12:10 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-01-2019

Hai todos os días cousas ben máis graves a nivel de manipulación informativa na CRTVG, pero reportaxes como a comentada son infames do punto de vista da pluralidade e da máis mínima praxe xornalística

Información infame

Valorar (6)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Coñecida é a tendenciosidade e falla de rigorosidade dos medios de comunicación de masas, a cada volta máis evidente para calquera persoa cun mínimo sentido crítico. Tamén é sabido que no noso país, en Galiza, isto acadou hai tempo cotas insoportábeis de manipulación e ocultación da realidade. Mesmo é doado decatarse de que os medios privados –malia que moitos ben untados de cartos públicos- escollen afianzar os intereses empresariais, da grande finanza e gobernamentais, fronte a dar unha visión minimamente plural da realidade. E, enfin, calquera que teña criterio propio e non estea anestesiada pola propaganda masiva que nos empapa como poalla, calquera pode mesmo comprobar que os medios de comunicación públicos galegos chegan a niveis de distorsión da realidade que só se poden acadar logo de traballar arreo e con esa intención dende o primeiro minuto e ano após ano.

Que isto resulte evidente e habitual, que convivamos decote con esta situación desnaturalizada da función dos medios de comunicación, que sexa habitual non quere dicir que debamos asumila como normal. Con isto, como coas moitas inxustizas que campan polo mundo adiante, deberiamos manter a capacidade de sorpresa, indignación e rebeldía. Nin resignación nin adaptación.

Demostrar a situación comentada non precisa de pór exemplos nin de sinalar técnicas de manipulación informativa. Abonda con prender a TV ou a radio, abrir o xornal ou –con métodos adaptados aos medios concretos- “informarse” nas redes sociais ou nos dixitais. Non se trata tampouco de demostrar como se oculta e minimiza o idioma galego (redobrando esforzos que contribúen a minorizalo), nin a laminación de visións diferentes dentro da sociedade, sexan estas a nivel político, ideolóxico, partidario ou de calquera índole molesta ou non funcional á visión unívoca que se desprende da inmensa maioría dos medios. Por doado e desnecesario, non se precisa constatar cun feixe de datos ou feitos a situación mediática no noso país. Porén, cómpre denunciala, non deixala pasar como boa e lexítima.

A CRTVG é penosa neste aspecto, dada, a maiores, a súa natureza pública e aos principios que deberan rexela e son os que xustifican a súa fundación. Alén do control político directo de todo o que emite, é hoxe unha norma da casa basearse na falla de rigorosidade e fomentar a banalidade dun xeito vulgar. Tamén se pode interpretar isto como unha directriz ideolóxica que procura reforzar o acriticismo, a falla de reflexión, o individualismo e mesmo asociar o galego a cousas pouco serias e de andar por casa. Por iso, estoutro día puxen atención cando na Radio Galega anunciaban que nos seguintes minutos ían achegarse á situación actual do naval, semellaba que se ían achegar de xeito serio e fondo a el, que media hora de programa dá para moito. Quizais, pensei (non deixamos de ser inxenuos, malia todo) poderei informarme e actualizarme sobre un sector do que gosto e coñezo a certo nivel, e sobre o que teño dúbidas verbo do seu estado actual. Pero non, pobre de min. Para comezar indicaron que ían falar das luces que presenta o naval galego, actitude moi positiva e loábel se non for que non deixa de ser unha visión parcial e reducionista do tema, e saber as limitacións e problemas tamén pode axudar a aprender dos erros e procurar novos rumbos e solucións, alén de facer unha visión conxunta máis realista. Puxeron cortes de son de varios responsábeis de estaleiros, eu diría que todos os da ría de Vigo (agás Vulcano, que como está en crise e hai que ser positivos...) e algún máis. Falaron tamén dende a administración galega, a nivel de director xeral. Logo desa primeira fase pregrabada pasouse a unha conversa en directo entre dous xornalistas e tres convidados: un representante do clúster, o responsábel da patronal do metal e un director dun centro público de formación profesional. A tese era que ao naval galego lle vai tan ben que falla xente formada para traballar nel. Será que quen non traballa é porque non quere? Estáse culpabilizando os traballadores? Iso si, dos máis dunha ducia de persoas do sector aos que se lle deu voz, todas eran ou ben da patronal ou ben da administración. Nin un só traballador, aluno ou –mellor aínda- sindicato tivo oportunidade de expór a súa visión. Quizais poderían ilustrarnos sobre a realidade das cargas de traballo, das condicións laborais, da formación parcial e só á medida das empresas e non de quen ten que formarse e aplicar logo eses coñecementos, pero iso iría en contra da visión idílica que a Radio Galega quería transmitir.

Hai todos os días cousas ben máis graves a nivel de manipulación informativa na CRTVG, pero reportaxes como a comentada son infames do punto de vista da pluralidade e da máis mínima praxe xornalística. Onde o contraste das fontes? Onde a variedade de visións? Cales os diferentes grupos que forman parte do sector? Non son os sindicatos e os propios traballadores e traballadoras unha parte esencial del?

Non hai nada inocente, a tese que se trasladaba era que, nun contexto de enormes problemas da industria galega (Alcoa, Meirama,...) –que non se mencionaban- hai unha industria, a naval, que está mellor ca nunca. Para evitar que alguén dese unha voz discordante que matizara ese mundo marabilloso e irreal tiveron que vetar e silenciar o núcleo das persoas, do colectivo que constitúe verdadeiramente o naval: os traballadores e, singularmente, aqueles organizados en sindicatos.

Íñigo volta! Que fas en Holanda a traballar no naval? Aínda non te enteiraches de que imos a toda máquina? Ou é que non escoitas a Galega?



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña