00:01 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-05-2018

A historia, a historiografía e os historiadores son sempre un síntoma das realidades nacionais que os sustentan e motivan

A historiografía española e a eliminación de Galiza

Valorar (34)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Custa moito soportar os relatos, que se di agora, sobre a manipulación e a mitificación da historia que, segundo a maioría dos conspicuos historiadores do sistema, tería cometido e seguiría empeñada en acometer a historiografía nacionalista catalá e a vasca. Naturalmente, a ausencia ou escaseza de referencias á historiografía nacionalista galega non devén de eles compartiren as súas análises e conclusións. Simplemente provén do desinterese e o desprezo manifesto por calquera realidade nacional e social, dentro do que eles chaman España, que non sexa conflitiva expresando vontade de existir por si propia con certa contundencia fronte ao dominio e a asimilación polo Estado español. Nunha palabra, para eles é o silencio e a submisión o que garante a continuidade de España. Se algún pobo diferente dentro dela mantén este perfil, terá como pago un silencio desprezativo ou un sorriso de anuencia que destila unha boa dose de burla e un afán mal disimulado por aplicar o deseño que o mantén nese estado.

A historia, a historiografía e os historiadores son sempre un síntoma das realidades nacionais que os sustentan e motivan, alén dunha manifestación dos conflitos que estas viven, da forma de asumilos e de procurarlles  solución. Todos e todas podemos entender que, no caso do Estado español, a continua, esmagadora, prepotente e oficial insistencia na idea dunha nación única, España, dun só pobo, o español, e dunha soia soberanía, a española, non é só unha perspectiva ideolóxica: é sobre todo unha orientación práctica que marca, condiciona e orienta a vida de todos os cidadáns do Estado español, en todos os terreos, os seus valores, as súas aspiracións e a forma de analizar o mundo. Nada menos a idea da que dimana toda legalidade e mesmo ,preténdese, a lexitimidade. A historia, a historiografía e os historiadores que comulgan con esta idea de España confunden verdade histórica con legalidade imperial. E, caso de se manifestaren con evidencia reivindicacións  do dereito a existir e a decidir por quen non cabe nesta idea de España, reaxen con irritación por se estar a ofender o seu pretenso rigor de administradores da verdade histórica, a da idea de España ter existido sempre. Eles converten a súa ciencia nun instrumento descarnado de combate ideolóxico. Porén acusan a quen se dedican a facer aboiar outras realidades nacionais negadas na súa existencia e manifestación históricas de cometeren o grande pecado de faceren relatos mitolóxicos sobre o pasado das súas nacións oprimidas para xustificar a aspiración á normalidade e á dignidade como pobos no presente.

Hai pouco fun mirar documentación depositada na Fundación da Casa de Alba no Palacio de Liria en Madrid relativa aos Condes de Lemos, en concreto na etapa da segunda metade do século XIV, a dos orixinais, galegos e actuantes como clase dirixente galega. Após unhas xestións telefónicas previas, acabei entrando unha tarde no arquivo sendo recibido con corrección e certo distanciamento. Cando estaba a piques de acabar, non sei como, vinme falando co arquiveiro, Sr. Calderón, do tema da manipulación da historia (naturalmente a historiografía catalá era o albo da crítica). Os nosos relatos entraron en contraste e disputa, sen alporizamentos. Chegou un momento en que intentei sintetizar e afirmei: “Mire hai dúas formas de responder á negación da existencia propia por outro. Unha delas é a vontade de existir e manifestar en todos os campos o dereito á existencia, tomando conciencia de si propio, o caso catalán. Hai outra que é someterse e aceitar como boa a submisión, o caso galego, conducente ao suicidio”. Díxeno consciente de estar facendo unha simplificación algo abusiva e bruta, porén destinada a entrar noutra realidade que dese un contraste sobre as consecuencias de cada comportamento. A miña sorpresa foi o recoñecemento pola súa parte de non coñecer ben o caso galego, os seus antecedentes históricos, a súa historia. Perante a miña información sobre o reino da Galiza medieval, a súa ausencia no sistema educativo, sobre as estratexias da clase dirixente galega, mentres a tivemos…a reacción foi prudente e controlada, coa pregunta do millón:” Y por qué los profesores de la Universidad de Santiago (citou algún medievalista en concreto) no lo dicen?”...Pois xustamente, porque non se queren confrontar co deseño dominante e oficial, e prefiren moverse dentro das súas coordenadas, con detrimento grave para o coñecemento da verdade histórica e colaboración entusiasta na falsa conciencia de sermos un pobo que nunca existimos por nós mesmos.

Obtiven entón algunhas confesións tan reveladoras como honestas do Sr. Calderón, profesor de Historia da Baixa Idade Media: efectivamente, sempre crera, até había pouco, que o Condado de Trastámara era un título asturiano, non galego; nunca se quixera dedicar á Alta Idade Media, pois gostaba só de traballar e partir de documentos de época, e no caso de Castela, ao revés que “en el caso de ustedes”, son moi poucos; informoume dun seu artigo sobre por que entraron pola Coruña, e non por Laredo ou Santander, Filipe e Juana, atribuíndoo a seren mellor recibidos alí pola existencia dunha nobreza con poucas simpatías por Fernando el Católico, o que lle parecía estar en consonancia e ser coherente coa miña análise da clase dirixente galega na Baixa Idade Media…Funme acougado e satisfeito de que unha discusión que se presaxiaba aceda e descontrolada, e sempre conflitiva, acabase discorrendo, se non con acordo, se con entendemento…e sobre todo recoñecemento de tantas ausencias e ignorancias contra natura sobre Galiza…O Sr. Calderón despediume  afirmando que fora agradábel poder discutir sen acritude, aínda estando en desacordo…

A miña última experiencia, esta libresca, foi a lectura dun libro de Felipe Maillo Salgado, profesor da Universidade de Salamanca, “Acerca de la conquista árabe de Hispania, impresiones, equívos y patrañas” (2011). En nome do rigor e da ciencia, brama en prólogo ad hoc  contra as visións históricas mitolóxicas de vascos e cataláns para xustificar as súas pretensións actuais, ao tempo que arremete sen a menor consideración contra “las autonomías”. E logo entra en materia.  Pois ben, ao longo de todo o seu relato vai afirmando que, para as fontes árabes e carolinxias, o cuadrante noroeste da Península recibía o nome de Galliqiya, e os seus reis eran os reis dos galaliqa, ou sexa, dos galegos. Porén, el como narrador actual reconverte todo en “ reino de Asturias” e “Reyes asturianos” á vista e sen complexos. A operación faise de forma tan prepotente e soberbia, natural,  que o impide ver a manipulación que está  a facer á luz pública. Admite mesmo, descubrindo a súa falta de rigor coa visión do pasado, que “no es extraño que los musulmanes hicieran extensivo el nombre de gallegos a los habitantes del conjunto del reino” (p. 108), para el Asturias ou León. A causa estaría en que el reino “tenía su reserva social y cultural en Galicia”(ibidem). Pode darse  maior contradición entre a denominación da historiografía española e a realidade?. Claro que se asenta nunha forma de proceder que non é excepcional desde hai anos. Así J. A. García de Cortázar xa asumía en 2002 que “El nombre de Galicia fue el habitual en las fuentes francas contemporáneas, aunque en bastantes ocasiones acompañado del de Asturias, que generalmente aparece en segundo lugar. Eso se ha considerado una herencia de la provincia romana de Gallaecia (…). Pero probablemente haya que ver en ello asimismo una influencia del reino suevo”. Aliás, o reino e a monarquía seguen a ser para el asturianos.

É dicir, o relato historiográfico español decidiu hai moito tempo, ao servizo dos intereses ideolóxicos e políticos que o sustentan, que o pasado histórico de Galiza debía ser eliminado en nome de poder articular un discurso histórico inventado que servise á idea da construción da nación española. Neste discurso Galiza sobra e, de aparecer, debe ser sempre como provincia de Castela ou de España, para o que é indispensábel facer unha apropiación indebida, un roubo do noso pasado medieval. As evidencias debían levar a unha modificación do deseño, e cando menos a asumir a verdade histórica de o reino cristiá orixinario no cuadrante noroccidental ser o de Galiza, por máis que esta denominación abranguese un territorio maior da actual comunidade autónoma, co seu peso demográfico, económico, social e cultural no que foi a Grande Galiza (isto é, a  Galiza actual co Berzo  e o norte de Portugal deica o Douro).

Por que actúa así a historiografía española?. Simplemente porque forma parte este proceder do deseño de opresión e submisión do pobo galego, fundamentado na ignorancia ou desvalorización do seu pasado histórico. E como corolario, porque non é discutido este deseño, non xa fóra, senón tampouco dentro por parte de ningunha institución académica  ou cultural relevante. Estas actúan de forma servil e mesmo sendo máis papistas que o Papa. Deste xeito, malia os dados e a documentación daren para recoñecer a verdade histórica medieval galega, mantense a mantenta contra toda evidencia o deseño tradicional. Semellante eliminación só é posíbel con descaro se un pobo non ten unha manifesta vontade de existir por si mesmo. A historiografía, a historia e os historiadores da España mítica poden descansar tranquilos con nós. Condúcenos ao suicidio, cun roubo e eliminación que lles vale, fraudulentamente, para fundamentar a súa visión, esta si, abertamente mitolóxica. Velaí a razón de que non nos coloquen en predicación, en debate. Para eles non fomos nin somos ninguén e debemos seguir así.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña