19:02 Venres, 17 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-02-2018

En tempos pasados, os propietarios de coutos, xa foren eclesiásticos ou señoriais, cedéronlles aos labregos do lugar o dominio útil das terras de cultivo incluíndo tamén montes et fontes

Os montes de veciños

Valorar (10)

EDUARDO ÁLVAREZ




Nesta páxina dixital publícanse periodicamente reflexións relacionadas cos montes veciñais en man común, mais non é habitual que se preste atención ao outro réxime comunitario de montes que, malia non gozar de tanta extensión xeográfica nin ser obxecto da preocupación dos analistas, presenta características de propiedade e de xestión comunal moi peculiares. Refírome aos montes de veciños, tamén denominados abertais, de voces, de varas ou de fabeo.  

Mentres os veciñais en man común proceden dun tipo de propiedade colectiva herdada da tradición xermánica, estes outros foron adquiridos polos veciños a través dun contrato celebrado en tempos pasados co antigo señor do lugar. Os montes en man común, como se recolle actualmente na súa lexislación, son privados e pertencen colectivamente sen atribución de cotas ás respectivas comunidades veciñais titulares. Non se poden partir nin vender e, como acontece cos bens de dominio público, gozan dos privilexios de non poder seren adquiridos por prescrición nin poden ser obxecto de embargo. Pola contra, os montes de veciños foron adquiridos nun primeiro momento en usufruto reservándose o señor o seu dominio directo e, posteriormente, a través da compra ou da redención dos foros, os veciños accederon á súa propiedade plena. Por esta razón, sobre estes montes cada titular ostenta unha cota de participación que pode ser transmitida tanto por actos inter vivos como mortis causa. Outro trazo definidor dos montes de veciños consiste en que a propiedade osténtana os seus titulares independentemente de que vivan ou non no lugar, fronte aos dos montes en man común que requiren para iso residencia habitual con casa aberta e exercicio de actividades nas entidades de poboación segundo os usos e costumes da comunidade a que pertencen.  

A singularidade dos montes de veciños radica na súa orixe e no seu aproveitamento colectivo. En tempos pasados, os propietarios de coutos, xa foren eclesiásticos ou señoriais, cedéronlles aos labregos do lugar o dominio útil das terras de cultivo incluíndo tamén montes et fontes. Así é que estes labregos usufrutuarios ficaron desde aquela convertidos en foratarios que usaban individualmente as leiras e os prados, mentres se servían do monte de forma colectiva para aproveitárense da leña necesaria para os fogares, do esquilmo para o estrume do gando e do pasto para a facenda de cada casa. Mais, a orixinalidade salientábel deste réxime comunal residiu na utilización por quendas das senras, searas ou estivadas, así denominadas as extensións de monte que se rozaban e cavaban queimando a broza e os terróns e espallando a borralla para arar despois a terra e sementar nela centeo e trigo. A paisaxe destes montes até a década dos setenta do pasado século era semellante á da fotografía que acompaña este artigo, tomada sobre un monte de veciños do concello de Neira de Xusá (Baralla desde o ano 1975) nun dos voos realizados polos norteamericanos nos anos 1956-57. Nesa imaxe podemos distinguir numerosas searas na época da sega pois, se fixamos a atención, albiscamos aínda algúns medeiros de centeo nas leiras antes de seren transportados ás eiras para seren mallados. Esta atribución por quendas das searas constituíu unha fonte de constantes litixios entre os comuneiros debido a que non todas as terras do monte presentan a mesma calidade para o cultivo. Sucedía así que algúns veciños apoderábanse permanentemente da mesma seara e mesmo de extensións superiores ás que lles correspondía en función da súa cota de participación. Por isto, eran moitos os preitos e os actos de conciliación que se celebraron até mediados do século pasado e, en todos eles, se acordaba a partición do monte encomendándolles este traballo a persoas entendidas para evitárense estes problemas no futuro. Así, nunha demanda de conciliación presentada no Xulgado municipal de Neira de Xusá no ano 1892 dise que conviniendo a todos y cada uno percibir su parcela pide que se proceda a su división a medio de inteligentes y que a cada uno se adjudique su correspondiente porción y se concreten a percibirlas tanto para el estivadeo como para utilizar sus leñas, y al objeto demanda que en este acto de conciliacición a […] estan conformes en que se verifique la división de tales formas, se adjudique a cada uno su porción según va dicho, concretándose cada uno a estivadar y coger las leñas de su porción y solo dejan proindivisión al pastoreo de toda clase de ganados y a percibir los productos dichos ¿serranos? según costumbre, o sea en la costumbre que vienen de quintar. Tanto demandante como demandados están conformes en que se hagan las partijas bajo las bases estipuladas y designan como inteligentes o comisionados para practicarla a… Nalgúns casos, estas particións non se realizaron malia seren acordadas en acto firme de conciliación, mais noutras executáronse e isto foi unha das causas da extinción de moitos destes montes de veciños.  

Outro motivo de frecuentes litixios era o aproveitamento dos pasteiros, do esquilmo e da leña por parte de veciños do propio lugar ou doutros limítrofes que non ostentaban cota de participación nestes montes. Os mesmos veciños do concello de Neira de Xusá, nun documento do ano 1845, presentan demanda no xulgado de Becerreá contra aqueloutros que non tiñan cota de participación no monte porque de un tiempo a esta parte dieron los llevadores en las mencionadas searas y otros muchos que no tienen ninguna participación en ellas en talar y cortar sus esquilmos y leñas a roso y velloso sin orden ni concierto alguno y hasta a porfía sobre quien há de percibir mas; en términos que las continuas cortas las dejan enteramente calvas, las hacen improductibles, sin contar con la privacion delas leñas en que se me deja, y que devian sobrar para el mantenimiento del hogar, sino hubiera el abuso y derroche que hay en la precepción: bien que es lo que resulta generalmente en todas las cosas que permanecen en comunión. Por eso la Ley de partidas lo prohíbe, y con sobrado fundamento como su ilustrada justificacion conoce muy bien: de suerte S.r que desde muy antiguo se conocen los perjuicios que resultan de permanecer las cosas en comunión; por q.e nadie por laborioso que sea puede darles estado de cultura a que son susceptibles de elevarse. No conbeniendome que los mencionados montes continuen por mas tiempo de comun aprovechamiento, y limitandome por ahora a poner coto al abuso, ócurro á V.md y suplico se sirva mandar poner coto en los referidos montes, prohibiendo la percepcion de leñas no solo a los condueños, sinó a los demas vecinos que no lo son… Chama a atención que nesta demanda sexa unha soa persoa a demandante e que na petición que dirixe ao xulgado inclúa tamén a prohibición de que os demais comuneiros se aproveiten da leña. Isto ten explicación na mesma orixe destes montes de veciños a través do longo proceso de adquisición da propiedade a través da redención dos foros por parte dos comuneiros no decurso do século XIX. En moitas ocasións, esta redención efectuábase por un só dos foratarios, o cabezaleiro, quen adquiría total ou parcialmente do antigo propietario o dominio directo sobre o monte converténdose así en acredor fronte aos demais partícipes.  

Deste xeito, após a redención dos foros, os antigos titulares do usufruto convertéronse en novos propietarios do monte, cada un coa súa cota de participación. Despois, en virtude de transmisións hereditarias e de compravendas, nalgúns casos esas cotas foron dividíndose e subdividíndose pasando a pertencer a persoas que xa non residen no lugar.  

O número de montes de veciños desta tipoloxía é moi reducido fronte ás máis de 700.000 hectáreas que ocupan os en man común. Debido a que aqueles se poden partir adxudicándolle a cada partícipe unha parte proporcional á súa cota, na actualidade a existencia deste réxime de propiedade comunal fica reducida a algúns territorios da provincia de Lugo. A Lei de montes, desde o ano 2012, veu impedir na práctica a extinción definitiva dos poucos exemplos de montes deste tipo que quedan ao prohibir parcelacións, divisións e segregacións definitivas de terreos cualificados como monte ou terreo forestal cando o resultado sexan unidades de superficie inferiores a 15 hectáreas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal