04:56 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2018

A realidade virtual no mundo do traballo podería levar a un novo equilibrio de forzas, onde a globalización levaría @s traballador@s a un nivelamento por baixo, ao facel@s competir entre si ao redor de todo o mundo

Empresas virtuais: alternativa ao capitalismo?

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER



À raíz dunha prolongada protesta por parte d@s taxistas profisionais, finalmente en decembro deste ano, o Tribunal de Xustiza da UE ditaminou que Uber é unha empresa de transporte e non unha simples plataforma dixital que permite a intermediación entre particulares.

A ‘economía do compartillamento’ ou ‘colaborativa’ da cal fai parte Uber baséase na utilización das novas tecnoloxías (apps, plataformas na rede...) para pór en contacto de xeito case instantáneo persoas que precisan dun servizo en concreto (transporte, aloxamento...) con outras que o poden ofertar, sen –aparentemente– ter que pasar por nengún intermediario.

Hai quen cre que se trata dunha ‘economía da dádiva’ baseada no libre intercambio altruísta de bens e servizos que permitiría burlar a economía de mercado capitalista, parte dunha especie de ‘cibercomunismo’ emerxente.

A primeira vista, quen sae gañando son as persoas que ‘emprestan’ o seu carro ou o seu apartamento, ao se lles permitir xerar algo de diñeiro extra, cada vez máis necesario no contexto económico actual.

Ora, nen todo o que reluz é ouro. Así, Mark Graham, do Instituto de Internet, advirte que a irrupción da realidade virtual no mundo do traballo podería levar a un novo equilibrio de forzas, onde a globalización (léase a nova cara do imperialismo) levaría @s traballador@s a un nivelamento por baixo, ao facel@s competir entre si ao redor de todo o mundo.

Ao reducir o traballo a unha serie de microtarefas sen relación directa entre si, este tipo de economía virtual diminúe os  ingresos (que nen sequer son salarios) que perceben @s traballador@s, convertid@s en falsos autónomos, subministrador@s de servizos; precariza as súas condicións laborais e varre os seus direitos (horarios, cobertura social, seguridade, cotizacións...). Unha nube virtual de ciberservos en competición permanente entre si para unhas migallas: unha situación que algúns comparan coa máis escura época dickensiana.

A principal vantaxe para quen consuma estes servizos é, evidentemente, o seu reducido custo. No entanto, acho que calquer persoa cun mínimo de consciencia social sempre debe perguntarse de onde provén unha tan significativa baixada do prezo final. Por exemplo, todo o mundo coincidiría –espero– en que é eticamente reprobábel a utilización do traballo infantil en condicións de case escravismo nos países empobrecidos con tal fin, e ninguén consideraría o consumo de tais produtos acorde cunha práctica de esquerdas ou de xustiza social.

Parecería a priori que se consegue abaratar os custos e, portanto, os prezos finais, ao eliminar a intermediación. Porén, no caso deste tipo de iniciativas aparentemente ‘colaborativas’, si segue a existir o intermediario, e de talle. De facto, en 2016 Uber gañou máis de 6.500 millóns de dólares. Ou, na mesma  liña, e sen entrar a valorar a oferta de aloxamentos nos asentamentos sionistas ilegais nos territorios palestinianos ocupados, dentro de dous anos Airbnb ingresaría uns 3.500 millóns de dólares cada ano.

Cando alguén nalgunha parte se lucra do traballo alleo, moito cheira a capitalismo, por moi disfarzado que estiver.

A realidade é que se trata de todo menos dunha alternativa ao capitalismo. É, pola contra, a súa face máis crúa e agresiva, onde quen recolle os maiores lucros nen sequer dispón dos meios de produción e dos servizos ofertados (automóbil, apartamento...), que corren ao cargo d@ propri@ traballador/a que os ten que conseguir mediante outras vías de traballo remunerado. Así, existe unha redución case total de investimento na adquisición e manutención das infraestruturas materiais necesarias, o que permite unha baixada considerábel do prezo final.

Ao mesmo tempo, amiúdo estas grandes compañías multimillonarias practican a evasión fiscal, o que lles proporciona unha clara vantaxe a respeito do resto de sector regular (hostalaría, taxis...), ao mesmo tempo que a falta de recadación redunda negativamente na capacidade de os estados investiren –caso quixesen– no sector público, isto é, escolas, hospitais, infraestruturas etc.

Tamén se reducen os custos e o prezo final ao non teren que contratar seguros, xa que non é a propria empresa a responsábel de subministrar o servizo en cuestión. É obvio quen ten que pagar o seguro dos automóbeis, dos apartamentos etc., cuxas pólizas poden non cubrir este tipo de actividades económicas.

Tampouco están suxeitos às normas e regulamentos que rexen cada sector, incluída a seguridade d@s clientes: un apartamento particular nun predio non conta co mesmo dispositivo de seguridade no caso, por exemplo, dun incendio.

Lonxe de ser unha alternativa à economía de mercado capitalista, trátase nunha forma exacerbada do capitalismo ultraliberal, un exemplo da cobiza empresarial que xera precariedade laboral, baixos salarios e, ao longo prazo, máis miseria.

Hai argumentos suficientes para non colaborar coa falsamente denominada economía ‘colaborativa’, que en realidade non é máis que a cara dixital do capitalismo globalizado.  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña