01:18 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-01-2019

Contaba Guillermo Cabrera Infante que se algo separa Latinoamérica do Estado español é a lingua

Maduro subtitulado

Valorar (8)

XURXO MARTIZ CRESPO



Hai poucos días o director de cine mexicano Alfonso Cuarón laiábase e aldraxábase porque o seu último filme, Roma,  fora subtitulado no Estado español en castelán de España pola plataforma que o produciu.

Contaba Guillermo Cabrera Infante que se algo separa Latinoamérica do Estado español é a lingua, se cadra por iso son rara avis os escritores latinoamericanos que elixen España para residir unha vez que abandonan o seu país: séntense aínda máis estraños que vivindo en Londres.

Escoitando o discurso de investidura, non lido, do presidente Nicolás Maduro, lembrei os millóns de españois que precisan de subtítulos para entender dende una película mexicana até unha revolución, ben sexa cubana ou venezuelana. Non é casual que moita da esquerda española abandonase a solidariedade coa revolución bolivariana, se cadra non tiña subtítulos. O discurso acendido dun presidente obreiro e revolucionario soa a consigna aquí no norte para algúns. Cada día que este presidente-obreiro, condutor de autobús, se mantén no poder xunto ao seu pobo, que sofre directamente a agresión, é unha vitoria que debería alegrar a todos os revolucionarios do mundo.

Vexo «entendidos» pedindo un novo «rumbo económico» ben sexa en Cuba, Nicaragua ou Venezuela, como se unha revolución fose unha redistribución de tarefas, de ingresos e gastos sen contar as agresións que ten que sufrir un proceso coma o venezuelano ou o cubano.  O presidente Maduro foi claro niso: « han pretendido convertir una toma de posesión en una guerra mundial».

A hiperinflación, comparábel á sufrida na República de Weimar ou á de Cimbabue (2008-2009) despois da estatización das granxas dos brancos, é unha das armas que está usando Estados Unidos para derrotar o goberno bolivariano nunha economía de mercado e capitalista de Estado como a venezuelana.

Malia todos os seus problemas (erros propios, corrupción) ou mesmo a posibilidade de ser derrotada, a revolución bolivariana empoderou o pobo liderado por un dos seus fillos, Hugo Chávez, e agora un membro dese mesmo pobo, un condutor de autobús, preside unha das páxinas da historia polas que máis admiración sinto.






Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña