.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña