10:52 Domingo, 20 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-02-2019

En Prosas apaixonadas Foxo recolle unha mostra de artigos publicados nos últimos anos no Terra e Tempo dixital e no xornal Sermos Galiza

As Prosas apaixonadas do Foxo

Valorar (18)

LOIS DIÉGUEZ



"Quen isto escribe tivo a sorte de ser lector apaixonado de periódicos desde moi adolescente" di Manuel López Foxo na Nota preliminar ao seu último libro, "Prosas apaixonadas". E máis adiante conta cousas que me encantan, como que tamén de moi novo recortaba e gardaba noticias de actos destacados, artigos e incluso páxinas enteiras que lle permitían ler os textos preferidos cantas veces quixo ou precisou. Tamén eu facía o mesmo e hoxe conservo unha chea de volumes aos que acudo arreo para rescatar da memoria datas e nomes e lugares que doutro xeito non sabería, pois non aparecen nin en libros nin nas web, polo tanto materia histórica que de non ser por isto non existiría.

En Prosas apaixonadas Foxo recolle unha mostra de artigos publicados nos últimos anos no Terra e Tempo dixital e no xornal Sermos Galiza, "aqueles textos que están máis traballados, que foron escritos con máis amor..." dinos. E velaí que así é. Artigos e leccións necesarias para hoxe porque son luz e amor, efectivamente, porque cando se escribe con amor ao país e ás súas xentes, e con esa ilusión didáctica de contar, dicir, expresar o que se ama, analizar a idea en acordo ou desacordo, loando sempre, ou respectando sempre á autora ou autor; cando se escribe así, digo, o resultado acollerá o magnífico, porque informa e dá unha visión global desde noso, desde o propio e non desde o alleo. Sempre me agradou, e loei os traballos do Foxo precisamente por levar esas características, así que non copio as súas palabras senón que as confirmo como lector seu.

O libro está dividido en apartados temáticos: A nación que soñamos, Do que nos foi iluminando por dentro, Desde a indignación, e Alén Nós. Como verdadeiros capítulos da nosa vida, porque ao final, recollidos nun volume, iso mostran. Da vida individual e colectiva, do canto aos amigos e amigas, daquela cousas que nos agradaron ou indignaron, daquela xente de fóra, doutras terras e culturas diferentes das que aprendemos abrindo os nosos allos ao mundo desde o noso mundo. E aí aparecen as figuras que o Foxo admira ou das que gusta en amplo e xeneroso abano, recollendo, moi atinadamente, grande parte da nosa historia mostrada en feitos individuais e colectivos nos que a arte, a mestría da escrita son como unha caixa de agasallos primorosamente envolvidos. Desde Murguía ou Vilar Ponte, Otero Pedrayo, Paz Andrade ou Ramón Piñeiro, a Moncho Reboiras, Manuel María, Francisco Carballo, Francisco Rodríguez, Felipe Senén ou M. Pilar García Negro ou Xaime Bello.

A iluminación que o feriu e embeleceu: a língua (Que a nosa língua continúe, que Galiza siga), os rostros das pinturas de Giotto, Goya e Díaz Pardo, a mestría de Luís Seoane, o Mondoñedo de Cunqueiro ou a poesía (tamen en estudo longo) de Manuel María, moitos título con certo humor e sorrisos, características do Foxo, atractivos, como Do que Álvaro Cunqueiro lle dixo a Manuel Hermida en Santa María de Monfero, A tertulia do Kirs, De cando Avilés de Taramancos durmía debaixo dun piano de cola e Urbano Lugrís escoitaba a música secreta que soaba dentro da cabeza do poeta, ou Novoneyra, palabra luminosa no medio da espesa néboa que nos invade, De Rosalía a Xoana Torres, Os fados de Francisco Souto, un poeta do que tamén eu son gustosísimo... E na indignación do Manuel López Foxo as actuacións negativas para o noso país a respecto do idioma ou da persecución a figuras chave de noso (Carta aberta á Real Academia Galega ou Contra a cultura da efeméride).

"Fuxín sempre da escritura fría, sen presenza do sentimento, sen unha certa emoción, sen a máis mínima relación coas vivencias máis persoais, rigorosamente académica", di o Foxo. A paixón, en efecto, que nos move e nos fortalece. Que mostra a vida, o nervio, o corazón, o sentimento... o humanismo en fin. Así é o noso amigo Foxo. Así escribe e vive e sorrí e estrea arreo iso que se perde, o afábel, o formigo do corpo cando gozamos da comunicación, o vaso arredor da mesa de mármore no Café Cantante. As Prosas apaixonadas comunican e fan ver cousas que ao mellor non vemos nin pensamos. En toda esta fermosa historia de creación e pensamento do libro só atopo     unha pexa: que fora editado polo mesmo Foxo, e iso lévame a pensar no desagradecidos e fríos e despreocupados que podemos chegar a ser cos demais, cos compañeiros e as compañeiras, coa historia mesmo. Mais, gozade del, abrídeo, tocádeo, ulídeo, pois todo iso é o espírito  do libro. Parabéns, meu amigo, e bótanos máis desas follas de cores entusiastas.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña