13:39 Martes, 27 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-06-2010

O futuro da lingua está na mocidade, realidade de hoxe e alicerce dos falantes de mañá

A soidade tráxica do freaky galegofalante

Valorar (102)

SILVANA CASTRO GARCÍA



Non estou a descubrir nada novo se digo que o futuro da lingua está na mocidade, realidade de hoxe e alicerce dos falantes de mañá.

Neles (mais non só) deben recaer especialmente as medidas de fomento e dinamización da lingua galega porque as crianzas non nacen con prexuízos, senón que os adquiren a partir do contacto co mundo que os rodea e das fobias que lles transmite a sociedade.

Porén, moita mocidade galega ve coutada a súa liberdade para se comunicar con normalidade e dignidade na lingua de noso en todos os ámbitos da sociedade por medo. Medo a ser o diferente, o bicho raro, o freak. Prodúcese entón o que os expertos en Sociolingüística chaman a latencia ou ocultación da lingua B, da lingua marxinada, da lingua freak.

Hai pouco máis dun ano, cando eu estaba a impartir aulas no CPI de Zas, onde o 99% do alumnado é galegofalante e ademais fai un uso máis ou menos normalizado da lingua galega (na medida en que a sociedade e as leis que a rexen llo permiten) a rapazada de 3º da ESO contoume a súa experiencia nunhas xornadas de convivencia das que acababa de chegar.

Xunto a este alumnado acudían ás xornadas outros mozos e mozas do mesmo curso escolar de Ferrol e mais dun instituto convidado de Cataluña. O asunto foi que cando o alumnado ferrolán viu con abraio que os de Zas empregaban o noso idioma sen vergoña, isto é, sen ocultala, preguntáronlle con estupefacción se falaban galego sempre, ao que os e as zasenses responderon afirmativamente. A resposta dunhas alumnas ferrolás foi absolutamente esclarecedora dos prexuízos aos que a nosa mocidade está sometida: "Que freakies soys!!".

A rapazada catalá non acreditaba no que oía, estrañáballe que a mocidade galega non empregase a nosa lingua propia sendo de aquí e moito menos que se mofasen dela. Os de Zas explicáronlle en castelán que aquí era "o máis normal nas cidades", mais que eles sempre falaban en galego, a pesar de dominar perfectamente a outra lingua e incluso algunha máis, e non con pouca destreza (todos eles participaran en intercambios con alumnado francés e algúns mesmo tamén con alumnado inglés a través de programas subvencionados pola Xunta de Galiza).

O alumnado de Zas comunicábase perfectamente en dous idiomas mentres durou a convivencia: en castelán cos cataláns e en galego entre eles e cos ferroláns. O alumnado ferrolán só empregaba unha, o castelán, para todos os contextos. No primeiro caso, o emprego do castelán foi un vehículo de comunicación, algo carente de prexuízos e connotacións. O emprego do castelán no segundo caso foi a única opción que lle queda a unha mocidade á que non se lle deu o dereito de escoller. Velaí a "imposición" do galego na Galiza.

Mais isto foi hai pouco máis dun ano. Un ano no que desgraciadamente, a mocidade galega foi coartada un pouco máis, vía decretazo, da súa liberdade de escolla.

Pode a escola ser empregada para facernos sentir desposuídos de algo tan intrínseco ao propio ser (individual ou colectivo) como é a escolla da lingua de cada un, a lingua propia, con todo o que ten de significativo?

A resposta, a día de hoxe é ben simple: pode. Outra cousa é que o consiga. E aí é onde xoga o papel máis importante a sociedade na que a mocidade medra. Porque só se lle proporcionamos información serán libres e só sendo libres poderán apreciar, no sentido máis etimolóxico do termo, ao diferente. Só recibindo unha educación e un ensino onde se respecten as liberdades individuais e sociais, a historia común e os símbolos que nos fan sermos unha comunidade diferenciada poderemos formar individuos libres de prexuízos que respecten ao outro e que poidan expresarse tal e como queren ser, sen ataduras. Pero para isto fan falta dúas cousas: información e acción.

A información é algo que debe partir de todos os axentes implicados no proceso normalizador, é dicir: da sociedade. A acción é algo ao que nos temos que atrever todos e todas, e ao que a mocidade se debe enfrontar, mesmo en soidade (caso das cidades e grandes vilas de Galiza), soportando situacións de marxinación física e moral, correndo o risco de ser o freaky da clase, do instituto ou da facultade.

E que fai o Goberno galego do Partido Popular para mellorar estas situacións de acoso escolar? Pois elaborar un Decreto no que, entre outras cousas, deixa caer o seguinte con respecto á Educación Secundaria:

"En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior [as de lingua e literatura galega e castelá] e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo".

É dicir, que isto abre a porta para que nas materias de ámbito científico, o alumnado sexa obrigado, non só pola situación de presión social ou polo condicionamento de ter diante a quen o vai avaliar, senón por imperativo legal (véxase a dupla visión que pode ter o verbo "procurarase"), a usar a lingua A, a dos vencedores, a dos "normais", afundindo nunha soidade tráxica ao alumno ou alumna da última fila, ao freaky que fala galego. Si: ese que se senta só e que disque veu da aldea...


1 2 3 4 seguinte

[31-08-2010 20:06] Silvana Castro García comentou:

Benquerido "si home si",

En primeiro lugar, desculpe por me non referir a vostede polo seu nome e apelidos, como tan cortesmente fixo comigo, mais non se presentou vostede formalmente e non me atrevo nin a atualo.

En segundo lugar, seguindo as regras da literatura de antano, quizais algo pasada (mais iso a vostede creo que non lle importa) vou comezar cunha excusatio (neste caso petitae) porque penso que non son merecedora das súas louvanzas: o artigo non é para tanto. De feito, a min dáme noxo se lle digo a verdade, e sabe por que? Porque se basea en feitos reais.
Mais por outra parte estou moi contenta de telo escrito porque vexo que persoas como vostede, cunha capacidade de análise e comprensión textual que está claro que non todo o mundo pode acadar, inferiu a cerna do problema que estaba a explicar: o concepto de liberdade (desculpe máis unha vez non empregar o termo "libertá" ao igual que vostede, mais recórdame a unha señora dun paraugas moi feo que berraba nun ton moi agresivo na manifestación galegófoba de Galicia Bilingüe - búsqueo no Youtube xa verá como consegue rirse un pouquiño, xa que intúo, caro "si home si", que está vostede moi apenado coa entrada en vigor do Decreto para o plurilingüismo no próximo curso, nótaselle e aféctame en sumo grao, todo o meu apoio-).
Mais volvendo ao concepto de liberdade, teño que agradecerlle moito a correcta comprensión que fixo da parte do artigo en que digo textualmente:
"O emprego do castelán no segundo caso foi a única opción que lle queda a unha mocidade á que non se lle deu o dereito de escoller".
Poucas das máis de 3.000 persoas que pasaron por esta páxina a ler o artigo ou a mirarlle para a foto (que mira que é ben bonita, iso dígoo sen retórica porque non a fixen eu) non comprenderon o significado implícito do parágrafo, e vexo que vostede si o fixo, o cal me congratula enormemente: o alumnado castelanfalante, efectivamente, non pode escoller falar en galego libremente, porque a moitos deles non llelo aprenden ou llelo reprimen falar.
Para todos eles, e para vostede, vai este humilde artigo.
Finalmente, dicirlle que, a pesar de que non se presentara vostede formalmente, sempre con moito respecto lle digo que ten meu ombreiro ao seu dispor para o que precisar, chorar ou arrimalo, a tarefa común é crearmos, non desfacermos, e vexo que niso, caro amigo, vostede é un experto.

Un abrazo,

Silvana Castro García

P.S.: http://www.digalego.com/diccionario/Html/indexGET.php?buscado=IRON%CDA&op=ver

[27-08-2010 21:49] si home si comentou:

SIlvana Castro García comparte el análisis y la propuesta de Galicia Bilingüe. Defiende la libertad lingüística del alumnado para escoger la lengua de expresión, sea el gallego o el español. Y considera que el nuevo decreto de Feijóo limita la libertá de elección y la libertá de lengua del alumnado, comparado con el decreto del Bipartito, que según ella reconocía más libertá(!!).

Compruébese:

""Mais isto foi hai pouco máis dun ano. Un ano no que desgraciadamente, a mocidade galega foi coartada un pouco máis, vía decretazo, da súa liberdade de escolla.""

""Pode a escola ser empregada para facernos sentir desposuídos de algo tan intrínseco ao propio ser (individual ou colectivo) como é a escolla da lingua de cada un, a lingua propia, con todo o que ten de significativo?""


Por tanto, Silvana se opone a la opinión de todos los colectivos hispanofóbicos y Normalizadores", que critican el nuevo decretode Feijóo entre otras cosas, por darle al alumnado una libertad lingüística impropia y fuera de lugar, que usará para pasar de expresrase del gallego...

Silvana, gracias por escribir joyas como este artículo!!

LOL

[26-08-2010 21:29] Henrique comentou:

Roberto, compañeiro, véseche con gañas de contemporizar pero tenso, moi tenso. En pouco máis de vinte liñas repites todos os tópicos habidos e por haber a respecto da "imposición" do galego. Que se das, poño por exemplo, unha asignatura técnica. Técnica? Eló o galego só serve para falar coas vacas, meu? Agora mesmo estou a ler unha guía dos liques de Galecia (xa ves que eu teño a miña propia versión do nome da Terra) e, dado que os termos técnicos e os nomes científicos veñen do latín e do grego, dos que mamaron en idéntica medida galego e castelán, non teño problema algún en comprendela. Se de certo és profesor, como afirmas, esfórzate máis na aprendizaxe, que ó cabo é a base do ensino. Se, como sospeito, ves provocar, esfórzate máis tamén, porque de lugares comúns, se ben é certo que se fixo un goberno feixista, non vas convencer á inmensa maioría de lectores desta páxina.

[22-06-2010 13:21] Vixía comentou:

Este artigo explica moi ben a situación, aínda que non concordo con todo. Eu mesmo cando decidín pasar o 100% do tempo en galego fíxeno con absoluta normalidade e moita xente igual ca min. Non me sentín un friki, nin observei que a xente me considerase tal, e creo que a clave é o punto de partida.

-Cando se sae á rúa cunha actitude de ensimismamento (que, ollo, non ten que ser culpa do individuo, está claro que a sociedade inflúe moitísimo nisto) xa se proxecta de seu unha imaxe de inseguridade. Parécenos que alguén nos mirou mal, pechamos a boca e falamos baixiño. Non se remata por saír do bucle en moito tempo.

-Cando se participa nos espazos públicos con calma e optimismo (sen pensar "que dirán de min", "van crer que son un radical", "non falo ben", "trabúcome", etc) o resto da xente (partidarios ou non do que fas) vante percibir con seguridade en ti mesmo, o cal muda moito as cousas. Aínda que topes con xente hostil, que por desgraza a hai, se es firme no que pensas esa xente "súdacha" directamente, os frikis son eles.

Penso que aí está a diferenza. A miña receita é falar o galego en todas as situacións e sobre todo ser moi amable. Falo galego con todos os que estean vivindo aquí: sexan galegos, chineses ou turcos. Nalgúns casos o entorno é favorable, noutros sei que son minoritario, pero carallo, é que vou ter que deixar de falar a lingua oficial de Galicia porque os demais non a falen? Cando unha persoa di que non me comprende, repítolle o que dixen ou fálolle máis lento, con completa tranquilidade. Se aínda non o comprende e me pide falarlle en castellano, educadamente fálolle en castellano, unha lingua que ademais me gusta moito. E xa está. ;-)

Teño amigos que mesmo falan galego cando van a Madrid. E non teñen ningún problema. Amabilidade, "bo rollo", falar "un pouco máis lento" e non buscar tensión. Está claro que alí tamén nos entenden: entenden o Kaka e o Cristiano Ronaldo... non nos van entender!

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña