20:15 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2018

De forma sinxela e clara cabe afirmar que o espazo de comunicación vén dado pola sociedade que lle serve de referencia

O empeño por un diario galego

Valorar (32)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Malia non seren as mesmas circunstancias de hoxe, comezarei referíndome a unha dinámica ilustrativa a respecto do tema que nos vai ocupar, botando man da época no que o noso país era normal, isto é, guiado sen interferencias nin dominios abafantes desde fóra. Entre os séculos XIII e finais do XIV, cando menos, toda a documentación que non se facía en latín, estaba en galego, pois esta era a lingua de uso social na Galiza, a lingua da cultura  popular oral e a da literatura para ocio e gozo das clases dirixentes –os famosos cancioneiros- , e para a súa ilustración –a prosa histórica ou didáctica en xeral. Porén, interésame subliñar que este proceso progresivo de definición dun espazo de comunicación galego non tivo fendas nin fisuras mentres Galiza gozou dunha monarquía propia. Só se complicou, sen pórse en perigo grave, cando carentes de poder monárquico propio, isto é, do que podía representar o Estado entón (unha facenda, un exército, uns centros culturais oficiais que emiten doutrina, unha chancelaría real centralizada…), comezaron a chegar a Galiza moitos documentos reais, emitidos nunha chancelaría externa, en lingua castelán. Entón deuse unha convivencia paradoxal e significativa. Todo o que se emitía dentro en romance, tanto polo poder eclesiástico como polos poderes internos a Galiza, isto é, pola súa clase dirixente, estaba en galego. Co que viña de fóra, seguíase o hábito de autentificalo cun asento en lingua galega feito por notario, como un salvoconduto referido á súa legalidade. A seguinte fase foi, xa que non se rectificou nin mudou de rumbo o proceso de dependencia dunha monarquía foránea, senón que se agravou, por mor do resultado e das consecuencias de conflitos nos que o reino de Galiza saíu perdedor, a emisión desde dentro de Galiza de documentación en castelán, como expresión dunha clase señorial, civil e laica, allea ao país, que exerceu sen complexos a súa función dominante, ao servizo da dependencia. Quedémonos,de momento, con dúas ideas claras: existe espazo de comunicación propio cando hai un poder político que se asenta na propia sociedade e ao seu servizo; a conformación dese espazo de comunicación propio depende da vontade política que a clase ou clases dirixentes desa sociedade, ao servizo dela, non da dependencia, manifestan a este respecto, como unha necesidade imperiosa.

Dito isto, gostaría agora de seguir un método de preguntas con respostas que nos podan axudar a comprender a importancia e a necesidade de contarmos con medios de comunicación propios, e en concreto un xornal diario en papel. Alguén pode preguntarse de inicio: que é un espazo de comunicación propio?  Sería normal facerse esta pregunta, sobre todo tendo en conta o espallada que está a idea de seren  hoxe a comunicación e a información de ámbito  global. Contestando a pregunta, coido que se pode ir acoutando a resposta clarificadora. De forma sinxela e clara cabe afirmar que o espazo de comunicación vén dado pola sociedade que lle serve de referencia. Dito isto, non hai que ser moi lince para nos decatar de a sociedade galega non ser referencia central de ningún medio de comunicación con incidencia hexemónica dos que operan na Galiza, nin dos que alimentan a sociedade galega desde fóra, por suposto. É o momento de advertir que isto non significa falar ou informar só de Galiza senón de todo o mundo desde unha perspectiva e unhas referencias e un prisma que teña  en conta a nosa existencia como pobo e a nosa experiencia do mundo, isto é, o que nós opinamos e interpretamos desde o noso punto de vista. A definición e actuación informativa desde un espazo de comunicación propio indica que existimos, que temos necesidade e vontade de interpretación e discurso, e de aparecer no escenario como tais, como pobo que non se deixa negar ou agochar e como sociedade que aspira a manifestarse. E, como corolario, actuar conforme á intención e vontade dun espazo de comunicación que nos exprese significa o esforzo por crear e consolidar unha opinión pública ou unha opinión  social indicativa  da existencia dunha cultura nacional tamén neste ámbito. Sen este espazo de comunicación definido é imposíbel vertebrar unha sociedade nunha nación negada. Non teremos que subliñar que a escola, as institucións políticas, o mundo empresarial, o asociacionismo de base, os sindicatos, a cultura, en xeral, serán proveitosas para o país canto máis achegadas a este obxectivo e a esta práctica estean, e tanto máis negativas canto máis refractarias sexan a ela. Permítaseme afirmar que, neste momento, é posíbel que non exista escola, en termos  xerais, máis esperpéntica, por afastada e contraria ao propio país, que a galega. E, nesta tarefa negativa e fondamente alienante o poder político que se exerce en nome de Galiza ten unha responsabilidade manifesta. O idioma galego é un elemento básico para definir e articular o espazo de comunicación propio.

Cal é a realidade mediática de hoxe na Galiza? Limitémonos a unha pincelada xeral e sintética. Como conclusión, poderíamos dicir que, atendendo á necesidade de contar como espazo de comunicación propio, somos un país á deriva. Hai moitos intentos atomizados, fragmentarios, locais ou localistas, xa que logo, dentro do conxunto galego, hoxe por hoxe, marxinais, e só algúns conatos dixitais e en papel que, como o caso de SermosGaliza, se sustenta nun impulso e unha vontade nacionais, sen saír aínda desa marxinalidade, pero sen dúbida con algunha -pequena- capacidade de contrapeso. Sustentándose  nun impulso, nunha aspiración e unha vontade nacional, moi lonxe de se manifestar coa contundencia, entidade, que se necesita e que potencialmente hai, hai que dar pasos ao fronte. Facemos esta valoración tendo presente que, sen acreditar no espazo de comunicación propio e contra el, a hexemonía da prensa escrita, e dos demais medios audiovisuais,  monopolista e oligárquica española e españolista na Galiza é abafante. A súa única obsesión é afondar na idea de que somos España e sen ela nada teríamos que facer. O veleno mortífero inxectado desde dentro. A confusión é aínda maior cando se recorre a un sentimento ou idea fantasmagórica que fai de Galiza unha razón de existir, mesmo tomándoa como causa para conducila á negación e á insignificancia, exercendo a política informativa máis madrileñista e  española, iso si, arrogándose ser a delegación máis xenuína e potente aquí desa españolidade e españolización, como mérito.  O máis grave é que, nalgún caso, exercen tal dominio despótico e tanta arrogancia  que chegan a intimidar mesmo aos que non comungan ou discrepan do seu papel no terreo político. Isto explica o medo que as organizacións políticas con vocación galega senten a exteriorizar a súa desafección real co seu proceder informativo e coa súa concepción do país. Porén, sería moito mellor conducirse sen renderlles ningún tipo de obediencia, pois á vista está que o seu obxectivo central é traballar e actuar para Galiza non saír endexamais da dependencia e da submisión. Pode algún nacionalista pensar que, por mostrarse indiferente con esa mediática abafante, os danos contra o nacionalismo e contra o país van ser maiores?  Anotade un feito: o espazo de comunicación español vaia si existe. Inda enriba non é plural, é discriminatorio e con Galiza é letal: simplemente non existimos, a non ser como curiosidade esotérica de ramas en pascuas. Que o discurso español e españolista domina na Galiza, malia ser nun diapasón tan pouco estridente como tristemente penoso, é obvio.

Por que prensa escrita en papel? Naturalmente sempre acompañada de dixital diario tamén. Ambos son complementarios e axudan a unha conformación máis depurada e útil das dúas canles. É vital que non só, pero si para comezar, exista un diario, dual (hoxe falta o xornal en papel), que axude á cohesión, conformación de opinión e información adecuada dos sectores sociais que necesitan un espazo de comunicación propia, como elemento básico de todas as súas actividades e dos seus obxectivos en todos os aspectos. Só   desta maneira será máis factíbel construír unha visión do mundo desde nós, desde Galiza, debater sobre nós e os demais, construíndo opinión frutífera, sen sermos arrastrados por unha corrente que, co noso anonimato e desaparición, nos conduce á anulación e á irrelevancia total. Non vou falar do necesitados que estamos de poder descansar os noso ollos e a nosa capacidade cognitiva e emocional en letra impresa en lingua galega, a nosa lingua, para recibir información diaria  do acontecer que vivimos e ao que asistimos no panorama mundial sen sermos reféns tan absolutos das alfándegas e dos fielatos españois. Que o noso individualismo non se sobrepoña á necesidade e á potencialidade que, malia á atomización, ao localismo e a un presentismo tacticista en moitos eidos, temos como corpo social que acreditamos en que Galiza existe. Non quero deixar de me referir a un tema non menor. Un xornal diario, en papel e dixital, pode ser, e así debe concibirse, como un espazo para a formación de xornalistas capaces de atender debidamente ás necesidades do noso espazo de comunicación. Naturalmente, non hai unha educación oficial que capacite debidamente para iso de forma específica. Estamos perante unha magnifica oportunidade para aprender practicando, pois ninguén nace aprendido cando o contexto dominante é un deserto, cando non un apercibimento en negativo, neste aspecto.

Galiza non vai mudar só a golpe electoral nin presenza en institucións limitadas e orientadas con outra finalidade  distinta e antagónica á súa liberdade, por máis que eleccións, institucións públicas e prácticas, dentro da legalidade vixente e para superala desde ela e contra ela, deban ser obxectivos e preocupacións dos galegos e galegas conscientes. Contar cun diario en papel que complete o dixital diario, en mellora e reforzo de ambos, é un obxectivo social. Debemos habituarnos a considerar estes obxectivos como vitais para unha mudanza real das condicións tan negativas en que estamos como sociedade. Hoxe por hoxe, a máis perigosa, a eliminación radical de Galiza como referencia, en todas as ordes, para unha boa parte da sociedade galega e, como correlato, unha dispersión, desinformación, ignorancia, ou abulia, respecto de nós mesmos que, seguramente, non se corresponde, paradoxalmente, con ser posibelmente esta unha etapa histórica na que tamén hai máis persoas conscientes de que o pobo galego debe expresar vontade de existir e perdurar para o futuro como tal.   




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña