09:26 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2018

A censura si que é unha ameaza para a democracia

Mentiras, manipulación e Fake News

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Non hai moitos meses vin en Facebook unha noticia que anunciaba a morte de Sylverter Stallone, o actor de orixe italiana que deu vida no cine ao mítico Rambo entre outras moitas películas. A noticia era falsa, non había máis que ver a “URL” da ligazón para, cando menos, pensar que iso podía non ser certo. Con todo, fixen unha simple procura en Google para corroboralo. E efectivamente, Stallone non só seguía con vida, senón que está a preparar unha nova entrega de Rambo que tan bos resultados ideolóxicos lle deu ao imperialismo, que tanto mataba vietnamitas comunistas como axudaba aos xihadistas afganos a loitar contra a URSS; todo en nome da liberdade, por suposto.

Esta publicación antes mencionada tiña varios “gústames” e mesmo había algunha persoa que lle daba o pésame á familia nos comentarios de Facebook. Evidentemente estas persoas non dubidaron da veracidade da noticia, estaba en internet, como ía ser falsa? E sen embargo, érao.

Calquera usuario ou usuaria de redes sociais pode atoparse ao longo do día con algunha noticia falsa como esta ou simplemente unha noticia real adubada convenientemente cun toque sensacionalista, utilizando un titular ou unha imaxe que chame a atención para xerar clics ao medio en cuestión e impresións publicitarias que deixará algún beneficio económico ao seu promotor.

Se hai noticias falsas que buscan unha interacción do usuario ou usuaria por cuestións económicas, tamén hai noticias falsas ou manipuladas que buscan xerar un determinado estado de opinión na procura dunha reacción política por parte de quen recibe ese impacto informativo.

Durante o bipartito do BNG e PSOE na Xunta de Galiza o grupo de ultradereita Galicia Bilingüe, así como o PP, espallaron a “fake news” de que a Xunta impoñía o galego, o cal era absolutamente falso, mais a idea callou nunha parte da sociedade galega mobilizando o electorado conservador nun tempo no que as redes sociais tal e como as coñecemos hoxe en día aínda estaban en cueiros e non tiñan a audiencia que teñen hoxe. É dicir, que é certo que hai noticias falsas, mais non só nas redes sociais, os medios tradicionais son seguramente os maiores propagadores deste tipo de noticias, que, se non son falsas, están convenientemente manipuladas. Así, non hai máis que ver como informaron os grandes medios de comunicación o resultado electoral das pasadas eleccións en Venezuela, onde se presenta como un "fracaso" unha abstención do 52%, pero obvian calquera mención a abstención do 53,3% na primeira volta das eleccións chilenas do pasado mes de novembro (a abstención da segunda volta foi do 50,98%), no que saíu elixido Sebastián Piñera, por poñer dous exemplos análogos.

Neste sentido chama a atención o interese dos grandes medios de comunicación, mais tamén de determinados grupos políticos, por regular as “fake news”. Parece ser que son unha grave ameaza para a democracia e as institucións, tal e como se pode ver neste editorial de La Vanguardia publicado o pasado mes de abril.

Mais a teima contra as “fake news” non é algo novo que se puxo de moda por mor da elección de Trump, que segundo algúns medios gañou as eleccións grazas a estas publicacións cociñadas por Rusia. En xullo de 2017 a World Socialist Web Site denunciaba que os cambios do algoritmo de Google, creado para loitar contra as noticias falsas en internet, reducira de xeito significativo as visitas á citada web de esquerdas, así como outras análogas. A World Socialist Web Site deixara de ser unha web confiábel para Google, baixando varias páxinas nos resultados do buscador.

Esta regulación, como vemos, xa está en marcha. De feito, Facebook, unha das grandes plataformas sociais requirirá unha autorización previa do anunciante para poder publicar nesta rede social publicidade de tipo político en Estados Unidos, unha medida que se irán espallando paulatinamente a todas as áreas xeográficas do planeta.

Este cambio nas políticas de anuncios de Facebook así como outras de tipo lexislativo que tomen os estados, que se implementarán tarde ou cedo para meter en cintura as “fake news” coartan a liberdade de expresión, e o que é peor, toman ás persoas como individuos que son incapaces de pensar por si mesmos aos que hai que protexer e coidar, proporcionándolles a información que algún algoritmo considera veraz. En realidade o que se persegue é precisamente o contrario, isto é, teledirixirnos e uniformizar a información que recibimos a través dos medios tradicionais e a redes sociais.

As “fake news” non son unha ameaza para a democracia; o que si é terríbel para a sociedade é a censura e a información convenientemente cribada polos algoritmos para crear unha burbulla informativa uniforme onde a discrepancia non é posíbel ao non existir referencias alternativas. O 1984 de George Orwell chegou con certa demora, mais xa está aquí.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña