11:26 Mércores, 19 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-01-2019

Este pasado 2018 foi o ano cun maior rexistro de varamentos, cun total de 350 supera con creces o máximo anterior

As baleas do Nadal

Valorar (2)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



As baleas sempre foron unha grande preocupación en Galicia. Dende hai centos de anos o problema foi como apañalas, nos anos 80´s o problema era como deixar de cazalas e na actualidade o problema é como retiralas da costa cando varan.

Non deixamos de falar delas.

Dende  final da caza da balea no ano 1985, e coa entrada na unión Europea, aplicáronse as directivas vixentes polo que ademais de impedir a captura comercial impediuse calquera uso de restos de cetáceos, aínda moitas baleas varadas foron transformadas en fariña de peixe como desculpa para a súa eliminación. Xa dende os finais dos 90´s esta práctica desapareceu sendo derivadas á incineración, ao igual que a grande parte dos cetáceos varados.

A Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños-CEMMA (http://www.cemma.org/) leva a xestión da Rede de Varamentos de Galicia a través de autorizacións e convenio coa Consellería de Medio Ambiente, co cal asisten os casos de tartarugas e mamíferos mariños varados rexistrando cada un deles e recollendo datos e mostras biolóxicas, mais esta función non contempla a retirada dos corpos que é competencia municipal.

Os concellos teñen sempre moitas máis competencias do que poden xestionar e do que, na maior parte dos casos, o seu orzamento é capaz de cubrir. Así, dende hai anos a CEMMA conseguiu que a Xunta de Galicia, a través de Calidade Ambiental recolla os corpos dos animais mortos que midan máis de tres metros ou 400 quilos. Mais seguen sendo os concellos os que os teñen que recoller do lugar de varamento e achegalos ao vial máis próximo para ser xestionados pola empresa respectiva. Polo que sempre quedan casos nos que os concellos seguen sendo incapaces de xestionar, se ben son poucos, son moi complexos. estes son os casos das baleas.

Este pasado 2018 foi o ano cun maior rexistro de varamentos, cun total de 350 supera con creces o máximo anterior. Neste rexistro total figuran oito grandes cetáceos, cifra próxima aos anos anteriores, polo que o varamento de baleas non é un feito illado ou anecdótico, senón que son casos que se repiten case por ducias cada ano, malia isto nin están protocolizados dentro das emerxencias oficiais nin se contempla nos orzamentos autonómicos nin estatais a súa retirada, o que a cada caso convértese nun Prestige en pequeniño. 

Este Nadal tivemos catro casos de varamentos, coincidindo cos temporais de mediados de decembro. Unha delas aboiando fronte ao Cabalo en Bueu; outra varada no Costado, Oia; outra en Talón, Fisterra e a cuarta na Punta da Barca de Muxía. As meirandes eran baleas de 20 metros e máis de 30 toneladas. Afortunadamente a da Ría de Pontevedra foi atopada aboiando e trasladada ao porto de Marín, logo de complexas xestións en menos de 12 horas conseguiuse amarrala, subila ao peirao e cargala en dous camións para incinerar, operación exitosa, coordinada, con medios dispoñibles e suficientes. En cambio a balea do Costado varou nunha zona dificultosa, sen acceso dende terra nin dende o mar, polo que a retirada, se se fai, será custosa, complexa e non exenta de riscos para os equipos, xa que hai que sacala dun coído a cincuenta metros dun talude de oito metros de altura. Algo case imposible, e que nunca se intentou, pero dende logo está valorado e avaliado tecnicamente.

O Costado é unha pequena franxa costeira do concello de Oia que se introduce uns centos de metros no escaso litoral do concello do Rosal, din que por causa da xestión dun morto que aparecera na costa hai moitos anos, cando as bestas falaban. Desta volta outro morto é quen de lembrar o misterio desa disputa costeira. A veciñanza, tanto de Oia como do Rosal, pagan igualmente os seus impostos, polo que se eles o desexan debería facerse o esforzo da retirada do corpo da balea do Nadal, polo menos intentalo, a alternativa está enriba da mesa dalgún despacho.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña