07:36 Domingo, 16 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-09-2018

Nas rexións máis poboadas de Galiza falar normalmente en galego é case imposíbel para un neno ou unha nena, e para unha persoa adolescente pode ser un exercicio de risco

Microespañolismos (2): como axudares a túa crianza galegofalante a sobrevivir nun medio hostil

Valorar (34)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Era unha vez unha nena chamada Vitoria que moraba nunha vila. Contrariamente ao uso local, a nai e o pai de Vitoria falaban galego tanto na casa como fóra dela. Mais o panorama de fóra era diferente ao de dentro e Vitoria comezou a falar en español coas amigas. Así estaban as cousas: galego na casa, castelán na escola e na rúa, e cando coincidían pais e amigas aí temos a Vitoria a facer equilibrios para non decepcionar a uns nin parecerlles rara ás outras. Como aquel día no que Vitoria, xa case feita unha rapariga, recibiu na casa a visita das compañeiras e unha delas faloulle descontraída sobre el rollo raro de tus padres así en plan hablando gallego, ¿sabes? Aquel día Vitoria, aínda que só fose por un minuto, sentiuse tan rara diante das outras que desexou ter uns pais normais que falasen como todo o mundo.

Vitoria, dicimos, entrara falando galego na escola, mais ás poucas semanas xa chapurreaba en castelán “por instinto de adaptación e supervivencia” e aos poucos meses xa claudicara de todo debido á súa situación de singularidade idiomática: Vitoria era a única rapaza que falaba galego nun curso no que até os nenos da aldea viñan falando en castelán. Este papel de galegofalante en singularidade repítese hoxe nos centros de ensino para centos de crianzas de pais e nais empeñados en manter a transmisión oral da lingua. Ser falante normal dunha lingua é máis que aprobar a materia de lingua na escola, facer unha obra de teatro ou ler poemas o Día das Letras. En Galiza, quen queira acadar esa normalidade deberá sobordar os muros de cristal que reclúen o noso idioma en espazos acoutados. Para a túa crianza, o problema comezará cando poña un pé fóra deles. 

Despois de decenios a escoitar a música celestial do bilingüismo harmónico, nas rexións máis poboadas de Galiza falar normalmente en galego é case imposíbel para un neno ou unha nena, e para unha persoa adolescente pode ser un exercicio de risco. Con moita probabilidade vaise converter en albo de microagresións, ás veces disfrazadas de brincadeira. Á parte de facerlle sentir vergoña dos seus pais, pode ser que a alguén se lle dea por cousas como facerlle o “acento gañán” do galego como burla, colocarlle alcumes relativos ao seu hábito lingüístico, identificala directamente cunha ideoloxía política até que acaben meténdose con ela “os fachas da clase e algún que non é facha”. Tamén pode ser que se vexa obrigada a soportar a ironía pública dalgún profesor até que toda a clase se ría dela e acabe falando en español. Todos estes feitos e os que aparecen no primeiro artigo desta serie están documentados a partir do testemuño de quen os viu e de quen os sufriu en institutos vilegos. As expresións entre aspas son as súas textuais.

A ausencia dunha política lingüística digna de tal nome coloca a pais, nais, crianzas e adolescentes galegofalantes na liña de fogo do conflito lingüístico e obrígaos a adoptar tácticas de supervivencia. Estes son catro consellos urxentes dos moitos posíbeis para axudar a superar esta etapa:

Un. Organízate con outros pais e nais no mesmo caso. Partilla experiencias, xunta os cativos e evita a aparición da sensación de isolamento. Hai adolescentes galegofalantes en situación de singularidade que acaban pensando que son eles sos a loitar contra o mundo e, antes de abandonaren o uso do galego, tenden a autoculpabilizarse. É bo que, cada unha ao seu nivel, acabedes todas, nais, pais, fillas e fillos, percibindo o problema desde unha perspectiva social e non persoal. 

Dous. Coidado co paso de infancia a adolescencia, etapa que coincide coa entrada no instituto e os primeiros anos da ESO. Aí as chanzas vólvense máis amargas, os prexuízos asúmense e espállanse con máis facilidade e o castigo ao diferente é máis cruento e constante. A adolescencia é un terreo abonado para o acoso de todo tipo, incluído o galegófobo.

Tres. Déixate ver pola escola e o instituto do teu fillo ou filla. Axuda o centro escolar a construír para eles un espazo de seguranza e previr as agresións galegófobas igual que se fai coas doutro tipo. Con amabilidade e respecto, deixa ben clara a túa posición sobre o tema da lingua e procura a colaboración dos ensinantes. Pode ser que haxa alí quen se alegre moito da túa visita ou pode ser que non te entendan demasiado ben e che respondan con aquilo da materia de lingua galega, da obra de teatro e dos poemas no Día das Letras. En todo caso, déixate ver e ouvir.

Catro. Nunca desesperes. As cousas moitas veces teñen un final feliz. Aquela nena Vitoria que un día se chegou a avergoñar dos pais porque falaban en galego é hoxe unha universitaria galegofalante a proba de todo, que sabe como son eses asuntos do País e das linguas que nel se falan porque os sufriu en propia carne. Hoxe Vitoria profesa un agradecemento infinito a súa nai e seu pai por teren perseverado, nadando contra corrente, naqueles momentos decisivos.  

Eu, que creo que imos saír desta, creo tamén que se estamos aínda vivos é grazas ás Vitorias, aos seus pais e ás súas nais que, expostos a todo e dotados dunha paciencia infinita, tapan cos seus corpos os buracos do sistema e paran con eles as balas que nunca deberon ser disparadas. Seguramente por iso saben ensinar os dentes cando cómpre. 



[28-09-2018 10:37] antonio r. cabanas comentou:

saudoa miguel e alicia
adiante e gracias

antonio

[28-09-2018 10:16] antonio r. cabanas comentou:

saudoa miguel e alicia
adiante e gracias

[19-09-2018 18:51] luiz comentou:

Cinco. aprende tu, papa ou mamá portugués de portugal, consume libros en portugués, comprallos à tua filla, busca sempre se hai version portuguesa dos best-sellers, busca debuxos animados en portugués (porquinha pepa, pocoyo, dora, pijamasks, etc) e que a tua filla saiba que co seu galego pode ser a mais fixe, a mais beta ou a mais heavy na sua língua con só acostumar o seu ouvido aos outros dialetos ou maneiras de falar o portugués ( ou galego) e que o seu idioma e tan grande como o espanol (ou castellano)

[17-09-2018 00:16] Antonio Lema comentou:

Interesante traballlo que nos axuda a cargar as pilas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal