12:41 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-10-2018

Bicentenario de Marx (IV)

As interaccións no baleiro fronte ás contradicións sobre o terreo

Valorar (9)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO


Marx di no posfacio á segunda edición do “Capital”: “O meu método dialéctico non só é fundamentalmente distinto do método de Hegel, senón que é, en todo e por todo, a antítese del. Para Hegel, o proceso do pensamento, ao que el converte mesmo, baixo o nome de idea, en suxeito con vida propia, é o demiúrgo do real, e isto a simple forma externa en que toma corpo. Para min, o ideal non é, pola contra, máis que o material traducido e trasposto á cabeza do home”.

Deste tipo de argumentos é dos que tira proveito o mecanicismo e o determinismo materialista. Mais Marx con isto combate a análise que está cegada por un intereses que lle impiden ver alén do que vai buscar, por apriorismos que só se axustan parcial e sesgadamente ao que está a acontecer e con iso desmonta algúns dos vicios do hegelianismo vulgar que mesturados co marxismo máis esquemático deron na maioría das interpretacións da historia. Esas que se popularizaron para desprezar o estudo polos vencidos e soster que abonda con estudar o centro triunfante para deducir o que vai acontecer cando cheguen a ser como eles os da periferia atrasada. Segundo estes había unha especie de evolución lineal da humanidade que ía queimando etapas cara un paraíso que algúns xa comezaban a albiscar.

No fondo volvíase a Kant, só que no canto da razón o que se universaliza era unha especie de materia máxica que nos iguala a todos a imaxe e semellanza do modelo ideal de socialismo que se pretende implantar. O que vale para Inglaterra, vale para todos. Se agora aínda non, cando cheguen a ser coma Inglaterra. Si Marx afirma: “os países industrialmente máis desenvolvidos non fan mais que poñer diante dos países menos progresivos o espello do seu propio porvir”. Mais el mira detrás do espello. E que topa? Pois a terríbel verdade de que para que os do centro sexan como son os da periferia deben empeorar aínda máis.

Durante esta visita que vimos facendo ao primeiro tomo do Capital vimos vendo como el nos explica o xeito no que o capitalista merca a forza de traballo socialmente necesaria por menos do que vale para gañar na transacción. Para iso fálanos da distinción entre o valor de uso e de cambio, da plusvalía, a fetichización da mercadoría, etc... pero desta radiografía do capital nunca deixou de referirse ao contexto no que se daba e das peculiaridades que tiña segundo este.

No caso irlandés chega a ironizar como fracasan as teorías Malthusianas da superpoboación: canto máis despoboamento, máis miseria. Nesas postais que nos deixa deseñadas da Irlanda como pradeira para os ingleses, ou de Escocia como bosque de caza tamén para estes deixa en evidencia como a loita de clases non se dá no baleiro e non fai falla ir a China ou a India para ver como o afastamento do centro, mesmo dentro dun mesmo Estado, xa modula as características da realidade do confronto que se está a analizar. Así, do mesmo xeito que o tipo de políticas económicas que se acordan na corte teñen ese cuño da clase dominante hexemónica en cada momento tamén acontece o mesmo desde o punto de vista territorial.

Agora ben, isto é máis explícito e evidente cando chegamos ao último capítulo, ao da explicación de porque o capitalista que merca a forza de traballo posúe ese capital, de onde lle vén, como se fixo con el. Entón asistimos as páxinas máis duras e fermosas da historia do pensamento para desmontar os contos idílicos que nos viñeron transmitindo de xeración en xeración para poñer ao descuberto o pecado orixinal deste sistema.
Se cando nos destripou o funcionamento do capitalismo xa nos deixou en evidencia as súas vergoñas ao centrarse a como se produce o nacemento deste sistema, nestes parágrafos finais da obra xa dinamita os seus cimentos.

O progreso tira a súa máscara e deixa á vista o seu rostro de sangue e lama. Dinos: “Sabido é que na historia real desempeñan un gran papel a conquista, a escravización, o roubo e o asasinato; a violencia, nunha palabra. Na doce economía política, pola contra, reinou sempre o idilio. As únicas fontes de riqueza foron desde o primeiro momento a lei e o “traballo”, exceptuando sempre, naturalmente, ‘o ano en curso’. Pero, na realidade, os métodos da acumulación orixinaria foron calquera cousa menos idílicos”.

Marx sinala nun momento dado por unha orde cronolóxica unha serie de Estados nos que se comezaría a desenvolver esta devandita acumulación, comezando polo Español ao que seguiría case simultaneamente Portugal, logo Holanda, Francia e Inglaterra. Agora ben, o importante é entender os métodos usados para lograr esa acumulación que vai detallando nalgúns casos e que de xeito xeral se poderían resumir no seguinte treito que, a pesares da súa longa extensión, quixéramos lembrar como ilustración significativa do que nos está a falar: “Do sistema colonial cristián di un home, que fai do cristianismo a súa profesión, W. Howitt: ‘Os actos de barbarie e de desalmada crueldade cometidos polas razas que se chaman cristiás contra todas as relixións e todos os pobos do orbe que puideron subxugar, non atopan precedente en ningunha época da historia universal nin en ningunha raza, por salvaxe e inculta, por desapiadada e cínica que ela sexa’. A historia do réxime colonial holandés –E téñase en conta que Holanda era a nación capitalista modelo do século XVIII– ‘fai desfilar ante nós un cadro insuperable de traizóns, subornos, asasinatos e infamias’. Nada máis elocuente que o sistema de roubo de homes aplicado na illa de Célebes, para obter escravos con destino a Xava. Os ladróns de homes eran convenientemente amestrados. Os axentes principais deste trato eran o ladrón, o intérprete e o vendedor; os príncipes nativos, os vendedores principais. Aos raparigos roubados escondíaselles nas prisións secretas de Célebes, até que estivesen xa maduros para ser embarcados cun cargamento de escravos. Nun informe oficial lemos: ‘Esta cidade de Makassar, por exemplo, está chea de prisións secretas, a cal máis espantosa, abarrotadas de infelices, vítimas da cobiza e a tiranía, cargados de cadeas, arrincados violentamente ás súas familias’. Para apoderarse de Malaca, os holandeses subornaron ao gobernador portugués. Este abriulles as portas da cidade en 1641. Os invasores correron enseguida ao seu palacio e asasinárono, para deste xeito poder ‘renunciar’ ao pago da suma convida polo servizo, que eran 21.875 libras esterlinas. En todas partes seguíalles a devastación e o despoboamento. Banjuwangi, provincia de Xava, que en 1750 contaba máis de 80.000 habitantes, quedara reducida en 1811 a 8.000. Velaí como as gasta o doux commerce”.

Este longo treito, ao cal poderíamos engadir outros moitos, non son máis que unha mostra necesaria para os que fan unha lectura de Marx sen lelo. Esa interpretación del na que festexa as bondades do capitalismo para beneficio do progreso da humanidade. Eses que consideran que este autor louvaba a parteira violencia (da que é certo que fala como explicación dos cambios sociais) cunha valoración cegamente positiva para borrar fronteiras e achegarnos máis á irmandade socialista que frean os “particularismos” e os “vestixios” dos pobos que queren ser donos de si mesmos.
As detalladas descricións con que se demora a hora de fixar o modo de proceder dos capitalistas europeos está cargada de intención. E quizais chegados aquí atopemos a actualidade de Marx a hora de enfrontar o complexo mundo no que vivimos e analizar os diferentes movementos sociais que as veces se usan uns contra outros para abortar liberacións e impedir sumar. Volvamos ao orixe, aprendamos do pasado, vexamos o que nos fixeron e, finalmente, unha vez comprendido porque estamos como estamos, fagamos o que teñamos que facer. Mais, grazas a Marx, cando menos xa sabemos que é falso o conto da leiteira co que se pretendía lexitimar as desigualdades e desmobilizar aos que loitan. Os que mandan non son máis listos, máis traballadores, máis aptos... simplemente foron máis crueis, máis ladróns, máis asasinos.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal