09:36 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-06-2010

A metodoloxía marxista obtivo un gran éxito na investigación e na divulgación histórica

Historia e marxismo

Valorar (11)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA


Karl Marx e Friedrich Engels


Cando lle preguntaron ao dirixente chinés Chu Enlai a súa opinión acerca da revolución francesa (debeu ser a mediados do s. XX), respondeu que aínda era pronto para valorala. Con maior motivo falta perspectiva para comprendermos a verdadeira trascendencia histórica das revolucións socialistas do s. XX, mais isto non pode impedir que, á marxe de vicisitudes e opinións, integremos a bagaxe analítica do marxismo na metodoloxía da Historia.

Grandes historiadores houboos desde que temos memoria escrita. Tucídides (s. V a.C.), o noso Orosio (V d.C.) ou, sobre todos, Ibn Khaldún (no XIV) ocupan lugar de destaque, xunto con outros moitos. Sen eles ignoraríamos moito máis do noso pasado.

Mais todos eles eran, naturalmente, froito do seu tempo e testemuñas das súas sociedades, polo cal prestaron atención preferente á descrición xeográfica ou aos feitos protagonizados polos grupos sociais dominantes (dos que eles polo xeral eran parte), en especial polas aristocracias militares ou relixiosas. Á Historia que facían gustáballe mostrar marabillas, curiosidades e glorias guerreiras, e tiña moito de xénero literario.

Por iso é correcto afirmar que foi Marx o creador da Historia moderna, entendida como ciencia, ao dotala dunha metodoloxía rigorosa que lle permitiu superar a incertidume de causalidades aleatorias. O marxismo ofrece un sistema para o estudo e comprensión do feito histórico, o denominado materialismo histórico.

De acordo con esta metodoloxía, a última instancia da dialéctica histórica debe procurarse nas condicións materiais de cada sociedade, e a partir de aí entenderanse os demais aspectos, o cal non significa que o esquema se deba aplicar nun único sentido nin, moito menos, que se poidan esquecer os demais factores concomitantes. Tense obxectado que nisto subxace unha simplificación, o cal é certo, pois toda acometida científica conleva necesariamente unha simplificación da realidade. (H2O condensa o océano).

A metodoloxía marxista obtivo un gran éxito na investigación e na divulgación histórica, ben de forma explícita da man dos historiadores declaradamente marxistas, ou ben sendo incorporada, total ou parcialmente, polos non marxistas; mesmo polos que se manifestaban anti-marxistas. Pódese afirmar que cara a mediados do pasado século a metodoloxía e a terminoloxía marxistas eran instrumento común entre todos os historiadores solventes. O balance foi a todas luces satisfactorio, pois permitiu os grandes avances experimentados pola Historia ao longo da centuria, cando se consolidou como saber científico.

Sen embargo, a caída do muro de Berlín (o derrubamento do chamado "socialismo real") deu pé para que as actitudes máis reaccionarias e "revisionistas" se lanzasen á carga sen pudor (aferradas por certo a esquemas analíticos desfasados), e para que moitos dos que ata entón utilizaban a metodoloxía marxista a puxesen en cuestión, como se esta dependese do réxime soviético. A caída do devandito muro demostrou sen dúbida que o marxismo é un mal sistema de construción, pero nada ten que ver coa metodoloxía histórica.

A ocasión, de todas formas, é propicia para repensar cuestións sobre as que xa se viña debatendo desde moito antes, que sobardan o terreo da historiografía e afectan á nosa visión xeral da sociedade.

Como todas as ciencias, a Historia foi tamén perfeccionando os seus métodos desde o s. XIX. O marxismo aportoulle innovacións que forman xa parte do seu acervo epistemolóxico, tan irrenunciable como o rigor na crítica documental aportado polo positivismo, ou como recurso á arqueoloxía, á arte, á etnografía ou á propia xenética.

Pero a experiencia recente demóstranos tamén que a teleoloxía marxista, como todas as teleoloxías, fica fóra do campo científico; forma parte dunha concepción ideolóxica da que nin Marx nin Engels puideron escapar, como homes que eran do s. XIX, imbuídos tamén eles da concepción ilustrada do progreso reforzada polo darwinismo. É innegable que a Humanidade evoluciona e se adapta a circunstancias cambiantes; ata é posible que vaiamos abandonando estadios de inhumanidade e acadando cotas crecentes de xustiza social. Mais non avanzamos por un camiño previamente trazado nin existe meta prefixada. Cada época e cada sociedade fixan uns obxectivos de xustiza, igual de válidos os duns coma os dos outros. A Historia non ten fin, nin está escrito que todo tempo futuro sexa mellor.

Desde logo o actual non o parece. Mais ten o seu lado positivo: a crise disipa utopías e devólvenos á crúa realidade. Non faltou quen proclamase que o cálculo marxista do valor era erróneo, desde o momento en que as novas tecnoloxías permitirían un enriquecemento xeneralizado (con outros argumentos, prometíase o mesmo nos anos vinte, xusto antes do crack). Houbo quen o creu; non precisamente os capitalistas, moi sabedores de que a súa riqueza era inversamente proporcional á da maioría da poboación. Para demostrar esta verdade tan simple Marx houbo de producir a enorme complexidade de O Capital.

Hoxe reitérase sen disimulos que efectivamente o valor procede do traballo humano e que a riqueza consiste na apropiación de plusvalía. Por moitos robots e ordenadores que elas teñan, as grandes empresas preferen man de obra barata e optan pola deslocalización, o recorte salarial, a supresión da protección social e o saqueo da riqueza pública. Ou sexa, explotación pura e dura do traballador.

Non falla: segue a ser nas condicións materiais da existencia onde, en útlima instancia, cómpre procurar a explicación da Historia.


1 2 seguinte

[21-06-2010 09:16] Xulio comentou:

Certo, hai moitas versións. Tamén din que foi Zhou Enlai quen a pronunciou pero non en 1960 senón nunha entrevista con Kissinger unha década máis tarde (outros din que con Nixon), na súa primeira visita a China. Tamén se lle atribúe a Mao a expresión “un país, dous sistemas”, que popularizou Deng. Circulan moitas. Límitome a sinalar en todo caso o que en China se da por versión autorizada (con independencia do que se diga en Occidente), aínda que noutro tempo e outras persoas teñan aludido, directa ou indirectamente, á mesma cuestión, sempre difícil de precisar.

[18-06-2010 10:40] Anselmo López Carreira comentou:

Respondo a Xulio:
Tal vez a frase non teña rexistro de autor. Mesmo hai que lla atribúe a Mao. Sen embargo a opinión estendida e admitida por historiadores solventes é que o primeiro en pronunciala foi Chou Enlai en 1960.

[17-06-2010 15:03] Xulio comentou:

Anselmo, sobre as primeiras liñas: foi en 1989, coincidindo co bicentenario da RF, e, claro, non foi Zhou Enlai,que morreu en 1976, senón Deng Xiaoping. Apertas.

[16-06-2010 21:09] xan comentou:

Qué poucos historiadores hai na nosa terra!!. e de qué pouco nos valen se non vencemos. Anselmo moio ánimo na procura desa verdade agochada pola dominación durante tantos séculos.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña