03:08 Xoves, 22 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2018

Quen decide o que é unha obra de arte? Quen decidiu que esta obra en concreto é máis merecente de ser exposta do que outras?

Censura ou cordura? A muller na arte.

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER



En 2001, os meios occidentais reaxiron con estupor ante a destrución por orde do Mulá Omar das maiores estatuas de Buda en pé do mundo. Mais non foron os Talibáns os pioneiros neste tipo de vandalismo aberrante.

 Fiel à tradición da iconoclastia bizantina, a principios do século XVI, o Papa Xulio II encarregouse de que se tapase a pudenda dos personaxes de O Xuízo Final de Michelangelo na Capela Sistina. Máis tarde, a partir da denominada “campaña da folla de figueira”, Paulo IV (o mesmo que promulgou o primeiro Index Librorum Prohibitorum) emitiu unha bula pontificia na cal mandou ocultar a xenitalia das esculturas con tais follas, camiño que seguiron Inocencio X e Clemente XIII até mediados do século XVIII. E mesmo até finais do século XIX, Pío IX dedicouse a amputar o falo das estatuas romanas co fin de evitar excitar quen as vise no Vaticano (todos eles homes...). E aínda hoxe, algúns seguen a estar preocupados polo mesmo.

 Puritanismo e censura totalmente reprobábeis sen dúbida. Por isto, sempre resulta cando menos ridículo que un sacerdote critique a suposta “censura” artística, como aconteceu recentemente no Reino Unido. E non foi o único. Non tardaron os sempre politicamente plurais e obxectivos meios británicos en atacaren a decisión tomada a principios de febreiro pola curadora do Museu de Manchester de retirar unha pintura da sala que leva por nome En Busca da Beleza, o que lle mereceu ser comparada cos nazis...

 Mais a retirada non se fixo para censurar a forma humana, nen por ser “lixeiramente erótica”. A decisión tomouse para suscitar a reflexión ao redor do cánone de beleza feminina que plasma a obra en cuestión, co obxectivo de “cuestionar esta fantasía vitoriana do corpo feminino, ora como unha ‘forma decorativa pasiva’, ora como unha ‘femme fatale’ para o consumo masculino”.

Nada a ver, por exemplo, co afán case enfermizo de Facebook de censurar os bicos do peito das mulleres (que non dos homes....). A chave dánola este comentarista sacerdote: “Por que non volves subir na túa carroza de bruxa feminista e marchas moi lonxe de aquí?” Aínda ben que a igrexa xa non queima as bruxas nas fogueiras... En todo o caso, fica claro que o que molesta non é a “censura” en si, mais o subxacente feminismo que a motiva.

A pintura en cuestión, titulada Hilas e as ninfas (1896), é obra de John William Waterhouse. Coa escusa de se inspirar na mitoloxía grega, e recorrendo ao sacrosanto formato asimétrico “home vestido vs. mellor espida”, o lenzo retrata unhas náiades prepubescentes a secuestrar o xoven Hilas, atraéndoo ao lago onde morre afogado. Neste cadro, conxúganse o mito da malvada tentadora coa fantasía da hipersexualización de menores que provocan e incitan, escusa preferida de certos altos cargos eclesiásticos para desculpar os abusos pedófilos dentro da Igrexa. 

Non vou entrar a valorar aquí se se trata ou non dunha “obra mestra”, xa que non foi esta a razón que motivou a súa retirada. Ora ben, non podo deixar de colocar as seguintes perguntas: Quen decide o que é unha obra de arte? Quen decidiu que esta obra en concreto é máis merecente de ser exposta do que outras? Por que son moitos máis os artistas homes expostos nas galerías do mundo do que as artistas mulleres? Sabendo que son moitas as obras e pouco o espazo para as expor, nun momento dado han entrar inevitabelmente en xogo criterios subxectivos de selección: Non sería mellor que fosen conscientes, honestos e razoados do que responderen a un viés latente?

Hai quen di que hai que entender a obra no seu contexto histórico. Acho que, en parte, é xustamente isto o que pretendía o Museu ao retirala de xeito temporal, ao ligar a época orixinal coa actual: “A galería existe nun mundo cheo de cuestións interrelacionadas de xénero, raza, sexualidade e clase que nós afectan a tod@s. Como facer para que as obras nos falen de xeito máis contemporáneo e relevante?” E cal foi, xustamente, o contexto histórico orixinal? Na época, o puritanismo público encubría (ou, talvez, xeraba) un hipócrita e inxente consumo privado de pornografía ilícita. Persoas como o Reverendo Charles Dodgson (mellor coñecido como Lewis Carroll) aproveitaban a “representación artística” para enmascararen imaxes pseudopornográficas e mesmo pedófilas. Habendo tantos temas onde escoller, cabe perguntarse por que certos artistas se decantan polo rapto, asasinato e estupro de mulleres e mozas, como unha serie policíaca ianque pasada polas belas artes para a tornar aceitábel sob o pretexto dos “Clásicos” ou da Biblia, fontes inesgotábeis da cultura de violación.

É tamén importante destacar que non se trataba de expurgar a obra (que se voltou a colgar unha semana despois), nen de amordazar a opinión pública. Moi polo contrario, o que si se quixo era convidar calquera a expor a súa opinión mediante un taboleiro colocado con este fin no lugar da pintura. E, para estimular o debate no canto de calalo, todas estas opinións foron debidamente divulgadas polas redes do proprio Museu. Moi lonxe, pois, da censura que practicaron a Igrexa ou o rexime nazi.

Indo máis lonxe, o pensamento sistémico procura facernos crer que na democracía burguesa a liberade de expresión se opón a calquer tipo de “censura”. Porén, isto é radicalmente falso. No mundo en que vivimos, quen posúe o poder case monopolístico sobre os meios de comunicación que predican e promulgan o seu dogma son as clases e grupos dominantes e, alén diso, a propria “xustiza” contempla sancións para quen ultrapasar os limites da “liberdade” de opinión en contra dos intereses do establishment. Citemos, por exemplo, a denuncia da Asociación de Viúvas de Lugo que levou à imputación do concelleiro de Cultura da Coruña por un presunto “delito contra os sentimentos relixiosos” polo cartaz do Entroido; ou, máis recentemente, a queixa apresentada pola Asociación de Abogados Cristianos contra a Drag Sethlas, por “ferir sentimentos relixiosos” tras representar a Virxe María e a crucifixión de Cristo a ritmo de Madonna e Lady Gaga; ou, xa o mes pasado, a multa de case 500€ para o rapaz que publicou unha montaxe do seu rosto superposto ao do Cristo Despoxado.

En definitiva, pois, o debate non se coloca en termos de censura si ou censura non, mais de quen censura e que tipos de cousas se censuran e por que. Se se fai para asentar as bases dunha sociedade máis igualitaria, xusta e emancipadora, non se trata tanto de censura como de hixiene política, como cando se retirou, por fin, a estatua ecuestre de Franco da praza pública de Ferrol.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña