22:47 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-03-2018

A organización é a única vía para acadar a revolución

Acción colectiva para o avance social

Valorar (13)

PAULO RIOS SANTOMÉ



A organización é a única vía para acadar a revolución. Organización dende a base, dende o asociacionismo veciñal, cultural, deportivo, político, sindical ou calquera tipo de colectivo que requiran da relación entre persoas e da posta en común de ideas e traballo para acadar un fin determinado.

  Vivimos na cultura da meritocracia neoliberal, onde acadar unha posición social e económica cómoda ou ter "éxito" é unha cuestión de esforzo persoal. Únicamente conta o valor individual. Esta concepción da sociedade pretende destruír a conciencia de clase e as relacións sociais que derivan dela,  así como demonizar as mobilizacións sociais ou as folgas, o único que pode tumbar o sistema. Por isto,  non é de estrañar que a atomización social sexa unha peza fundamental para os intereses do sistema capitalista.Argumentos como chamar vagos a quen fai folga ou pensar en vivir un "soño americano" son conceptos xa instaurados no noso día a día.

  Lonxe de todo isto, o certo é que a acción colectiva e a organización son as únicas formas de avanzar como sociedade. Só mediante o traballo en común artellaremos un futuro de innovación e progreso para as clases populares.

  A mocidade é un sector da poboación que non vive alleo a todas estas cuestións, senón que é moi permeable á doutrina do individualismo neoliberal. Coa consecución dunha idade mínima para traballar e unha ensinanza obrigatoria, a mocidade ten a oportunidade de asociarse dende moi nova, explorar novas formas de relacionarse co seu grupo de pares e traballar colectivamente en ámbitos específicos. Isto pode enriquecer enormemente a súa aprendizaxe e ademáis axuda a  adquirir competencias importantes para o seu desenvolvemento como persoa, familiarizándose con novas responsabilidades e mesmo desfrutando delas.

  O enriquecemento do asociacionismo xuvenil en calquera dos ámbitos é vital para tecer redes de conciencia e activismo social que impulsen cambios reais na sociedade.

  No caso da Galiza, comezando nos anos 70, foi históricamente o nacionalismo galego o que impulsou, mediante a creación e participación de colectivos diversos, un tecido asociativo galego moi rico e con capacidade real de incidir na sociedade en ámbitos coma o cultural, ecoloxista,sindical ou político. Existen unha grande cantidade de casos nos que a autoorganización do povo galego en clave de país acadaron cotas de mobilización moi importantes, como foi o caso das encrobas, a central nuclear de Xove ou mesmo o afundimento de Prestige coa plataforma “Nunca Mais”.

  Segundo datos do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) e do IGE (Instituto Galego de Estatística) ao redor dun terzo da mocidade galega participa nalgún colectivo ou asociación. É unha porcentaxe moi baixa de poboación e é mais baixa aínda cando advertimos que, segundo estes datos, os colectivos con mais participantes son colectivos relixiosos e deportivos, quedando os colectivos culturais, ecoloxistas ou mesmo sindicais, nunha posición moito peor. A alienación capitalista fai que un número importante de individuos que se atopan dentro destas porcentaxes entendan a participación dentro dos diferentes colectivos ou asociacións como consumo dun ben ou servizo que estas agrupacións ofertan. A realidade é que non se participa realmente nos procesos de acción colectiva e así se atenúan os danos que esta rede de actividades sociais lle pode facer ao sistema. Neste senso, voltamos a unha concepción individualista da sociedade, que tenta tirar por terra a acción colectiva.

  O obxectivo de formar parte activa dunha asociación é o de impulsar actividades nun ámbito que nos interese, de crer que é necesario loitar por algo en concreto e facelo. Tomar a participación nunha asociación ou colectivo cun criterio de consumo, é dicir, non participar activamente da creación de alternativas, senón simplemente consumir as actividades coma se dun servizo mais se tratase, é baleirar complemente de contido social e de utilidade aos colectivos. Ante a diminución da poboación asociada e o crecemento do asociacionismo de consumo, a mocidade independentista galega organizada debe ter como unha das súas prioridades a participación e impulso dunha nova onda de asociacións xuvenís: en clave de país, que xeren sinerxias sociais para realmente mudar as cousas dende as bases e nas que poder poder espallar o ideario nacional popular. O povo galego precisa de ferramentas amplas de loita para defender os seus intereses de clase e de nación, plataformas coma, por exemplo, a recén chegada Vía Galega, que teñan poder para xuntar o traballo de colectivos diversos polos dereitos do noso país.

  Dende as institucións onde estamos presentes, é tamén a nosa obriga facilitar e impulsar a creación de novos colectivos e asociacións de todo tipo, onde a nosa mocidade poida expresarse, relacionarse e crear alternativas dentro do ámbito que elixan, coa fin de acadar un tecido asociativo xuvenil que nos achegue á toma de conciencia social e nacional que Galiza tanto precisa.

  Esta é a chave da transformación social: o traballo en cada barrio, en cada asociación de veciños, en cada ateneo ou en cada clube deportivo. Un traballo que o nacionalismo galego leva facendo dende os seus comezos e no cal se sustentou e sustenta o noso ideario: traballo duro e compromiso, por Galiza e polas clases populares galegas. Este é o único camiño para conseguir mudar as cousas. Os recoñecementos nas redes sociais corporativas de supostos gurús da política, cos seus grandilocuentes textos e a súa parafernalia non son nada sen o traballo diario, e iso é algo que o nacionalismo galego ten aprendido.O electoralismo sen loita social e sen conflito non leva a nada. A mobilización social é o único camiño.  


[06-03-2018 14:26] Palmira Quintas Cospedal comentou:

Non podo estar mais de acordo co argumento fundamental: non hai cambios reais sen organización social. Pero o discurso ten, na miña humilde opinión, un problema. A organización social non pode ter como finalidade “espallar o ideario nacional - popular”, porque elo comporta unha deriva na práctica de satelización e instrumentalización das iniciativas de base. A conciencia de pertenza a un pobo suxeito de dereitos nacionais colectivos nace dos procesos sociais que se xeran como consecuencia da defensa do propio, e que da lugar a formas plurais de organización, constituídos en verdadeiros contrapoderes, con diversidade de referentes sociais e Ideolóxicos. Os procesos emancipadores reais trasladan o protagonismo da minoría partidaria e ideoloxizada ao conxunto das clases populares. Na miña opinión se non se asume este enfoque, seguirase utilizando partidariamente os movimentos de resposta social e estaremos castrando o seu poder de emancipador desde unha prespectiva galega. Via Galega, na miña opinión, nace con pouca credibilidade, precisamente por esto. A súa constitución non é o resultado dun proceso de confluencia natural senón dunha decisión partidaria que soio pretende aglutinar as marcas asociativas satelizadas. Nada que ver co proceso catalán.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal