00:35 Martes, 15 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2018

Hai quen non ousaba crer neste soño que é hoxe a nosa realidade de todos os días. Hai quen non acreditaba na capacidade do pobo galego de se gobernar por si proprio

Discurso de ano novo da presidenta da República Democrática Popular da Galiza

Valorar (188)

ROBERT NEAL BAXTER



Este ano constitui un marco importante na historia da Galiza, ao celebrarmos o décimo aniversario da Proclamación da República Democrática Popular na praza do Obradoiro, na capital do País, con motivo do Día da Patria.

Hai quen non ousaba crer neste soño que é hoxe a nosa realidade de todos os días. Hai quen non acreditaba na capacidade do pobo galego de se gobernar por si proprio. Mais frente à resignación e ao derrotismo, sempre nos guiamos polas palabras de quen liderou o noso movemento nos seus inicios, a Portavoz Nacional da Frente Patriótica, Ana Pontón, cando repetía incansabelmente que a única diferenza entre os soños e a realidade son os actos. E por fin entendemos que só de nós dependía que a utopía se tornase realidade. E así foi.

Sabíamos que a senda da vitoria non ía ser fácil de percorrer e moitos foron os atrancos con que tentaron pexarnos o camiño. Durante anos, moitos e moitas das nosas compatriotas traballaron arreo nos momentos máis adversos sen se renderen nunca ao fatalismo nen ao pesimismo, até se levantar o albor deste novo día. Honremos o seu compromiso militante e o seu amor por esta nosa Terra coa promesa de nós seguirmos o seu exemplo, construíndo día tras día un futuro mellor, máis próspero e máis xusto para o noso povo todo.

A andaina que nos levou até aquí foi certamente ardua, mais conquistamos moitos logros para mellorar a vida do noso pobo através da consecución da nosa plena soberanía, mediante o exercicio do direito de organizármonos e producirmos segundo as nosas proprias capacidades e necesidades.

Así, recuperamos o pleno controlo sobre a produción enerxética en mans da empresa nacionalizada, racionalizando o seu uso de xeito sustentábel e garantindo o acceso a todo o pobo segundo as súas necesidades.

Recuperamos tamén o controlo sobre a nosa pesca que hoxe prospera de novo grazas aos acordos bilaterais que puidemos negociar coa Mauritania e o Marrocos sen intermediarios. Mención especial merece o acordo asinado coa República Unida da Irlanda. Tamén puideron voltar à súa ocupación ancestral as mariscadoras da Ría de Pontevedra unha vez que, após a Grande Marcha Popular, se lograra finalmente expulsar a monstruosa fábrica de celulosa imposta e mantida polo rexime colonial español.

Tras consultarmos largamente co campesiñado galego durante a Grande Campaña do Rural, implantamos unha política integral consensuada, respeitadora do ambiente, diversificada e sustentábel e baseada no auto-abastecemento. E agora gozamos dun mundo rural vivo, repoboado de novo grazas à rede dos servizos públicos de saúde e educación universais e tamén à rede nacional de transporte público que permiten que a nosa xente viva con dignidade tanto nas aldeas como nas cidades. Un país verdescente onde abrollan carballos, castañeiros e faias no noso chan vizoso. Un país libre de eucaliptos e libre de lumes.

Agora, as nosas rías, o noso mar, o noso monte, os nosos bosques e os nosos campos xa son verdadeiramente nosos de novo.

Tamén floresce o sector tecnolóxico, unha vez ceibado das chatas que impuña o rexime colonial. Así, o fénix galego de Ferrol Terra renasce das súas cinzas para se converter no Silicon Valley galaico, coñecido e recoñecido no mundo inteiro como centro neurálxico de investigación, desenvolvemento e innovación, vangarda nas tecnoloxías da comunicación.

Sen dúbida, un dos maiores logros foi ver como, grazas à transformación e recuperación do tecido social, comercial, industrial e agrícola, aquela mocidade que se vira obrigada a emigrar en busca dunha vida digna puido por fin voltar e asentarse de novo na Terra. Unha alegría para as súas familias certamente, mais tamén para o País que soubo tirar proveito do seu coñecemento e talento e seguirá formando novas xeracións no futuro.

Gozan tamén de mellor saúde que nunca a nosa lingua e cultura neste momento portentoso que xa se ten descrito como o Segundo Rexurdimento. Proba diso é a canción gañadora da Eurovisión que se fixo en conxunto con Portugal, boa mostra dos froitos que dan os continuados esforzos para seguirmos estreitando as relacións co resto do mundo lusófono. Nunca antes as relacións entre a Galiza e Portugal foran tan fluídas, con enriquecedores intercambios culturais e institucionais, facilitados pola nova rede ferroviaria. E non podemos esquecer as comunidades galego-falantes de fóra do Territorio Nacional que tamén gozan do noso pleno apoio e colaboración, moitas das cais optaron autonomamente por se uniren à República Galega.

Nen por saírmos da Unión Europea deixamos de ser unha nación europea, que mantén vínculos fraternais coas nosas nacións irmás da Catalunya e Euskal Herria, e co resto do Continente. E através do Ministerio de Solidariedade Internacionalista seguimos a cumprir co noso deber de traballar en prol da libertación nacional e emancipación social das nacións sen estado e povos oprimidos do mundo, que seguen a loitar pola soberanía que nos por fin conquistamos.

É con imenso orgullo tamén que presidirei, ao carón da miña esposa, o desfile da Milicia Nacional-Popular Galega como segunda Presidenta eleita da nosa República. Convencid@s de que na nosa nova Patria non sobra ninguén e que ninguén é menos do que calquer outra cidadá/n, independentemente do seu xénero, sexualidade ou a cor da súa pel, através da grande campaña nacional transversal contra o feminicidio, a violencia machista e a LGBTfobía conseguimos algo monumental que no rexime colonial capitalista sería impensábel: acabar dunha vez por todas co flaxelo do machismo que corroía a nosa sociedade, violando e matando impunemente as nosas mulleres. Demostramos cos feitos a proclama “A revolución será feminista ou non será!”

É con esta mensaxe que quero terminar, desexándovos a todas, todes e todos un moi feliz ano novo.

Viva Galiza ceibe e popular!



[02-01-2019 02:56] lenin Reactivo comentou:

Di menos tonterias.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña