22:05 Luns, 20 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-01-2018

Podemos seguir conectando con textos que recollen unha visión do amor que hoxe rexeitamos?

A muller que le (IV): Mariana e Marías

Valorar (5)

MARTA DACOSTA ALONSO



Comprei o libro en Ponta Delgada coma quen compra unha xoia. Estaba feliz de que fose unha edición de Eugénio de Andrade. Mais as notas que escribín na derradeira páxina en branco dan conta do choque que me produciu, a pesar de eu saber xa que o texto foi modelo das novelas de amor romántico. E é que, como dixo Kathleen March, hoxe ler como muller é o único xeito de facelo. E comprobei eu esa afirmación lendo as Cartas Portuguesas atribuídas, aínda, como di Andrade, á monxa Mariana Alcoforado.

Non puiden deixar de sentirme lonxe do texto ao ler fragmentos coma estes: “Creio que faço ao meu coração a maior das afrontas aos procurar dar-te conta, por escrito, dos meus sentimentos. Seria tão feliz se os pudesse avaliar pela violência dos teus!” ou “Ah, se os conhecesses, perceberias, sem dúvida, que são mais delicados do que o de me haveres seduzido, e terias compreendido que é bem mais comovente, e bem melhor, amar violentamente que ser amado.”

As Lettres portugueses foron publicadas por Guilleragues, pseudónimo de Gabriel-Joseph de Lavagne, quen as presentou como tradución dun orixinal portugués perdido. Desde aquela data, 1669, esta obra converteuse nun referente das novelas epistolares e do amor romántico. Algunhas das persoas que se teñen achegado a estudar a obra sinalan que as personaxes, a monxa Mariana Alcoforado e o cabaleiro Chamilly, son personaxes reais e que realmente existiu entre eles unha historia de amor da que as Cartas portuguesas darían traslado. En todo caso, parece que xustamente as incógnitas sobre a obra, que inicialmente pasou por ser anónima, foron elemento esencial para a súa proxección.

Na miña opinión, nestas cartas hai unha man masculina que describe un amor excesivo, unha entrega cega que mesmo explicita o seu desexo de morrer antes que saber que o seu amado sofre esa mesma intensidade de amor. Unha submisión absoluta ao home, mesmo até dicirlle que o amor dunha monxa é o mellor amor (“… uma freira raramente inspira amor; no entanto … deveriam preferi-se às outras mulheres…”), por que? Porque “… não deve ser muito agradável ver aquelas a quem amamos sempre distraídas com futilidades; …, ouvi-las só falar de reuniões, atavios e passeios. Continuamente se está exposto a novos ciúmes, pois elas são obrigadas a certas atenções, certas condescendências, certas conversas. Quem pode garantir que em tais ocasiões se não divirtam, e que suportem os maridos somente com extremo desgosto, e sem qualquer aprovação?”. En definitiva, un autor que fala do amor dunha muller desde a súa perspectiva masculina, idealizando a submisión, a violencia e os celos como síntomas dun amor intenso e verdadeiro, ese amor que secularmente se cualificou de romántico como quen lle concede a divisa de amor modélico. Deste xeito a obra literaria acaba por contribuír a difundir e asentar como debe ser concibido o amor desde esta ideoloxía patriarcal que de lonxe nos vén.

Resúltame difícil deixar escrita a miña conclusión ao rematar a lectura das cartas, pois temo ser acusada de estar a ler coa miña mente de hoxe un texto escrito hai máis de trescentos cincuenta anos. E quen pode asegurar que non houbo xa entón lectoras que tiveron estes mesmos reparos? E ademais, o que nos aprenderon é que as obras literarias son aquelas que son quen de comunicar, en todo tempo e lugar, unha mensaxe coa que a lectora ou o lector se identifican e eu, hoxe, xa non son quen de conectar con palabras coma as anteriores.

Por iso busco elementos cos que contradicirme e atópoos na quinta carta, nesa voz que, no seu abalar dun a outro estado de ánimo, parece tomar consciencia de si: “Escrevo-lhe pela última vez … acabou por me convencer de que já me não ama e que devo, portanto, deixar de o amar.” E quedo sobre todo coa pregunta final: “Que obrigação tenho eu de lhe dar conta de todos os meus sentimentos?”

Pido desculpas a quen se considere ofendido por ter arremetido eu, tan irreverentemente, contra esta obra, unha das principais sobre a paixón amorosa. Deixádeme dicir, no meu descargo, que, a pesar de todo, debemos agradecer a estas Cartas… a inspiración doutras moito máis imprescindíbeis: as Novas cartas portuguesas de Maria Isabel Barreno, Maria Teresa Horta e Maria Velho da Costa, as mulleres que coa súa palabra apaixonada e desprexuizada anunciaron a revolución que viña e abalaron os piares da ditadura. Un libro perseguido, como as súas autoras e a súa editora Natalia Correia, pola ditadura de Marcelo Caetano que o consideraba de “conteúdo insanvelmente pornográfico e atentatório da moral pública”. As autoras foron interrogadas pola PIDE e mesmo se ía seguir contra delas un xuízo, que foi interrompido definitivamente polo 25 de abril. E Natália Correia foi presionada para mutilar a obra, ao que se negou, e a primeira edición foi secuestrada tres días despois de saír á rúa.

Así que, co que fico é co ronsel dunha obra que no seu tempo e trescentos anos despois transcendeu as paredes da casa literaria e impregnou unha sociedade tan necesitada de ser abalada.

Como aínda o é a nosa. Talvez por iso deixo aquí un poema de Candelabro (1964), de Maria Teresa Horta, un poema que só ten cincuenta e catro anos:

Memória  

Retenho com os meus
dentes
a tua boca entreaberta  

e as palmas das mãos
dormentes
resvalam brandas e certas  

As tuas mãos no meu peito  

E ao longo das
minhas pernas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal