16:45 Martes, 23 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-04-2018

O patrocinio forma parte da multibillonaria engrenaxe que transforma o futebol profesional –máis que calquer outro desporto– nunha megamáquina económica

Cancro social oculto

Valorar (54)

ROBERT NEAL BAXTER



Cal é a relación entre o sector inmobiliario e un broker dos mercados de valores con sede no Estado Sionista e o ‘desporto rei’?

Que ten a ver unha empresa de aviación dun país que viola os direitos humanos onde a homosexualidade é ilegal ou unha empresa tecnolóxica chinesa cuxo presidente estivo detido acusado de estafa coa primeira división de futebol do Estado español (perdón LaLiga Fútbol-Banca)?

En principio, máis ben pouco. No entanto, están estreitamente relacionados através do patrocinio que forma parte da multibillonaria engrenaxe que transforma o futebol profesional –máis que calquer outro desporto– nunha megamáquina económica.

Sen entrar na corrupción e outros escándalos cos cais está esburacado o mundo do futebol, existe outro motivo de máxima preocupación, desta vez, totalmente legal: o patrocinio dos clubes. Ao nível europeo ascende a máis de 3.000 millóns de euros, destinados sobretodo ao Premier League, procedentes de máis de mil empresas. No Estado español, terceiro na listaxe,  móvense 672 millóns. O Barça e o Real Madrid están à frente, cun ingreso conxunto de 65 millóns de euros (2015-2016) decorrentes do patrocinio. Se a isto se acrescentan os máis de 1.000 millóns percibidos polos direitos de transmisión televisiva, non é de estrañar que os clubes engordasen os seus ingresos totais en case 40% en 2016...

Unha das fonte de ingresos máis lucrativas (Real Madrid: 30 millóns) e, ao mesmo tempo, unha das formas máis visíbeis de patrocinio consiste en anunciar o nome dunha empresa no equipamento dun clube determinado.

Hai un grande leque de sectores que se publicitan así, desde as institucións públicas, até o sectores enerxético e tecnolóxico, pasando pola automoción. O que brilla pola súa insignificante presenza son as ONG (non vaia ser que se relacione o espírito de equipo coa solidariedade...).

Para alén dos extremos absolutamente ridículos que pode alcanzar o patrocinio das camisolas de futebol, e con independencia da fidelidade persoal –e amiúde acrítica– que xuran os seus e as súas seareir@ a un determinado clube, deberíamos reflectir sobre até que ponto é ético relacionar unha actividade desportiva con certos tipos de produtos.

Vexamos un par de exemplos:

O equipo grego Voukefalas patrocinado por un bordel. Talvez non debería surpreender esta relación entre futebol e prostitución à vista do comportamento de certos celebridades/xogadores...

O Getafe patrocinado por Burger King, que dista bastante de formar parte dunha dieta saudábel que se debería asociar co desporto.

Ou, sen ir máis lonxe, a coñecida cervexaría galega que patrocina os rivais galegos, o Deportivo de La [sic] Coruña e o Celta de Vigo, esquivando a proibición de anunciar bebidas alcoólicas ao anunciar a Estrella Galicia 0,0 %.

Non se trata dunha condena moralista do consumo de alcool, nen da comida rápida, mais de nos interpelar e interrogar sobre a relación positiva que se estabelece –tamén cara às crianzas– entre estes produtos pouco saudábeis e unha actividade sa como é o desporto.

E non nos enganemos. As corporacións multi e transnacionais e outras grandes empresas patrocinadoras non son ONG movidas polo altruísmo, polo que sería pecar de inxenu@s pensar que estivesen dispostas a gastaren inxentes cantidades de diñeiro sen teren moi claro que se trata dun investimento rendíbel que lles vai permitir aumentar os seus lucros mediante un incremento da venda dos seus produtos.

Ao parecer, case calquer publicidade é benvida desde que atrae diñeiro: Pecunia non olet. Outra cousa moi diferente é a mostra de reivindicacións políticas, susceptíbeis de seren multadas: seica non hai que politizar o futebol, mais asocialo coa comida rápida ou casas de apostas si está ben...

O caso das casas de apostas é motivo de especial preocupación, debido à súa forte presenza no mundo do futebol, onde dominan o patrocinio da primeira división no Reino Unido e chegaron a experimentar un auxe exponencial entre 2008-2011 no Estado español. En efeito, hoxe por hoxe a aposta en liña está omnipresente, desde o equipamento dos clubes, até os paneis publicitarios luminosos nos estadios, pasando polas celebridades/xogadores que figuran nos anuncios televisivos en horario de máxima audiencia e serven de modelos a emular para moita xente, especialmente a mocidade.

Mais o mundo das apostas dista moito de ser sempre tan glamoroso como o pintan estes anuncios. A ludomanía é unha patoloxía que se está a tornar nunha epidemia silenciosa na nosa sociedade, exacerbada pola aposta en liña disponíbel as 24 horas ao día. De facto, está proibida na Alemaña, co fin de limitar o alcance dos estragos que causa. Pouco se ouve falar desta cuestión aquí, mais en países como o Reino Unido estase a alertar cada vez máis do crescente cancro social que supón. Nese país, duplicouse o número de xogador@s compulsiv@s, con máis 2 millóns de persoas adictas ou en risco de desenvolveren unha dependencia.

E non hai motivos para pensar que a situación na Galiza sexa moi diferente, onde afectaría un/has 6.000 menores de entre 15 e 17 anos, o que supón que 3 de cada 10 persoas desta faixa de idade estarían en risco: chegaron a duplicarse o número de consultas na asociación Agalure entre 2014 e 2016 e o CHOU atende unha media de 40 casos cada ano.

Sabendo que o vicio en xogar arruína vidas, levando ao endebedamento masivo, ao roubo, à perda do traballo e eventualmente ao suicidio, para truncar o avanzo deste flaxelo social de imediato, deberíase contemplar a posibilidade de proibir a publicidade para as casas de apostas, a comezar polas camisolas de futebol, seguindo a iniciativa do Partido Laborista británico.

Contactos de interese:

Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (Agalure): A Coruña
Asociación Galega de Xogadores Anónimos (Agaja): Vigo


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal