12:23 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-10-2018

Fraguas ten, entre libros e artigos, case cen títulos publicados, ten unha intensa obra xornalística

Aqueles que traballaron polo País. Antonio Fraguas e o día das letras

Valorar (5)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Partindo da idea de que a celebración do Día das Letras ten que ser os 360 días do ano, e que son moitos e moitas os que merecen esa distinción, digo que don Antonio Fraguas ben merece ser lembrado.
Cando no 2004 lle concederon o Día das Letras a Xaquín Lorenzo Fernández, “Xocas”, escoitei voces críticas ao respecto, que a súa obra non merecía tal. Quen falaba, poeta, entendía que tal día debía ser para un creador literario. Unha cultura, un país, non se ergue só coa voz meritoria dun autor de literatura, senón coas múltiples voces da xente. Xocas, Fraguas, son voces a escoitar; e podemos engadir, que tampouco cun día de festa.

En referencia a isto, podemos traer aquí unha cita do romance A república dos soños de Nélida Piñón, cando di que “um país não se faz unicamente com Da Vinci. Uma nação se constrói sobretudo com os olhos, o cansaço, o sonho, a ilusão e a morte dos que labutam diariamente, e desse modo se preparam para admirar Da Vinci, Cervantes e Machado de Assis”.

A xente do Seminario de Estudos Galegos (SEG), e don Antonio Fraguas era un home do SEG, traballaban diariamente para facer país, estudando todo o que entendían que era necesario para comprender a cultura e o país, desde o pasado arqueolóxico ao presente etnográfico, pasando polo patrimonio inmaterial, agora de moda, aínda que eles non lle chamasen así, e sen esquecer a arte ou a xeografía, tampouco o activismo político, pois eran conscientes de que unha cultura normalizada precisa de institucións políticas propias, algo que, despois, algúns non entenderon e, outros, seguen sen entender hoxe.

Na xente do SEG había un compromiso cun modelo político e cun discurso sobre a identidade de país, compromiso que levou, no caso de Fraguas, ser expulsado da Universidade, de onde tamén fora expulsado Xocas e o seu irmán Xurxo como estudantes. Pero estas angueiras foron cortadas violentamente polo golpe e a barbarie fascista. Fraguas viu a morte a noite que pasou preso na Estrada, “non lle teño medo a morte”, díxome cando falei con el polo seu noventa aniversario, non lle tiña medo porque aquela noite, díxome, que “vin a morte”. Despois estivo escapado e foi apartado do ensino. Tres veces foi as oposicións a Madrid para escoitar da boca dun membro do tribunal que non o aprobaban por “rojo y separatista”. Dunha desas veces que tivo que ir a Madrid, Ben-Cho-Shey enviou un telegrama a outro amigo e, con mágoa, dicía: “aí vai o Fraguas outra vez cara a Madrid”.
Hai corenta anos que o coñecín. Eu acababa de chegar a Compostela e na facultade de Xeografía e Historia había un problema cun profesor que afectaba aos tres cursos de primeiro. Houbo protestas para que o substituíran e non lle íamos á clase. Todo un curso sen profesor e, por entón, o acceso á bibliografía era escaso para sacar esa materia adiante. Daquela vin anunciado un curso sobre folclore no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e alá fun. Alí estaban o luso- americano Brian Juan O´Neill, González Reboredo e don Antonio. Naquel momento o que estes tres “amigos” alí dixeron non entrara aínda na “academia”, era algo menor, sen valor académico, sen prestixio institucional. Había que mirar ao estruturalismo de Lévi-Strauss.

A última charla dese curso foi a de don Antonio. Lémbroo coa súa carteira de coiro ao carón da cadeira. Podía compararse coa chistera dun mago. Ía falando e, de cando en vez dobrábase sobre o seu lado dereito para sacar algo da carteira que servía para acompañar e ilustrar o seu falar Era o seu powerpoint que, por outra parte non lle facía falta, pois o seu verbo era envolvente, engaiolante. Falaba da vida da xente, das cousas que configuraban un mundo en descomposición, falaba das cousas que non se falaban na Universidade. Estar á marxe da Universidade non era estar á marxe do seu tempo. Fora expulsado da Universidade e do Instituto pola súa militancia galeguista, tendo participado nun mitin durante a campaña a prol do Estatuto na Estrada xunto a Castelao e, noutro, en Maside, onde tamén participara Otero Pedrayo.

Lembro que me preguntou que quería ser. Díxenlle que arqueólogo. Entón contestoume que un castro leva aí dous mil anos e pode botar outros dous mil máis si o ser humano non o desgraza, pero unha cantiga, e recitou unha que falaba da rodeira dun carro e dun amor que estaba lonxe, dixo, morre a persoa que a canta e desaparece se non hai quen a recolla e se poida transmitir. É mellor que te dediques ás persoas, á etnografía, díxome.

Anos despois atopei unha anécdota parecida contada polo cantor arxentino Atahualpa Yupanqui. Este tiña que dar un concerto nunha localidade do interior dese país. Alí pediulle a un folclorista local que o levase a ver unha lagoa nos Andes (escribo de memoria pero creo que era a de Pozo de las Ánimas, en Mendoza) da que se contaba que a auga chegaba desde o océano Pacífico. O autor local contestoulle que a el non lle interesaba a paisaxe, interesábanlle as persoas. A Fraguas, a Xocas e a outra xente do SEG interesábanlle as xentes de Galicia e o seu futuro digno. Buscaban o significado e entender a construción cultural dun país. Hoxe as políticas potencian a universalización do baleiro e a cultura como espectáculo, porque a incultura e a falta de pensamento son útiles.

Fraguas ten, entre libros e artigos, case cen títulos publicados, ten unha intensa obra xornalística e percorreu o País como ameno conferenciante, igualmente ten un labor meritorio en institucións civís, como o Museo do Pobo Galego e, antes no vello Seminario, foi dos primeiros en facer radio en galego. A todo isto hai que engadir o ser un dos que serviu de ponte entre os “vellos” de Seminario de Estudos Galegos e os “novos”, os que chegaron á Universidade na década de 1960 e non atoparon nela unha relación co país no que vivían, buscando o saber dos vellos, pero tamén o seu compromiso co País. Non sei si o Día das Letras é suficiente para unha persoa que traballou arreo para que os galegos e as galegas coñecéramos mellor a nosa Terra e, como consecuencia, fóramos máis felices nela.



[16-10-2018 11:07] LUCHO PENABADE comentou:

Moi acertado artigo.Fraguas era un home afable,moi coñecedor do País e nada interesado por certo.Ten vido a dar charlas organizadas polos CAF e a Comisión Cultural de Filoloxía. Sempre afable e moi humilde.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal