06:56 Luns, 19 de Febreiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-01-2018

Galiza debe ser algo máis que un criadeiro de carne humana para a exportación

As nosas miserias

Valorar (35)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Sempre tiven a sensación de a emigración ser unha das feridas polas que escoa o sangue de Galiza, mirrándoa e debilitándoa, privándoa de folgos, de afouteza e enerxía para poder saír da súa prostración. Un mal xa secular que algúns queren que sexa eterno. Claro que é a miseria, a dificultade para vivir con dignidade, o que arrastrou e arrastra, como unha saída vivida como natural, moitos mozos e mozas a abandonaren o país. Quen pensou na Galiza e desde Galiza nun futuro diferente para ela, sempre tivo claro que a emigración era unha lacra, todo un síntoma do papel que nos fan cumprir como pobo. Rosalía de Castro poetizou o drama emigratorio como a violación dun dereito elemental, o dereito a vivir na propia Terra, ela que tiña unha perspectiva galega do mundo. Castelao afirmou, con contundencia, após vivir de neno como emigrante e entrar en contacto coa nosa emigración en América, como exiliado político, traballando con tesón, no seu seo, para mantela unida e con conciencia das súas orixes: “…mais é ben dicir xa que a nosa emigración paréceme o erro máis terrible que cometeu Galiza, se é que se trata dun movemento consciente e non dun impulso involuntario e fatal. E ogallá que despois nos sexa doado desculpar aos propios emigrados, que, a pesares do seu fracaso, turran por outros emigrantes, falando de prosperidades que nunca cataron.” (Sempre en Galiza, p. 249)*. E máis adiante, p. 417-418: “Agora é cando podíamos esclarecer o problema da emigración galega, demostrando que é unha dádiva sen recompensa posible, e aquilatando, con cifras e razóns, a merma que nos causa en potencial económico, en enerxía social, en pulo creacionista, porque Galiza é unha rexión inédita, chea de reservas e posibilidades, que ao desprenderse dos seus homes – que son os axentes de toda riqueza- renuncia ao progreso colectivo e trócase en parásito dos fillos ausentes… Non; Galiza debe ser algo máis que un criadeiro de carne humana para a exportación, que amasa en bágoas acedas o pouco diñeiro que recibe…”.  Podíamos tirar textos seus máis incisivos e tristes aínda no aspecto psicosocial. Moitas veces teño razoado para min que a emigración galega mantén todas as eivas dos galegos do interior en relación co propio país, pois tampouco fóra se desenlea, por unha serie de factores, mesmo ás veces os reforza, dunha españolidade suicida que nos converte en caricatura de nós propios e tamén en mímese ridícula de quen imitamos servilmente. Abonda, pois estamos preparados para entrar na cuestión.

Non é de estrañar que, na emigración como aquí, haxa galegos e galegas que teñan a sensación de pertenceren, como tais, a algo cativo, que non merece a mínima consideración. Son, moitas veces, renegados conscientes que corren a xustificar a súa deserción acubillándose nun universalismo cosmopolita, como valor superior, que adoita esconder un españolismo militante.  O Sr. José María Vila Alén (Vinseiro, A Estrada, 1946), actual presidente do Centro Galicia, de Buenos Aires, tense manifestado en entrevista de La Voz de Galicia (22, 01, 2018), sobre a posibilidade de venda ou o traslado definitivo do óleo A derradeira leición do mestre de Castelao a Galiza. Naturalmente, como presidente da sociedade propietario do cadro, está no seu dereito a manifestar a súa  negativa ás devanditas posibilidades. O malo é que tirou duns razoamentos que evidencian a nula estima real que ten polo seu país de orixe e, desde logo, o pouco que aprecia a traxectoria de Castelao e a súa obra, a razón de ser que a orixinou. O seu esquema mental ou conceptual, como diría el, manifesta unha desoladora visión de Galiza, afogada pola súa sobrada e artificiosa presunción universalista: “Todo depende de lo que uno piense que es Galicia: si yo pienso en una Galicia pequeñita, un trocito de tierra, con una gente muy buena, muy simpática, muy agradable, muy consdescendiente con los visitantes, muy morriñosa…Sí, está fenomenal, ha dado gente muy inteligente a España, al mundo. Pero, ¿qué es Galicia?, ¿esa visión reducida? ¿Pensamos en una Galicia pequeña o en una Galicia universal?, ¿cuál es nuestra concepción de Galicia? Pongámonos de acuerdo. Si es la que nosostros aspiramos a construír, la que es realmente, no podemos dar pábulo a una Galicia que se esté mirando el ombligo”. Nada menos. Estamos perante unha ostentosa consagración da nosa miseria material e psicosocial. É difícil ensarillar máis estereotipos, máis renuncia a existir por nós propios, menos autoestima, máis negación e máis prexuízos. Obxectivo: bendicir a nosa traxectoria como pobo emigrante e servil con España, dándoa como o camiño da salvación, por moito que nos conduza ao abismo.

Causa tristeza e carraxe que se podan usar estes argumentos para negar que cadro tan simbólico deba vir definitivamente para Galiza. Esta obra de arte existe porque Castelao pensaba que Galiza era o seu pobo, a súa nación, con dereito a manifestarse como tal en todas as ordes, incluída a política e a artística. Mesmo no exilio seguiu traballando a prol da causa de Galiza e da súa liberdade, no contexto da emigración galega, co que sabía facer, arte, propaganda política e sensibilización social cuns obxectivos que o Sr.Vila Alén considerará pequenos, reducidos, mirarse o embigo. É curioso como a defensa do país, da súa existencia específica e concreta é quen de facer aboiar tanta miseria, psíquica e tamén material, como levamos enriba. A concepción de Galiza do presidente do Centro Galicia de Buenos Aires non é que sexa pequena, limitada, censurada, é que resulta inexistente, afogada conceptualmente nunha España, “lo único importante”, e nun mundo mundial, no que non  nos contempla nin ten en conta para nada. Sen conciencia de si mesma é imposíbel falar da existencia de Galiza. O lenzo de Castelao é obra dun galego consciente, que sabía cal era e onde estaba a súa nación, o seu pobo. Pintouno no exilio con temática galega e lembrando, entre outras cousas, alguén que morreu asasinado, Alexandre Bóveda, símbolo do martirio que padeceron moitos galegos e galegas, indefensos, por mor do alzamento militar fascista español, e político que entregou a súa vida ao coñecemento da relación fiscal de Galiza co Estado español e á organización do nacionalismo galego. Castelao morreu no exilio, non na emigración, porque non podía volver a Galiza, a non ser que se entregase para ser asasinado, e no ambiente dos emigrantes galegos realizou un labor de concienciación da idea de país, de patria galega e de responsabilidade respecto de nós mesmos como pobo. Desde logo, houbo emigrantes que foron sensíbeis a esta causa e serviron de axuda exemplar, en todas as ordes. Foi o pobo galego que sufría un azoute asasino o obxecto de cavilación, sufrimento e vontade artística de plasmalo por parte de Castelao.

Está claro que a semente de Castelao non chegou a contaminar o Sr. Vila Alén. O presidente do Centro Galicia fai gala dun arroallo posesivo, que ten moito de destrutivo e anulador, por máis que o exprese con acenos de honor ferido. Quen visitou ese Centro en Buenos Aires sabe do estado penoso en que se atopa o cadro en cuestión, tanto desde o punto de vista do coidado e a conservación como do punto de vista da adecuada exhibición. Está como nun recuncho marxinal, sen que haxa vontade nin intención de contemplación pública. E, desde logo, de venderse ou embargarse o Centro irá no lote con total desconsideración do seu valor intrínseco, como o de outros cadros que posúen. Xa sabemos que as relacións da Xunta con este centro, ao longo de todos estes anos de autonomía, non serviron para avivar a conciencia dos seus socios de pertenceren a unha nación con nome Galiza, senón a España, da que somos catro provincias, como indica o presidente Vila. Xa sabemos que a política caciquil, o reparto de cartos para controlar vontades con fins electorais e estaren ao servizo da embaixada de España, dominou a relación da Administración Autonómica co centro Galicia. Nunca houbo o menor interese por ningunha das dúas partes no coidado e difusión do rico patrimonio pictórico galego da entidade, ou o existente en Arxentina. Pode agora sorprender que o Goberno de Feixóo, no contexto dunha crise financeira e social insostíbel no Centro, no marco dunha operación de compravenda en curso, recorra a traer, contando coa anuencia dos directivos do Centro, A derradeira leición do mestre par a súa exposición no Gaiás de forma temporal, nunha viaxe de vinda e retorno. Porén, estamos na típica operación oportunista, unha forma de untar con algo de diñeiro o Centro, á vez que se converte nun evento mediático e publicitario sen maiores consecuencias para a consideración e tratamento da obra de Castelao nin mudanza da política cultural. Se lembramos que o PP votou en contra da ILP que pedía a exposición pública da totalidade da obra artística de Castelao e  facerse co óleo devandito para traelo para Galiza, podemos entender, alén do seu esquema conceptual, por que se mostra tan radical e con aparencia de dignidade ofendida o Sr. Vila perante a posibilidade dunha compra do cadro para ser propiedade pública de Galiza e ser contemplado aquí nas debidas condicións. Non lle estará a facer unha desinteresada contribución ao PP desalentando calquera campaña aquí nesta dirección? A verdade é que tanta dignidade ofendida negándose a escoitar ofertas de diñeiro polo cadro por parte de quen pensa que Galiza é cousa pequena e sen importancia ule a unha impostura.

O destino universal e cosmopolita, no esquema mental do Sr. Vila, das obras que se fixeron co esforzo de galegos e galegas conscientes do seu país existir e quereren para el un status de normalidade, parece ser o silencio, o anonimato e a indiferenza máis absolutas. Así  permaneceu A derradeira leición do mestre, especialmente nestes últimos trinta anos, por non falarmos doutras obras de grande valor artístico e histórico, nun Buenos Aires que descoñece mesmo a importancia do tesouro que o Centro encerra, por responsabilidade primeira e fundamental da concepción política duns directivos para os que Galiza é, no mellor dos casos, morriña e, case sempre, o sucedáneo da España. Agora empéñase, con pose de dignidade ferida, en que un cadro simbólico para Galiza, por tantos aspectos, non virá definitivamente para aquí, e faino xusto cando se abre á posibilidade de ser engulido todo como bocado apetitoso, nunha operación especulativa, premidos pola “miseria”.

Creo que nunca pode fundamentarse a existencia dun país na súa emigración, por moi espallada que ande polo mundo. Se é estábel, sen volta, terá algo máis urxente do que se preocupar, a integración no país de recepción naturalmente. Ten sentido a súa existencia específica, no plano cultural, lingüístico, político e con perspectivas de futuro, na medida en que pense en retornar ou se manteña cunha preocupación racional e sentimental pola  evolución do seu país de orixe , no noso caso, precisamente para lograr acabar coas miserias que padecemos, unha delas a emigración obrigada. Resulta penoso comprobar como as nosas miserias de pobo colonizado aparecen aquén e alén do Atlántico. Por se no fose pouca a dose de servilismo coa españolidade que nos abafa, os gobernantes de Galiza dedícanse a fortalecela coa seu cosmopolitismo paifoco e a súa mal disimulada  aversión ao ser de Galiza como pobo con personalidade propia, cultura, lingua  e intereses materiais colectivos que defender, dos que se debe responsabilizar. Esas cousas que ao Sr. Vila lle parecen miudezas sen importancia, mirarse o embigo, xustamente todo o que tamén o servilismo do Sr. Feixóo despreza e desatende para exercer  hieraticamente de galego á española, dirían a comezos do século pasado. Hoxe quedaría no seu axioma, ser galego é a forma de ser español, isto é, non ser.  Esta conceptualización permite en todo caso, se deben contestar colateralmente con algo, a unha demanda reivindicativa, facelo como a maneira de fogos artificiais, co control debido, e para despistar algún iluso, facendo que fan, flor dun día. A conceptualización de Galiza do Sr. Presidente do Centro Galicia de Buenos Aires conduce a algo similar a Castelao e a súa obra, A derradeira leición do mestre: está mellor en Buenos Aires sen que o vexa ninguén.  

p.d.-É  mágoa que o Museo de Pontevedra, que seguro que tamén provocou coa súa máis ampla exposición da obra de Castelao que posúe, este súpeto interese da Xunta por expor aquí o óleo devandito, non acabe de asumir que todo, digo todo o que ten, debe estar exposto ao público. Sería a mellor maneira de demostrar que, desde dentro, desde aquí, as cousas comezan a mudar de verdade, na consideración de Castelao e a súa obra plástica como un fito na conformación da nosa arte contemporánea, dándolle a difusión que merece. Esta obra en si mesma xustificaría a existencia dun espazo museístico a ela exclusivamente dedicado, nun país normal.

*Akal Editor, Madrid, 1977

[26-01-2018 19:39] Henrique Albor comentou:

O Centro Galicia consolida o control dos herdeiros do franquismo nás institucións galegas da Arxentina. A donación da pintura foi a un Centro Ourensano, un bastión patriótico no que chegou a funcionar o Consello de Galiza, fideicomiso da soberanía nacional galega. Dentro do drama migratorio que o Dr Rodríguez Sánchez sitúa con precisión, este Sr Vila Alem, expresa ben as miserias esperpénticas desta resaca da última emigración franquista, que silencia e avergoña os mellores esforzos anteriores.

[24-01-2018 17:11] Pedro comentou:

O lógico é que esse lenço vinhesse para a Terra e que em Buenos Aires ficasse uma reprodução.

[24-01-2018 12:21] Salgado comentou:

En Vigo estase mostrando unha boa exposición de un documento de gran calado para a nosa cultura galega, o pergamiño de Martín Codax e que se deu en chamar de Vindel, isto e unha mostra mais de que as autoridades de aquel tempo deixaron que este monumento bibliográfico fora exportado cara EE.UU. Agora pode repetirse a mesma situación que o magnifico cadro polo seu simbolismo " A derradeira lección do mestre " acabe pendurado nun museo non galego no mellor dos casos, ou arrumbado nunha esquina de calquera institución fora de Galiza, privándonos da súa contemplación e significado.Algo mais haberá que facer- digo eu.
Por certo non debemos caer no papanatismo de comparalo co Guernika, cada un ten o seu significado e non debemos buscar referentes fora.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal