19:30 Martes, 25 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-01-2019

Venezuela tivo sempre que defenderse. Defenderse de ameazas, defenderse de ataques imperialistas, defenderse do capitalismo máis atroz

Se non gaño, non xogo!

Valorar (10)

NAVIA RIVAS DE CASTRO



Ou hai eleccións ou recoñecemos un “presidente” golpista non electo. Basicamente, ou hai eleccións ou non as hai. Dános igual porque temos claro a quen imos apoiar a calquera prezo.

E neste caso o prezo é a democracia e a soberanía dun pobo.

Pois, señoras e señores, esta é a actitude da Unión Europea.

A que pacta un comunicado onde esixe a Maduro que convoque eleccións ou recoñecerá o golpista Juan Guaidó como presidente. A que esquece que as últimas eleccións presidenciais celebradas en maio de 2018 – e que, por certo, xa eran anticipadas – deron a vitoria a Maduro con case un 68% do voto.

A Unión Europea dos mesmos que dicían “por se acaso” que non había condicións para as eleccións de 2018. Que non había condicións,non vaia ser que saia quen non debe, non vaia ser que saia quen non nos convén e entón por se tal, dicimos que non hai condicións. Anticipaban o que está a suceder nestes días. Anticipaban unha posible lexitimación do golpe.

Non dixeron o mesmo cando foi a oposición a que gañou con maioría absoluta nas últimas eleccións lexislativas, nas mesmas condicións. Daquela, as eleccións si que valeron.

Así que... se non gaño, é porque os outros fan trampa. Se non gaño, non xogo. Tería incluso a súa graza se non estivese en xogo o futuro dun pobo.

Tamén tería a súa graza a campaña mediática á que asistimos desde o 23 de xaneiro, porque non merece o nome de “información”. Esta concatenación de feitos responden a unha actuación golpista do puro estilo de finais do XX ou do XXI, un paso máis na inxerencia imperialista nun estado soberano. Non dista moito do que fixeron con Allende en Chile, nin dos sucesivos ataques a Cuba, nin mesmo dos outros ataques que Venezuela resistiu e combateu.Mostra disto é a rapidez coa que Trump recoñeceu o golpista Juan Gaidó, e os inmediatos apoios que recibiu por parte dos gobernos latinoamericanos aliados do mesmo. O plan deixaba ver claramente as súas intencións xa cando o Vicepresidente dos EUA Mike Pence chamou a manifestarse pola “liberdade” ata rematar co goberno de Nicolás Maduro. Mesmo houbo ameazas de invasións militares se non se acepta o novo marco.

Por suposto, tamén é apoiado pola dereita do Estado Español e mesmo por sectores autodenominados de esquerda, onde o presidente Pedro Sánchez, e outros dirixentes históricos do PSOE seguen a mesma liña ca Vox, o PP ou Ciudadanos.

Nos últimos tempos Venezuela avanzou nos máis diversos ámbitos, desde a erradicación do analbafetismo á mellora do acceso á saúde e á vivenda. Agora enfróntase – noutro nivel – ás sancións e bloqueos impostos pola Unión Europea e os EUA. Sempre no nome da liberdade. Mentres, as clases dirixentes das “democracias occidentais” brindan e bailan. E os venezolanos non quererán unha “democracia occidental”? Pois, que queredes que vos diga, paréceme ata lóxico.

Queda claro que a manobra consiste en continuar a asfixiar a economía venezolana e incentivar unha invasión, que os medios venderán como “restauración democrática” ou “intervención humanitaria”, coma cando era preciso “devolver a paz e a estabilidade” a Chile. Quizais, só quizais, non sexa unha cuestión de democracia senón de petróleo e ouro. Quizais estean pensando xa nun baño de sangue, quizais despois de Arabia Saudita, Afganistán, Siria e Libia non teñamos xa o dereito de mirar para outro lado.

No hipotético – e probablemente ridículo – caso de que si que houbese unhas novas eleccións e gañase de novo Maduro, que pasaría?Sabemos ben que os pobos rebeldes estorban, sabemos que non é a vontade popular nin a legalidade sequera o que lle importa ó imperialismo. O capital non está disposto a permitir que os pobos loiten pola súa liberdade e soberanía.Esixamos respecto pola soberanía do pobo venezolano e facemos un chamamento a participar nas mobilizacións solidarias fronte a esta agresión.

Venezuela tivo sempre que defenderse. Defenderse de ameazas, defenderse de ataques imperialistas, defenderse do capitalismo máis atroz.

Salvando as distancias e o Atlántico de por medio, niso non somos tan diferentes. Confiemos en que o pobo venezolano resista e venza de novo, e continúe a construír o seu propio futuro sen inxerencias externas.





[30-01-2019 19:40] Tino Pardo comentou:

Explicacións:
Petroleo baixa de 150 a 50 dólares
Petróleo 96% exportacións Venezuela
Fame nas familias
Inseguridade pavorosa nas rúas
Éxodo de millóns de nacionais. Dramas familiares
Oposición dividida
Ilegalidade gubernativa = nova Asemblea Constituínte.
Eleccións Presidenciais irregulares (sendo prudente de máis)
Dilacións e falla de sinceridade no diálogo auspiciado polo Vaticano.
Creo que a única saída pacífica consiste en eleccións libres, presidenciais e lexislativas, rápidas e con liberdade garantida para todos.
A represión non é saída -menos a intervención foránea.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña