07:41 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-11-2018

Os coches de gasolina emiten un 15% máis de CO2 que os diesel

Non, os coches diesel non contaminan máis que os de gasolina

Valorar (15)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Os coches de gasolina e gasóleo emiten gases e partículas que contaminan o medio ambiente e prexudican a saúde das persoas. Iso é un feito. Mais á luz dos datos non se sostén que os coches diesel de última xeración contaminen máis que os de gasolina como se vén anunciando desde os medios de comunicación e desde determinadas instancias políticas. Ao contrario.

Os vehículos diesel e de gasolina emiten CO2, un dos gases responsábeis do efecto invernadoiro e polo tanto do cambio climático. Unha ollada á ficha de calquera vehículo que consuma gasóleo ou gasolina deixa datos sorprendentes. Vexamos uns exemplos: Un Renault Megane de 115 CV diesel emite 101 g/km de CO2, mentres que un de gasolina de 100 CV emite 120 g/km; un Citroën C4 diesel de 99 CV emite 95 g/km, mentres que o de gasolina de 110CV emite 112 g/km; un Dacia Sandero de 90 CV diesel emite 98 g/km, mentres que o de gasolina co mesmo número de cabalos emite 114 g/km. Como se pode observar todos os coches de gasolina analizados, cunha potencia semellante aos de gasóleo, emiten de media un 14 ou 15% máis de CO2 que os vehículos diesel. Ademais é un feito que os coches deste último carburante consumen menos litros por quilómetro que os de gasolina, é dicir son máis eficientes.

Mais, a parte de CO2, os coches tamén emiten outros gases como monóxido de carbono, óxidos de nitróxenos e outro tipo de partículas nocivas para o ser humano que poden causar problemas respiratorios e/ou cancro. A emisión deste tipo de gases nos coches diesel foi diminuíndo de xeito progresivo nas últimas décadas coa entrada en vigor dunha serie de normativas que obriga ás empresas construtoras de vehículos a implementar solucións tecnolóxicas que reduzan a emisión deste tipo de gases. As solucións son diversas, válvulas EGR, filtro antipartículas, urea (AdBlue)... que deron como resultado uns vehículos diesel menos contaminantes, reducindo notabelmente as emisións; mais tivo como contrapartida un incremento significativo dos prezos dos vehículos a gasóleo, mais tamén os problemas mecánicos, segundo a solución tecnolóxica adoptada por cada fabricante. En todo caso, as distintas regulacións (Euro6c é a última que entrou en vigor en setembro deste ano), practicamente igualaron as emisións máximas permitidas polos vehículos diesel e gasolina, de tal xeito que, en teoría, un coche de gasóleo emite un número de partículas semellante a un de gasolina como se pode ver nesta publicación.

Entón, visto os datos, por que se teima en afirmar que un coche diesel contamina máis que un de gasolina, cando un coche con esta última motorización emite un 15% máis CO2, gases efecto invernadoiro? A resposta non é doada, mais esta mentira mil veces repetida tivo efecto: as vendas de diesel caeron en picado, como moi ben se pode ver nesta publicación do dixital económico Cinco Días. Os datos para o Estado español reflicten que entre 2017 e 2018 houbo unha baixada das vendas de 11 puntos para os diesel e unha subida para os de gasolina practicamente idéntica, 10,40. É dicir, que a alarma política e mediática contra os coches de gasóleo  disparou as vendas das motorizacións de gasolina, xusto o tipo de vehículos que máis CO2 emiten. Sen embargo, e tal como se pode apreciar na mesma publicación de Cinco Días, as vendas de vehículos con motorizacións alternativas, supostamente os eléctricos, apenas se incrementaron un punto.

Mais esta caída nas vendas de vehículos diesel non é exclusiva do Estado español. Unha ollada á mesma publicación de Cinco Días obsérvase unha baixada semellante en diversos estados da Unión Europea, o que indica que estamos ante unha calculada e coordinada campaña contra a motorización diesel, que pode obedecer a criterios medioambientais, mais, de ser esa a preocupación, tamén afectaría aos vehículos de gasolina.

Segundo os datos da DXT (Dirección Xeral de Tráfico) en 2016 había no Estado español 22.876.830 de turismos, o 57% con motores diesel e un 42% de gasolina. Na Galiza o 66 e 33% respectivamente. O carburante de todos estes vehículos están cargados con impostos especiais e por suposto IVE, impostos indirectos que repercuten no peto dos/as consumidores/as independente da renda que teñan, e polo tanto son os máis inxusto pois afecta a todos por igual.

Mais nunha sociedade que depende dos coches para moverse, especialmente na Galiza que contamos cunha poboación moi espallada e cun transporte público con moitas eivas, semellante volume de vehículos ofrece aos estados unha excelente vía para obter ingresos extra para unhas arcas públicas sacudidas polo endebedamento, e que se enfrontan nos próximos meses aos recortes no financiamento por parte do BCE.

Neste sentido, e baixo o pretexto medioambiental, o goberno de Pedro Sánchez ten previsto subir os impostos especiais do gasóleo, sensibelmente máis baixos que os da gasolina. Este incremento, que será de 9,55 céntimos de euro por litro, e que se irá implantando progresivamente, suporá uns ingresos para arcas públicas de 600 millóns de euros só no primeiro ano, e de 2.100 millóns cando remate o período transitorio até igualarse os impostos especiais da gasolina e o gasóleo. Desta subida, sen embargo, quedan excluídos os condutores profesionais, cuxos vehículos tamén contaminan, e bastante, mais a día de hoxe o goberno de Pedro Sánchez aínda non sabe como facer efectiva esa exclusión.

Como dixen anteriormente, as campañas de acoso ao diesel non son exclusiva do Estado español. Como tampouco é exclusiva a subida dos prezos dos carburantes. En Francia por exemplo vive estes días fortes protestas sociais precisamente polo subida dos impostos ao diesel decretada polo goberno de Macron.

A loita contra o cambio climático é vital para o planeta e unha necesidade para o ser humano. Vainos a vida e a saúde reducir as emisións de CO2. Mais non é lóxico encetar unha campaña política e mediática contra un tipo de carburante en concreto, que produce o efecto contrario ao que se persegue, isto é, unha fuxida masiva de consumidores á unha alternativa que emite un 15% máis CO2.

Improvisar en política non é bo. Hai poucos días o goberno de Pedro Sánchez anunciaba que en 2040 queren prohibir os coches diesel, os de gasolina e os híbridos, que tamén consumen este tipo de carburante. Mais, hai unha alternativa viábel enriba da mesa? Se a alternativa aos coches térmicos é a electricidade, podemos producir suficiente enerxía para abastecer tanto mercado? Hai suficiente litio, cobalto e níquel para construír as baterías dos coches eléctricos? Ten calculado o goberno de Pedro Sánchez as enormes repercusións sociais que ten un cambio deste tipo? Cantos empregos se perderán nas estacións de servizo, nos talleres mecánicos, nas fábricas de coches...? E sobre todo, hai unha alternativa para mellorar e reestruturar o transporte público que é un desastre, especialmente se vives no rural? Un exemplo, a día de hoxe eu para ir traballar teño que desprazarme sete quilómetros en coche para coller o autobús, e iso que pasa por diante da casa, pero se non fago isto, logo teño que volver andando.

En definitiva, que non nos enganen. A campaña contra o coche diesel non persegue reducir o CO2 que se emite á atmosfera, senón recadar máis cartos para as arcas públicas. Loitar contra o cambio climático é necesario, é imprescindíbel, mais sen improvisacións e tendo claro que non nos vai saír gratis. Se se toma en serio require transformar por completo a sociedade, require cambios. Estamos dispostos/as a iso?




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña