12:38 Sabado, 23 de Febreiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-01-2019

A literatura como espello de coñecemento. O legado interxeracional da loita de clases antifascista

As pontes do rio Lethes de Florival Lança

Valorar (9)

MARTA DACOSTA ALONSO



A finais do ano pasado, Moncho Boán, quen durante tanto tempo foi responsábel de Internacional na CIG, propúxome presentar a última novela de Florival Lança en Vigo. Foi así como cheguei a esta obra, da que hoxe quero falar, porque, como dicía recentemente o poeta Miguel Anxo Mato Fondo nunha entrevista: a literatura é un espello. E engadía: "Escribir ante todo é coñecer. Non rematas de coñecer algo da túa vida ata que o escribes”. Eu, que non podo estar máis de acordo, parafraseo e digo, coñecer algo do contexto que te rodea, a túa sociedade, o teu tempo.

Cando tomamos este libro na man, comprobamos que o seu título nos remite directamente á lenda do Lima ou Limia, confundido co Leteo polos soldados romanos. E certamente o autor xoga co significado desta lenda, co esquecemento e a transmisión, coas pontes que nos permiten cruzar o río, un río en que non queremos mergullar para non esquecer, a pesar de que esa sexa a primeira intención, como así desexou nalgún momento a personaxe principal da novela.

Ese é o tema, non esquecer, tender pontes para transmitir, herdar, manter a conexión entre o pasado e o presente, as xeracións que nos precederon e as que hoxe teñen que empuñar o leme; tender pontes entre o pobos que se afastan estando ao lado e se descoñecen téndoo todo en común.

Que é As pontes do río Lethes?

As pontes do río Lethes (2018, Porto, Mário Brito Publicações) é unha novela de personaxes que, como o propio autor di no prólogo, son as responsábeis da evolución do relato: “… acabaram por ser os percursos e as escolhas das próprias personagensa conduzirem-me à fronteira…” (páx. 11).

E que tipo de personaxes? Personaxes vencidas pola vida. Dixo Borges: “Os homes sempre buscaron a afinidade cos  troianos derrotados, e non cos gregos vitoriosos”. E penso que iso talvez sexa porque a literatura é espello e devólvenos a imaxe do que somos e do mundo en que vivimos. Vencidas e vencidos. Vencidos como o protagonista Lucas Mariano, o mozo que quedou no paro grazas á crise económica e acabou sendo un desherdado e, nese declive social, diríxese directamente ao inferno do cárcere por non poder pagar un café; o comisario que ve no desempregado caído en desgraza a oportunidade de resarcirse do fracaso coa filla; a moza Mariza vítima de feminicidio; o vagabundo Orelhudo, o sen teito que tenta superar o estrés postraumático da guerra colonial; o cura pederasta don Amancio; o maltratador Raimundo e a súa muller Dulce; o especulador Cesar Montilla ou a galega Carmen que guiará a Lucas a un mundo novo onde terá por mestre a Don García, personaxe cun nome ben simbólico que nesta novela é o que abre a porta ao camiño a seguir e representa a transmisión interxeracional da loita de clases antifascista.

Os obxectivos do autor e a estrutura da novela:

Florival Lança di no prólogo que cando comezou a escribir esta novela era outro o seu obxectivo, mais, finalmente, temas como a realidade política de Galiza, non podían ser esquivados sen máis. E nós debemos sinalar a importancia da tarefa acometida: explicar a través destas personaxes que é Galiza, quen somos as galegas e os galegos ou como pensamos. En definitiva, falar do nacionalismo galego. Por iso eu digo que o tema do libro son, precisamente, as pontes. Tender pontes no tempo e no espazo. Lucas abandona a vida en Portugal e diríxese cara á Galiza (outra vez a emigración a cebarse na mocidade, como antano, como na Galiza, como en Portugal), convértese nun traballador transfronteirizo que acaba por ter éxito na súa empresa.

Talvez falarnos das consecuencias da crise para a mocidade, inserindo esta liña mestra do relato na descrición da sociedade actual coas súas lacras e defectos era a idea inicial do autor, mais ao final a obra é máis. Por iso prestamos atención á súa estrutura ao comprobarmos que no centro do relato a violencia contra a muller toma o protagonismo e con ela toda a monstrosidade da sociedade patriarcal e capitalista que permitiu durante séculos que o poder, patriarcal, militar e eclesiástico, destrozase tantas vidas. Será xustamente a violencia a que sinale un punto de inflexión na novela en que, a través da personaxe protagonista, hai un intento de superación do sistema que nos oprime, e nesa superación aparecen dous dos capítulos máis significativos en que ten lugar unha longa conversa entre Don García e Lucas, capítulos que poderiamos titular: a transmisión do legado.

Nesta parte da novela, Don García pasa a ocupar o lugar simbólico das xeracións pasadas. Son os capítulos máis longos, os de maior afán pedagóxico, obedecen á necesidade de deixar patente cal foi  a tarefa dos antecesores, como sen ela non chegariamos até aquí. É a memoria da loita antifascista, as penurias dos exiliados, dos traballadores ilegais, os refuxiados de onte; o intento de facer comprender que significa sermos un suxeito colectivo que traballa para transformar a sociedade na procura dun mundo máis xusto, superando a actual situación de descrédito da vida política e do compromiso político. Un tema de radical actualidade aquí vehiculizado a través da conversa entre un reformado e un rapaz que non chega aos 30 anos, o diálogo entre a xeración que loitou contra o fascismo e a actual xeración de mozos formados máis vencidos e escravizados pola crise. “Gerações tão distantes, vividas em épocas que em nada se poderiam comparar, mas tão próximos o um do outro…” (páx. 195). Distancia interxeracional salvada pola ponte creada polo diálogo que logo se converterá en memoria.

Certamente esta parte da novela é unha grande paréntese que ten sentido na vocación pedagóxica do autor, ou como el di, na necesidade de non ladear a realidade e enfrontala. Pensada para explicar aos nosos veciños do sur quen somos realmente (“nós, portugueses, por desconhecimento da temática do galeguismo, cometemos muitas vezes um erro primário de apreciação…” páx. 161-162), dános tamén a nós a oportunidade de nos mirar no espello.

A vontade pedagóxica do autor complétase na evolución do protagonista e no optimismo, mesmo na xustiza poética, con que se resolve a novela. Unha novela que dá conta deste tempo e enfronta algunha das cuestións de maior transcendencia para quen ten un compromiso co futuro, como é o caso do noso autor.

Florival Lança non vén precedido de sisudos comentarios críticos ou unha carreira literaria recoñecida nos medios de comunicación. El é un traballador, unha persoa culta que dedicou a súa vida a traballar para transformar esta sociedade. É un sindicalista que, nesta altura da súa vida, decide levar á literatura a súa experiencia e o seu pensamento. Decide botar man da ferramenta que é a literatura para intervir na sociedade. E non se limita a reflectir o que ve coma quen nos coloca diante un espello ou se asoma a unha ventá, senón que modifica esa realidade ofrecéndonos unha alternativa. E é que a literatura pode e debe intervir na realidade, porque a través dela temos a capacidade de crear mundos novos que nos conviden a soñar e, por tanto, a resistir e a loitar. O valor pedagóxico da literatura xa foi recoñecido hai séculos. Xustamente en novembro pasado celebrabamos o centenario da Asemblea nacionalista de Lugo, organizada polas xentes das Irmandades da Fala. No seo das Irmandades eran conscientes dese labor pedagóxico da literatura e entregáronse a el. E contra os reticentes e abandeirados da arte pola arte, aquelas obras seguen hoxe vixentes, acadaron a entropía literaria, son obras de arte sen renunciar á vontade de transformar a sociedade.

En conclusión. Temos unha responsabilidade histórica co futuro. Coas xeracións que nos sucederán. Non podemos permanecer á marxe. Por iso, talvez a nosa vida consista en entregarnos, a través da loita política, sindical ou cultural, deixando en cada un dos traballos que facemos o mellor de nós. Isto é o que fai Florival Lança, porque, tal e como manifestou no seu día, ao deixar a dirección do sindicato:

"A minha causa continua, apenas vou mudar a minha forma de intervenção".






[30-01-2019 14:31] Florival Lança comentou:

Caros amigos/as da terraetempo; através do meu amigo e camarada Moncho Boan, cheguei ao conhecimento da vossa plataforma e quero felicitá-los pelos conteúdos. Despertaram-me a curiosidade e acabam de ganhar mais um leitor.

À Marta, um agradecimento especial pela recensão que fez do meu livro. Podia começar a enumerar os mil e um malefícios provocados pelo estádio a que chegou o sistema do capital, mas não acrescentaria nada de novo. Assim, apenas quero reafirmar o meu compromisso com a mudança. Como a Marta refere. Um grande bem-hajam!

[27-01-2019 18:15] Moncho G Boán comentou:

Quen tenha interese en comprar o libro pode solicitalo através do meu correo electrónico: mgboan@gmail.com

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña