07:38 Mércores, 21 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-01-2019

O duro choque coa realidade prodúcese cando se fai patente, máis unha vez, que en Galiza querer falar en galego normalmente é un estigma

Adolescentes: o sorprendente e inquietante parecido entre falar en galego e saír do armario

Valorar (24)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



“Esta é a miña!”, repetiron por separado Amaro, Olalla e Helena cando lles tocou ir para Santiago estudar. Amaro, Olalla e Helena, dezaoito anos cumpridos, falaban galego na casa mais xa non se atrevían a falalo con normalidade no instituto. Aos poucos foran claudicando, renunciando a ese hábito e adoptando o español como lingua habitual cos compañeiros. Polo que puidese suceder, o galego foi mellor deixalo para as clases de lingua, para algún profe comprensivo ou para o Día da Letras Galegas. E punto. E grazas.

“Esta é a miña!”, dixeron pois Amaro, Olalla e Helena, con algúns anos de diferenza, ao soñaren Santiago como ese lugar onde a forma do zapato se alarga e se pode falar en galego con máis liberdade, lonxe das estreiteces da vila e do escrutador ambiente escolar. Para elas e para el, persoas novas e galegofalantes moi conscientes, Santiago debeu representar o que para unha persoa LGTB madrileña é Chueca ou para unha californiana San Francisco: un lugar onde o estigma se reduce, o hexemónico deixa de selo, a normatividade toma outra cor e un pode vivir con certo desafogo, sendo quen é ou falando como lle peta. 

Seguro que en termos de poder vivir normalmente sendo LGTB queda aínda moitísimo por facer; isto só o pode xulgar con coñecemento de causa quen soporta a diario este estigma inxusto. Malia todo, non se pode negar o andado. En poucos aspectos a sociedade ten mudado tanto en tan pouco tempo. Foi este un dos poucos avances positivos que nos toucou vivir nunha época histórica dominada pola regresividade en tantos outros aspectos. O devalo da consideración da homosexualidade como marca infamante está a liberar todas as persoas, con independencia da súa opción. Unhas, por poderen vivir a súa vida dun xeito algo máis aberto e satisfactorio; outras, por axudarlles a eliminar certos recantos absurdos agochados na súa mente, preconceitos asumidos no seu día de xeito mecánico e acrítico.

Voltemos a Amaro, Olalla e Helena. Dun xeito bastante sorprendente, non rematan aquí os parecidos entre o seu empeño para sacaren fóra o galegofalante que levan dentro e o esforzo de moitas persoas que valentemente desafían a norma hetero para saíren do armario. Existen, por exemplo, uns tempos medidos á hora de facérenlle fronte ao estigma e demostrárense socialmente tal e como son. Son poucos os que pasan do castelán ao galego en vinte e catro horas. Normalmente danse procesos de tentativa, de ensaio e erro, de idas e voltas, de avances e regresións, nun camiño que pode levar anos. As persoas LGTB, creo, deben saber moito disto á hora de decidiren normalizar a súa situación en sociedade.

E hai máis. Hai, por exemplo, unha parcialización da conduta, que unhas veces encobre o que poida estar mal visto e outras non, dependendo do ambiente ou o interlocutor. Isto significa que moitos adolescentes galegofalantes escollen exhibírense como tais só en certos lugares e situacións, mentres outras veces repréganse estratexicamente e falan en castelán. Este é un tipo de conduta mil veces descrita en persoas LGTB que optan, tamén por estratexia, por desvelar ou non a súa identidade depende, como e con quen, empezando quizá por facelo coas persoas que poidan ser máis receptivas ou que non representen para elas unha ameaza física, laboral ou emocional.

Amaro, Olalla, Helena e outras rapazas inquedas chegan a describir nos seus testemuños lugares como colectivos, círculos ou asociacións, case sempre fóra do instituto, onde se pode falar en galego “con liberdade e sen que se metan contigo”. É doado imaxinar a hostilidade que atopan fóra destes lugares seguros. A traxedia reside en decatarse de que, para falaren galego con normalidade, moitas persoas adolescentes do noso país han de recorrer a certos lugares de ambiente, neste caso lingüístico. O duro choque coa realidade prodúcese cando se fai patente, máis unha vez, que en Galiza querer falar en galego normalmente é un estigma máis, que se engade e ás veces se solapa con outros como os de ser pobre, negra ou lesbiana.

Porén, as experiencias de Amaro, Olalla e Helena, adolescentes vilegos que acabaron procurando a súa Arcadia galegofalante en Santiago, demostran que a opción de mudaren de lingua cara o español durante a súa estadía no instituto foi no seu caso temporaria e circunstancial. Que a asimilación que se procuraba neles finalmente non se produciu, que hoxe andan polo mundo como galegofalantes e que a súa conduta cando nenos non foi daquela tan claudicante como resistente.  Eles aguantaron o golpe. Obviamente, outros non, e deses está o mundo cheo. Mais é así, a golpes e non como nos contan, como imos escribindo a historia desta lingua e deste país.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña