04:08 Luns, 23 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-07-2018

En cuestións ambientais aínda dispoñemos dunha sociedade con enormes carencias

Información ambiental, sobre información e desinformación

Valorar (9)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Debido ao avance tecnolóxico pasamos en poucos anos de vivir nunha sociedade con grandes carencias de información ambiental a unha situación de sobre información non dosificada.

Divulgación ambiental no pasado

Nos anos 70 tod@s lembramos con grande agarimo os programas televisivos de Félix Rodriguez de la Fuente ou de Jacques Cousteau, eran as escasas ventás de información e divulgación ambiental ás que podiamos acceder, aínda con todos os lastres que transmitían, a respecto da caza e da pesca, ou aos discutibles ou mesmo equívocos, métodos de seguimento, investigación e didácticos. Tan só tempo despois fomos quen de detectalos.

As charlas e conferencias que empezamos a impartir sobre as especies mariñas ameazadas nos 90, e no ámbito do movemento eocoloxista, estaban baseadas no coñecemento técnico, na experiencia ambiental propia e no discurso que tratabamos de imprimir no relativo ao valor ambiental da natureza, en contraposición do seu valor utilitarista, así como á conservación das especies e dos espazos que neles habitan. O público habitualmente cativo, é dicir, escolar, procesaba esa información, á que se achegaba case por primeira vez, e formulaba diversas preguntas na liña de resolver as súas dúbidas, había anceio de coñecemento.

O principio que soportaba o discurso, que tratabamos de transmitir, estaba baseado en que o mellor xeito de evitar a extinción dunha especie é dala a coñecer. É por iso que, con ese argumento, dar a coñecer a presenza na nosa costa de tartarugas e mamíferos mariños era o primeiro paso para a súa sobrevivencia. Non nos equivocamos, nos anos noventa aparecían golfiños apuñalados, varados vivos coa aleta caudal cortada, mortos con disparos a boca de cano, tartarugas mariñas en acuarios nas pescaderías e mesmo lobos mariños arponeados. Era a herdanza de toda a desinformación dos milenios anteriores.

Discurso e proceso comunicativo

Afortunadamente os indesexables comportamentos que levaban a esa situación non acontecen xa, queremos pensar que o deseño do noso discurso ambiental tivo algo a ver en todo iso.

O proceso comunicativo que tratamos de imprimir baseouse na transmisión clara, veraz e transparente da información, chamándolle ás cousas polo seu nome, tratando de expoñer os resultados das nosas investigacións e ofrecéndolle, sobre todo ao sector pesqueiro, información coa que derrubar falsos mitos. Xa que entendemos que as verdades a medias son grandes mentiras.

A pesar de todo o esforzo, a presenza destas especies tiveron un suceso moi limitado nos medios convencionais. Nunca tivemos máis que a posibilidade de chegar aos medios con notas de prensa, entrevistas, ademais de xerar nós mesmos información e soportes, cunha limitadísima capacidade de difusión. Lamentablemente nunca tivemos a oportunidade dunha proxección de tal calibre como a dos naturalistas televisivos dos anos 70 antes mencionados.

A volta da tortilla

Pasado o tempo vemos que nas conferencias que impartimos actualmente, a infancia e xuventude dispón dunha enorme información, viven/vivimos na era da sobre información. A súa grande capacidade de absorción de información e a diversidade de entradas por onde lle chega, permite que nas súas intervencións máis que preguntas formulen discursos argumentados. Resulta difícil sorprendelos. Aínda así o feito de indicarlles que estas especies comparten o noso mar segue a ser un bo motivo de admiración.

Mais, nos últimos anos os medios de comunicación utilizan a información ambiental como se dun suceso extraordinario se tratase e aplican os libros de estilo para accidentes, catástrofes, feitos lucutusos ou informacións extraordinarias, provocando un impacto social polos cualificativos, máis que polo feito en si, cando detrás non transmite absolutamente nada, nin o pretenden. Ás veces tan só adiviñamos a intención ao coñecer quen aporta a información, quizais intereses ocultos.

É por iso que se produce unha perversión do feito a transmitir, provocando mesmo o efecto contrario que o desexable, ao menos dende o punto de vista ambiental e da conservación.

Pode que a causa sexa unha simple transmisión de información baleira de contido ou de mensaxe, e que os medios simplemente actúen como altofalante, entón si que temos un verdadeiro problema dado que ou ben se trata de falta de formación ambiental de quen redacta o produto final ou o que falla é a orixe da información, en ambos casos transmitindo media verdade. Teremos que estar atentos pois, por ver e é unha nova versión da desinformación.

Poderiamos poñer centos de exemplos e o que se trata nin é de ser inquisitorial nin dirixista, mais, en cuestións ambientais aínda dispoñemos dunha sociedade con enormes carencias, polo que a información, fundamentalmente a das especies mariñas ameazadas, debe ser transmitida tendo en conta ás dificultades e ameazas que estas especies teñen respecto do impacto das actividades humana, tratando de que este diminúa ou desapareza, así como as características socio-culturais do público ao que se dirixe.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal