22:09 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-10-2018

Parte da nosa identidade como povo está composta por como facemos, vemos e interactuamos co que nos rodea

En que mans deixamos a nosa alimentación? (2)

Valorar (6)

PAULO RIOS SANTOMÉ

Galiza é a maior produtora de peixe e marisco de Europa, a pesar da potencia destes e outros produtos alimentarios, os beneficios maioritarios quedan nas mans de intermediarios e exportadores.

Coa chegada da industrialización e o avance da terciarización na nosa sociedade perdemos gran parte dos nosos feitos diferenciais como povo. Un claro exemplo disto é o modelo de produción e consumo na alimentación.

Parte da nosa identidade como povo está composta por como facemos, vemos e interactuamos co que nos rodea. Na Galiza, o modelo de produción alimentaria constituía un feito nuclear na vida das comunidades, onde a vida social e a laboral se atopaban fortemente vencelladas. Isto foi a través do traballo en mancomún.

O modelo de produción alimentaria galega, especialmente na agricultura, creaba un sentimento de comunidade e vencello á terra, así como tamén favorecía as relacións sociais no comercio e no consumo alimentario.

Pola contra nas sociedades postindustriales, a chegada da industria alimentaria e da globalización baleirou por completo os valores e contido social da alimentación, converténdoa nun proceso máis, nunha cuestión totalmente individual desvencellada de calquera tipo de acción colectiva.

Un destes exemplos é o consumo alimentario baseado en bandexas plastificadas con produtos irrecoñecíbeis con respecto ao animal orixinal, que permiten unha dieta illada dos procesos de produción que conleva, e polo tanto, carente de calquera contradición aparente sobre as características, éticas, de sostibilidade...

Isto é que unha parte da poboación disocia as materias primas, e perden a perspectiva da súa importancia, ao identificar como fonte de alimento o produto procesado.

A industria alimentaria ao servizo do capital converteu un acto totalmente social e dunha importancia simbólica e identitaria como é xantar, nun acto de consumo, terribelmente terciarizado inmerso no avance do individualismo capitalista.

O que este tipo de produción e consumo xerou foi perda de biodiversidade, ao primar o cultivo intensivo de determinadas sementes -atendendo normalmente ás que ofrecen unha maior produción ou que foron manipuladas xeneticamente para ser cultivadas co uso de biocidas-, a perda de prácticas de produción, consumo e comercialización tradicional -asociación de cultivos, desaparición de mercados e feiras, etc.

A nivel nutricional, os datos estatísticos sitúan aos países máis industrializados á cabeza en taxa de obesidade na súa poboación -38,2% nos EUA, 26,9% no Reino Unido ou 23,6% na Alemaña- así como tamén a principal causa de morte nestes países está relacionada con problemas cardiovasculares -máis de 600.000 persoas morren cada ano nos EUA debido a estes problemas-. Un caso que chama a atención é o de Xapón.

Xapón é o país industrializado cunha menor taxa de obesidade, un 3,7%. Estes niveis inusualmente baixos de obesidade na poboación dun país fortemente industrializado e terciarizado están directamente relacionados cunha lei aprobada polo goberno nipón no ano 2005, chamada Shuku Iku.

Esta lei céntrase na recuperación da alimentación como unha parte fundamental das relacións sociais colectivas a través da educación. Isto é, as crianzas no Xapón edúcanse na cultura social ao redor da comida, recibindo formación específica sobre alimentación saudábel ou sobre os procesos de produción dos alimentos, todo isto apoiado en práticas diarias onde as crianzas xantan xuntas despois de atender ao preparado e o reparto da comida que van inxerir, reafirmando o xantar coma un acto social.

Para unha sociedade e unha economía como a galega é fulcral a recuperación da identidade e a colectividade a través da alimentación como acto social. Galiza precisa plantarlle cara a unha industria alimentaria feita para os grandes cultivos intensivos mundiais, que operan en chave da teoría da vantaxe comparativa, mediante o desenvolvemento que a tecnoloxía actual pode ofrecer ás formas de produción e consumo tradicionais.

Na actualidade Galiza produce materias primas de alta calidade, as cales son pagadas a prezos de miseria para satisfacer as marxes de beneficios de vendedores finais, produtores de alimentos procesados e dos distribuidores. En ningún caso esta estratexia responde aos intereses do noso país, nin na necesidade que ten Galiza de crear un tecido económico no sector alimentario propio, que responda ás nosas condicións específicas e ás nosas necesidades como país.

É obriga dun goberno galego responsábel e comprometido co país e coas súas clases populares deseñar unha alternativa de produción e de consumo alimentario que permita unha vida digna para as produtoras, unha nutrición axeitada e accesíbel para o povo galego e a preservación dunha organización socioeconómica adaptada ao territorio.

Para conseguilo, é precisa unha ofensiva en varias frontes, tendo como peza chave a educación das crianzas na importancia da alimentación sostíbel, garantir o acceso a unha distribución dos nosos produtos que permita discriminar ás grandes produtoras foráneas que teñan un sistema de produción alleo aos intereses económicos do noso país.

Namentres non academos a capacidade de gobernarmos o noso país sen inxerencias externas, é traballo da esquerda organizada ou non e do comunismo patriótico plantar cara aos modelos de produción e consumo da industria alimentaria promovendo e practicando un consumo responsábel co noso povo, co noso territorio e coa nosa identidade.

Unha vez máis a soberanía nacional é a peza chave.

[02-11-2018 00:24] Jacobo Mouriño Almeida comentou:

Paréceme un gran erro exaltar os modelos de producción alimentaria quasi-feudais da Galiza atrasada de séculos pasados, presentándoos coma unha idílica actividade comunal en contraposición a unha industria alimentaria moderna "antinatural".

Esa Galiza tan vencellada á terra era tamén inmensamente pobre. Pola contra, a industria alimentaria supuxo un enorme avance en cuanto a cifras de produción e accesibilidade da comida. Os que aspiramos a superar o capitalismo non debemos añorar modelos de producción máis arcaicos, sobre os cuales o capitalismo supuxo unha superación, se non afondar na producción eficiente e racionalizada a través da colectivización.

O consumo en bandexas de "produtos irrecoñecibles" é de feito un avance en tanto en que aforra tempo de traballo non remunerado ás consumidoras e consumidores. Dende logo, teríamos máis vinculación emocional ca producción de alimentos se empezásemos a cazar nós mesmos os animais, ou se deixásemos de cociñar para comer todo crú, pero para que comunista podería esta involución ser algo desexábel? Que ten materialmente de malo comer comida procesada en sí mesmo?

Esa concepción esencialista dunha identidade, esa exaltación de supostos valores sociais emanados de modelos de produción dialécticamente superados, de sentimentos místicos de vencello á terra... Entra en contradicción ca visión dunha Galiza socialista industrialmente avanzada, prospera e eficiente. En ningún caso os marxistas podemos caer nese identitarismo antimaterialista. Empezamos criticando aos tranxénicos, a enerxía nuclear, e onde acabamos, reivindicando ese catolicismo tan enraizadamente galego?

Galiza non precisa volver a formas de produción tradicionais, precisa formas de producción socialistas do máis avanzado. Educar aos nenos na alimentación e a súa produción? Fantástico. Exaltar reaccionariamente uns supostos valores esenciais e idealistas do noso pasado preindustrial? Incompatible cunha visión comunista patriótica.

[02-11-2018 00:21] Jacobo Mouriño Almeida comentou:

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.

Aniversario Moncho Reboiras 2017

© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal