08:57 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-01-2019

A crise económica que se aveciña será aínda peor que a de 2008

Non aprendemos nada

Valorar (11)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Hai uns meses uns amigos decidiron comprar coche novo. Mercaron distinto modelo, a distinto prezo, mais cunha característica común: en ambos casos saíron do concesionario, non só co coche, senón cun préstamo debaixo do brazo. Non lles facía falta subscribilo, pois podían afrontar o custe do vehículo pagándoo ao contado, mais as ofertas dos concesionarios resultaron tan agresivas, ao tempo que atractivas economicamente, que non puideron resistir a tentación de asinar o préstamo.

Vender un préstamo é, polo que se ve, tan interesante economicamente para o concesionario como vender o propio coche. De feito, é un produto máis que venden ao público. É parte do negocio. Un dato: segundo o diario Expansión, de xaneiro a xuño de 2017 os préstamos para comprar turismo sumaron 29.055 millóns de euros. É dicir, que ao final dese ano, a cifra puido rondar o 60.000 millóns de euros, unha cifra astronómica que dá idea da magnitude do negocio que se agocha detrás dos préstamos ao consumo, en concreto da venda de vehículos.

Mais, por que esta teima en venderche un préstamo, precisamente nun intre no que os tipos de interese están tan baixos? Están tan baixos que no día que escribo este artigo o euribor, índice de referencia de bancos e financeiras á hora de conceder préstamos a particulares e empresas, está “-0,118%”. É dicir, está en negativo. Entón, se non hai marxe comercial no tipo de interese, onde está o negocio?

A resposta é “Collateralized Loan Obligation (CLO)”, cuxa tradución sería algo así como “obrigación de crédito garantido”. É dicir, que os préstamos de vehículos e outros préstamos ao consumo empaquétanse neste produto financeiro, un remexido de préstamos, bos e malos, que se comercializan a fondos de investimento, plans de pensións, aseguradoras, etc. En definitiva é un produto financeiro especulativo ao mesmo nivel que as hipotecas lixo.

Mais, que pode saír mal? Iso pensaron as entidades financeiras que crearon e especularon cos produtos financeiros das hipotecas lixo. Mais basta unha recesión económica. Basta que haxa milleiros de persoas que queden non paro e non poidan pagar os préstamos ao consumo que subscribiron para que todo se desmorone outra vez. De feito, empresas como Vodafone, Naturgy, Banco Santander, Alcoa, CaixaBank, Bankinter, Unicaja, WiZink e Liberbank preparan despedimentos nos próximos meses, que en total afecta a 12.049 persoas. Iso sen contar os 400 empregados e empregadas de Citröen que quedaron sen traballo ao mesmo tempo que Abel Caballero acendía o alumeado de nadal en Vigo.

Mais algo pálpase no ambiente. Outro dato que pasou totalmente desapercibido. O 28 de decembro pasado o BOE publicaba un Real Decreto que obriga ás entidades financeiras a subscribir acordos para protexer os activos financeiros dos seus clientes en caso de problemas. Isto é na práctica unha pre-fusión entre entidades financeiras, que no caso de executarse fará que as entidades que reciban eses activos serán aínda máis grandes para caer, reducindo aínda máis o número de entidades financeiras, un tema que xa tratei noutro artigo, que acumularán un enorme poder económico e político que se repartirá en moi poucas mans.

Como se ve os avisos de que se aveciña unha nova crise financeira e económica son múltiples. E como se ve tamén, está claro que non se aprendeu nada da anterior de 2008. Non é certo que se tomaran medidas para evitar os produtos tóxicos e especulativos de alto risco, como tampouco é certo que se ían evitar as entidades financeiras demasiado grandes para caer. Ao contrario, agora son aínda máis grandes que en 2008. Un pequeno detalle non menor: Lehman Brothers era en 2008 un banco de investimento dos “pequenos”. Botade contas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña