06:04 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2018

A revolución nunca a traerá o lobo capitalista en pele de cordeiro

Unha paleta de anglicismos para enmascarar o fedor do capitalismo

Valorar (72)

ROBERT NEAL BAXTER



En inglés o verbo ‘to whitewash’ significa ‘encalar ou recubrir algo dunha fina capa de pintura branca’ e, por extensión, tapar ou encubrir algún escándalo ou acto ilegal. O termo aparece xa no século XVIII e pouco a pouco vanse incorporando outras cores a este novo arco da vella, botando man dunha ampla gama cromática de temáticas socialmente sensíbeis para maquillar o escuro espectro do capitalismo, desde o verde até o lilás, pasando polo azul e o rosado.

Unha das variantes máis coñecidas e a ‘lavaxe verde’ (ou greenwashing) que surxiu nos anos 1980, seguindo a vaga do despertar ecoloxista. Consiste nunha estratexia de marketing que procura apresentar pública e socialmente unha empresa, os seus produtos e servizos como máis ‘ecolóxicos’, ‘sustentábeis’ ou ‘respeituosos co medio’, mais sempre de xeito parcial ou superficial, sen que reflicta a realidade global. Pensemos, por exemplo, nunha megacadea de hoteis que pretende proxectar unha imaxe ‘ecoamigábel’, ao alertar a clientela sobre os efeitos negativos de lavar as toallas diariamente sen necesidade. Neste caso, é interesante notar como a empresa esquiva a súa responsabilidade corporativa, ao transferir a culpa para a clientela, ao mesmo tempo que non deixa de se atribuír o mérito. O meu eterno cinismo lévame a pensar que máis ben están interesados en atraer o 80% de turistas que declaran valorar positivamente tais prácticas à hora de escolleren un aloxamento e estaren dispostas a pagar máis por un hotel ‘verde’.

Permitídeme un chisco de escepticismo tamén ante a decisión tomada por McDonald’s de mudar as cores do seu logótipo para o mercado europeu, supostamente para “deixar clara a súa responsabilidade pola conservación dos recursos naturais”. Ao parecer, sería verdade que a multinacional inviste nunha estratexia de sustentabilidade que vai máis alá dunha simples lavaxe de imaxe verde, en colaboración coa multinacional ecoloxista Greenpeace. Mais aínda así, seguen a pairar interrogativas importantes: até que ponto a comida rápida pode realmente ser compatíbel coa sustentabilidade, pensando no problema que xeran as embalaxes ou a problemática que representa a produción de carne bovina, por moi ‘sustentábel’ que diga ser na etiqueta? Ou até que ponto non será a clientela que está disposta a tragar calquer mentira que reconforte a continuación dos seus hábitos, desculpada de toda responsabilidade? Permitide que dubide que a clientela que fai cola no seu carro diante do McDrive un sábado pola noite se torne máis consciente ou preocupada pola situación do medio grazas a este tipo de campañas. Convénceme tanto a farsa do ‘ecocapitalismo’ como o ‘pacibelicismo’...

Moi similar ao anterior é a máis recentemente acuñada bluewashing ou ‘lavaxe azul’, inspirada na cor da bandeira da ONU, xa que é a propria institución a que se presta a esta operación cosmética através do seu Pacto Global. Neste caso, unha compañía pertencente a un sector industrial que arrasta unha máis que merecida má fama (as industrias mineira ou tabaqueira...) dedícase publicamente a gabarse do seu suposto compromiso con causas humanitarias: a erradicación da pobreza, os direitos humanos... Obviamente, o fin que perseguen tais xigantes trans e multinacionais non é –nen moito menos– axudar a quen for, senón incrementar os seus lucros mediante unha publicidade positiva e non necesariamente escrupulosamente honesta. En 2002, a empresa galardoada co premio Best Bluewash foi Nestlé, que tenta recuperar unha imaxe pública amigábel após o escándalo e o posterior boicote internacional que desatou a publicación do informe Asasino de bebés ou a máis recente demanda por promover a escravitude infantil na África.

Como calquer boa campaña de marketing, o suceso deste tipo de iniciativas repousa sobre o facto de se nutriren directamente das diferentes sensibilidades sociais de cada momento, permitindo que a enorme masa de xente que se deixa levar polas modas lave a súa consciencia e se apresente publicamente como libre de responsabilidade, sen ter que mudar os seus hábitos ou, en todo o caso, sen ter que cuestionar e repensar o sistema capitalista que sustenta a explotación dos seres humanos e da natureza.

Seguramente, dado o grao de popularidade que está a alcanzar, asistiremos en breve a un auxe da denominada ‘lavaxe lilás’ (purplewashing), ou a apropriación da simboloxía característica da loita feminista, para ir gañando adeptas e adeptos para o mercado capitalista desfarzado de progresía. Así, o 8 de marzo xa podemos seguir a consumir tranquilamente nunha multinacional sob o M invertido que representa o W de ‘women’, apesar do impacto real que ten na vida das mulleres que emprega. O suposto empoderamento da muller tamén serve de coartada para tornar aceitábel a ocupación da Palestina.

O rosado do pinkwashing tamén serve para embelezar a política xenocida do Estado Sionista, denunciado por Pinkwatching Israel. Do mesmo xeito, ligado ao gaypitalismo que absorbe e asimila o movemento LGBT contestatario que cuestiona os pilares da sociedade patriarcal e cisheteronormativa, o desexo dunha parte da comunidade gay (na súa esmagadora maioría homes ricos) de seren pais biolóxicos serve de pretexto para reforzar o modelo tradicional de familia mediante a explotación do corpo das mulleres, sabendo que 80% das parellas que alugan a barriga dunha muller son, de facto, heterosexuais...

En todos os casos, a pátina de respectabilidade é apenas superficial e quen non ve o que realmente se esconde debaixo é que prefire deixarse enganar. A revolución nunca a traerá o lobo capitalista en pele de cordeiro. Na Galiza, as únicas verdadeiras cores que albergan a esperanza da libertación nacional e a emancipación social son o branco, azul e vermello da súa Estreleira.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña