14:21 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-06-2010

Rede XIGA: Xestores de innovación con coñecementos de inglés.

O Sistema Galego de I+D+I

Valorar (2)

BELÉN GONZÁLEZ MARTÍNEZ



Desde xa fai uns meses a Dirección Xeral de I+D+I ven anunciando con moito bombo a creación da rede XIGA, o obxectivo é formar técnicos especialistas en innovación e cofinanciar a súa contratación durante un trienio en pequenas e medianas empresas de Galicia. A creación desta rede pretende cubrir unha deficiencia que lastra desde sempre a competitividade das PEMES de Galicia: a falta de estructuras estables de desenvolvemento e xestión da I+D+I.

A primeira fonte de análise, moi fiable, de como se vai a poñer a andar esta rede e a orde publicado no DOG, Nº 96, do 24 de Maio en referencia a este asunto. Nesta convocatoria propóñense 75 prazas para aquelas persoas que cumprindo unha serie de requisitos desexen incorporarse á rede. Unha vez formados, as empresas poderán contratar a estes novos xestores con achegas públicas.

Os futuros xestores de IDI, son elixidos mediante un proceso selectivo. Como en toda selección de persoal deducimos o perfil que se esixe da valoración dos méritos de cada candidato. Pois ben, a terceira parte da puntuación total conséguese, nada mais e nada menos que con coñecementos demostrados de inglés. Na parte correspondente á formación (máximo 60 puntos), o inglés ten unha puntuación máxima de 20 puntos, por ponderar: o expediente académico, máximo 4 puntos (os catro puntos para quen teña matricula de honor); un máster oficial en innovación (formación que se supón se vai a financiar no programa), máximo 4 puntos; experiencia laboral en IDI, máximo 17 puntos (para conseguir a máxima puntuación habería que ter traballado 7 anos en innovación), outros idiomas 2 puntos, e si por casualidade sabes galego (co de COU por exemplo, xa che chega) 3 puntiños. A cousa non queda aí porque na parte da entrevista (40 puntos) o inglés leva ata 12 puntos.

Por poñer un exemplo, un inglés titulado en filoloxía xermánica e italiano que lle apeteza pasarse 3 anos en Galicia, pode ter mais puntuación que un rapaz de Riotorto galegofalante, formado na Universidade de Santiago, doutor en Enxeñería Química, con coñecementos de francés e alemán e que tamén coñece de primeira man o sistema galego de IDI. Por certo ao inglés, non lle fai falla saber onde está o botón de acender o ordenador, nin saber o que é internet, o coñecemento de ferramentas TIC non puntúa nin tan sequera cun punto.

O primeiro que se nos pode vir á cabeza tras a lectura do DOG é ese enfermizo obxectivo do novo goberno en converter a Galicia en territorio anglosaxón, así que para non caer en tópicos, ademais de ler o DOG, busco información sobre a motivación e xerme deste novo programa. Di a Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, nunha páxina web ceada para xestionar a Rede XIGA , que tras meses dunha profunda análise da situación económica galega, conclúe que a chave para posicionar a Galicia no novo escenario económico é que as empresas teñen que ser os axentes principais de cambio. Ademais son  conscientes, din, de que as pequenas e medianas empresas son o músculo principal da economía galega e as que sofren mais dificultades debido ao eu tamaño (non aclaran canto tempo lles levou chegar a esta conclusión), para paliar esta situación poñen en marcha o Programa para o Impulso da Innovación das Pemes Galegas coa Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA). E eu conclúo de toda desta lectura que o goberno galego cre que o principal motivo para que as pemes galegas non innoven é que os seus profesionais, non saben falar inglés! Así que, empresarios galegos, non se preocupen pola crise que a Consellería de Industria vailles axudar a superala subvencionando técnicos nas súas empresas, que aínda que non saiban xestionar a innovación empresarial saben... FALAR INGLÉS!!!!


[09-07-2010 10:40] Manuel comentou:

Caótico!!, e isto é unha aposta decidida pola innovación?.
Semella que o que buscan son tradutores ou filólogos.

Que un máster público relacionado non pondere apenas nada é infravalorar a oferta formativa das nosas universidades.

[14-06-2010 15:06] ti comentou:

Bo artigo. Así vamos...

[14-06-2010 10:57] eu comentou:

estou moi deacordo co que pon este artigo, e eu que estoyu interesado en participar no proxecto (son economista, cun máster eoficial en I+D, e falo inglés e portugues pero non teño título oficial posto que tiven que ir a vivir aló e non mo deron) votando contas creo qu vou quedar fora da entrevista, e non vexo lñóxico, pero que hai lóxico na admon pública???

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña