Todos os estudosos da toponimia galega e portuguesa están dacordo en que a orixe distes topónimos é latina.
Todo procedería dunha, RADICOSA, pois así o constata a documentación medieval e a natural evolución:
RADICOSA > RAIGOSA > REIGOSA.
Estes estudosos susteñen que o nome estase a referir a lugares abondosos en RAÍCES, que ficarian no terreno depois de ter cortado a rentes, as árbores, xestas ou toxos.
Para nós, hai algo que non encaixa no relato. Nunca atopamos un lugar que mudase o seu nome antigo por causa de ter sofrido unha “corta”.
Por qué, a palabra non evoluíu de xeito normal para unha RAIZOSA ou RAICEIRA , e ficou conxelada nunha arcaizante RAIGOSA?
Fagamos un exercicio de retroceso no tempo. Supoñamos un terreo cheo de árbores, xestas ou toxos, que locería un nome como, poñamos por caso, : REBOREDA, XESTEIRA, A CHOUSA ou A BOUZA.
Ao dia seguinte da tala ou da roza, aqueles lugares, ainda que provisoriamente desprovistos de vexetación, é claro que seguirían mantendo o mesmo nome que antes de ter sido decotados.
Non nos parece moi pausíbel que aqueles terrenos mudasen de sócato o seu nome para pasar a ser, A RAIGOSA .
Entre outras razóns porque , naqueles tempos, as raíces serian moi cobizadas como un bó combustíbel para as lareiras; é polo que as raíces non durarían moito tempo na terra. Antes de que aparecese o nome de RADICOSA TERRA, xa estarían arrincadas e postas en utilidade, e o terreno pronto para unha nova plantación.
Escoitamos dos vellos, como en pasados tempos, en canto se acababa de cortar un carballo aparecía unha equipa de homes , que fornecidos duns tremendos machados, procedían a arrincar a raíz que debidamente esnaquizada, aparecia no mercado da vila como inmellorável combustível.
Atopamos, pois, unha contradicción entre a opinión etimolóxica dos nosos toponimistas e o sentido “materialista” do uso e utilidade do terreo.
Neste dilema, nós partimos polo camiño de ver na palabra RADICOSA un adxectivo derivado do verbo ERADICARE, que expresa a eterna labor dos nosos labregos de extirpar, arrincar ou rozar o precioso mato dos nosos montes , que fornecía á poboación de calor no lume das lareiras , e do necesario “estrume” ou “batume” , imprescindíbel para criar o esterco que garantise unha boa colleita.
Gonzalo Navaza recolle o uso medieval de RAÍZ con “significado orográfico equivalente ó de pé ou couce : “…ad radice de monte Acuto”; “ …ad radice de Asperello”; “ .. ad radice castro de Sandi”; “…in radix infesta”.” É a mesma acepción que figura nos diccionarios como ( parte inferior o pié de algo). Con todo ,cremos que os topónimos que presentan a forma simple en plural han de referirse a raíces botánicas” .
Así se expresa o toponimista lalinense ao se referir a topónimos tan expresivos como RAÍCES en Ames, RAÍCES DE ABAIXO, e de ARRIBA; RAÍZ DO MONTE, ( este último ha de ter significado orográfico). Depois de todo o dito, nós consideramos que estes lugares , a pesares de ser chamados de, RAÍCES, nada teñen a ver coas partes subterráneas dos vexetais. Poden referirse aos “sopés” ou “couces” dos montes, ou senón, ao feito de desbrozar , ( RADO,RADERE).
RADITIES > RAÍTIES > RAÍCES ( ou sexa, AS ROZAS).
Ainda suspeitamos que algunhas REGUEIRAS, mais que de REGOS de auga, proceden de , TERRAS ERADICARIAS > RAIGUEIRAS > REIGUEIRAS > REGUEIRAS; ou sexa terras adicadas á ROZA.
RAÍDO, RAICEDO e RAIGADA….. que tamén locen como apelido de moita xente , derivarían o seu nome de lugares chamados na orixe de : RADITUS, RADITIETUS e ERADICATA TERRA.
E, que dicer das diferentes RAIÑAS, que atopamos en Carballo, Mesía , Cortegada e O Saviñao ?
Aventamos aquí a posiblidade de proceder de una TERRA ERADINEA > E. RADINEA > RAINEA > RAÍÑA.
A RÚA da RAIÑA compostelá, se cadra, mais que a unha suposta dama de orixe monárquico, debe o seu nome a ter sido un modesto terreno adicado á roza, e daí que a natureza común do lugar, facilitase o ter dado orixe á actual Praza de Fonseca.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.