13:03 Venres, 16 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-08-2018

Se non deramos a esquecemento, como tanto cantamos, teríamos máis en conta tradicións recollidas polos clásicos da cultura galega

O “Bosque de Galicia”, o Monte Ilicino e o Libredón

Valorar (13)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Bosque, monte, santuarios naturais, sen cultivar nin planificar, selva que implica caos, desorde, onde a árbore soia se lía ás demais pra afondar raiceiras e erguer ramas en busca da luz. Espazo libertario pras forzas telúricas, pros Catro Elementos, cova do lobo, do teixugo ou do oso, de mouchos e aguias, da serpe, dos sapos e dos lagartos... Bosque asociado ao monte, como a cabeleira da montaña sobre a que se ergue o altar, Nemetón dos celtas, Lucus romano.... Matriz de vida e misterio entre sombras, onde tanto aniña a serenidade como o desacougo, fraga en devalar de cores e luces, confusa, secreta, reverencial, mítica morada de mouras, fadas, xianas, trasnos, ananos, monstros, meigas... pequenos e chegados deuses, berce onírico, cerna de contos e lendas, retiro espiritual do ermitán, acubillo e esperanza do fuxido...entre tantos outros aspectos nos que medra a cultura galega, como ben soubo recrear Wenceslao Fernández Florez en “El Bosque Animado”. Proba de que cando se cultiva a interacción paisaxe paisanaxe agroma a cultura.

Iso que con tan pouca creatividade chaman a Cidade d Cultura de Galicia - nacida dunha de competitiva arroutada de dispendio megalómano entre comunidades, habendo tantas prioridades co patrimonio - ten tamén e medrará o seu “Bosque de Galicia” . Complexo que si tivo un aspecto que xustificaba semellante proxecto para o Monte Gaias, esa silueta de monte manso, raso, que marca o horizonte do oriente de Compostela, era preservar estes altares do mal gusto urbanístico que arrodea a cidade. E velaí a metáfora urbanística coa que poñerlle monteira ao monte, sacada a concurso con xurados e asesores, o de man aberta, de vieira e os cinco camiños... idea do taller de arquitectura do estadounidense Peter Eisenman, despois seguida do debate, a crise e pra máis inri agora sobre este calvario o proxecto enchafallado en forma e fondo pra outras intervencións. Quen teña afiados os sentidos axiña enxerga o estado da cuestión : o esperpento bate entre as grandilocuentes ondas arquitectónicas.

Agora un equipo interdisciplinar de traxectoria contrastada, ao fronte da arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre Úrcola, directora da Escola da Paisaxe Galega que propicia a Fundación Juana de Vega, asumindo tanto intervencionismo, da fin ao proxecto de revestir de bosque autóctono o perímetro das abas do Gaiás...os anos, os séculos farán o demais ao cabo do tempo. Sen faltar neste confín bosques históricos, ameazados, infectados, queimados, con novas e vellas árbores, carballos, castiñeiros como patrucios abertos en caracocha que quizais no pasado colleron a un dendrita, un tesouro, unha imaxe, a un fuxido, contos e lendas, manto dun cruceiro, dunha ermida cristianizadora, de arqueoloxías ocultas...a Devesa da Rogueira no Courel, os soutos de Orriós en Riós, o Teixedal de Casaio, Rozavales en Maceda, a devesa de Chacín de Mazaricos, Ribeira da Pena en Tordoia, a Fervenza de Lugo, Catasós en Lalín, o de loureiros da illa de Cortegada, Pena Corneira en Leiro, os bosques de Ribas de Sil, os do Incio, os de Ancares... selvas nas que Cunqueiro ou Anxel Fole se inspiraron pra seguir a tecer no tear inacabado da cultura.

O Monte Gaiás é miradouro dos singulares volumes de Compostela, tellados, espadañas, chemineas... coroado pola monteira desas novas carcasas arquitectónicas, veste agora as súas abas co dado en chamar “Bosque de Galicia”, forestación, construción dun bosque civilizado en lugares nos que a tradición pon o mítico Bosque Ilicino e o Libredón . Contos sabidos por quen segue as pegadas xacobeas, a través dos mitos máis que dunha historia interesadamente falsificada: a contada no século XII no Calixtino e no XIII por Xacobe de Vorágine na “Lenda Dourada”, polos códices composteláns, entre lendas sacadas e aumentadas unhas das outra, contadas e cantadas coa ansia de revitalizar a cristiandade e Europa. Asuntos recollidos pra súa “Historia Compostelana” polo cóengo Antonio López Ferreiro,

O Libro de Santiago” de Filgueira Valverde, ilustrado por Sesto, dedícalle capítulo ao “Libredón”, paisaxe representada na táboa de retablo do Mestre de Astorga, coa dorna e o carro pra transportar o Corpo Santo, “no horizonte o Pazo de Lupa, o dragón do Ilicino e o Libredón, cos seus carballos e a arca”. Crónicas, códices, lendas e arte inspiradas na predicación e na translación do Apóstolo que teñen como escenario o Monte Ilicino e dentro del un couto, a “granxa” do Libredón... e base pra novela “Fida la hija del último druída Carballo” do xesuíta arqueólogo don Xesús Carballo.

Se non deramos a esquecemento, como tanto cantamos, teríamos máis en conta tradicións recollidas polos clásicos da cultura galega e proba dese descoñecemento campa en canto facemos ou desfacemos .Contos con persoeiros e lugares de nomes aínda hoxe ausentes en canto debera identificarnos na uniformidade global.

Respecto a furar na cerna espiritual de Compostela témonos referido moitas veces, e non pode ser doutro xeito, a unha obra singular de Otero Pedrayo, “O Espello no serán”, titulo complementado co de “Entre o Pedroso o Viso”, sabendo que entre a silueta destes dous montes e entre o Sar e o Sarela asenta a cidade nacida arredor do santo sartego, Compostela. Cidade onde a morte, como di don Ramón Otero, “sábese infanzona, maorazga, prioira e raiña...calcando nas lousas o camiño do amor”. Cidade que abre a camiños, por algo onde a vieira de Venus se fai símbolo de converxencia e diverxencia, de principio e de fin, de vida e de morte... O libro de Otero, pola súa enxebreza galega, non é apto para todos os públicos, páxinas inzadas de amor á cidade do Obradoiro, escrita para xentes de Galiza, abarrocadas en esencias poéticas composteláns, galegas, as que non entran nas pautas turísticas de hoxe. Aquí falan os ecos, as fantasmas, os misterios e as sombras, pra resultar unha peregrinación interior. E, de vagar, acompañados de musica de Montes e quizais dun dedal de tostado na lectura de devanditas páxinas, denotamos que se nos alonxamos de Galiza non se entende a Otero e se non se entende a Otero tampouco se entende a Galiza, velaí a cuestión: a cultura galega no debate. O Pedroso e o Viso, este co Gaiás debaixo, son montes estremeiros composteláns, revestidos “asegún” o devalar das sombras e das Catro Estacións, aos que asoman as xanelas ou inquedanzas insatisfeitas de conventos e as aulas universitarias. Montes de “enxamios de carballos en orde celtigo de loita...”.onde quen sabe e sinte pode quizais escoitar un “ diálogo de Merlín e a Raíña Lupa”. As tradicións e os espazos haber hainos e están pra quen queira enxergalos e reinterpretalos artisticamente.

Si coñecéramos as lendas sobre a predicación e a “translatio” do corpo morto do Apóstolo a Compostela, Raíña Lupa por medio, saberíamos que nesa ascese, procurando onde dar sepultura, había un bosque sagrado, o Ilicino, o das sobreiras, situado sobre o Ulla e no medio do que se erguía o Pico Sagro cos pazos de Lupa. Monte e bosque habitado por touros brancos, de temidas serpes e outros monstros... O Monte Ilicinus daba paso ao couto do Libredón, onde os discípulos do “Íntimo do Señor” deron sepultura ao corpo morto e itinerante do seu Mestre, no punto de Arca Marmorica. Sitio oculto na silva até que polo 813 o ermitán Fiz de Solovio , descobre o camposanto de estelas, sepulturas... pra comezar as peregrinacións e con elas o fío condutor de Europa, fronte ás invasións islámicas. Libredón topónimo que quizais a ilustración ou a tradición viva que alguén porta revitalizóuno ao poñerllo como nome a unha libraría ou a unha taberna. Namentres na administración debaten nunha reunión pra seguinte reunión e concluír que o nome que coute a Cidade da Cultura de Galicia será o de Bosque de Galicia. Onde non hai cultura hai acultura, asepsia.


[30-08-2018 17:21] Lois Diéguez comentou:

O dedo na chaga, Felipe, si. Teriamos que rachar a nosa ignorancia con alternativas prácticas ao desleixo e asimilación tan usados polos nosos gobernates sempre. Pero tamén por quen, inocente ou atarefado-a sendo, mesmo, batallador-a, non sabe a súa historia nen acode a quen si a coñece. Sempre adiante.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal