06:48 Luns, 19 de Febreiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-01-2018

A Rafael Lluís Ninyoles, vello amigo e admirado mestre

“Un lugar de España”

Valorar (31)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO




“Un lugar de España”, expresión usada polo sr. Raxoi nunha das súas últimas comparecencias públicas. Referíase a Cataluña deste xeito, incorrendo máis unha vez no torpe e cobarde costume de non nomear ao dereito feitos ou persoas (Bárcenas era “ese señor”, e tantos casos máis). Ora ben, neste caso a escolla topográfica agocha unha outra intención, para alén da pexorativa: Cataluña é, nesta perspectiva, un anaco de España, unha peza de que esta se arroga a propriedade. España chega “desde la zona tropical hasta el apartado cabo de Finisterre” (e tan apartado!), dicía dona Emilia Pardo Bazán (1888) para ponderar a súa grandeza e para, asemade, denunciar a literatura galega renacente e a, segundo ela, nefasta confusión entre “tierra” e “patria”. As aseveracións apoloxéticas do españolismo que a escritora desenvolveu tan rotunda como brillantemente nen remitiron nen desapareceron; máis ben continúan vivas e rabudas con toda a contundencia do españolismo actual. Só que este, agora, non pode estender o seu imperio ao idem perdido: aló van todas as antigas colonias que se foron emancipando da metrópole. A saudade imperial, logo, reconcéntrase no interior do Estado e desprega toda a súa histeria nas nacións internas a el, que nunca estivo nen está disposta a recoñecer. Cando a “propriedade” se rebela, o “amo” aplica o castigo inclemente, converte en pecado irredimíbel a mención da “bilateralidade” e négase ao mínimo xesto de interlocución política. O cinismo do presente é de tal calibre que confía ao aparato de Xustiza a “solución” dun problema, como se aquela fose independente do Executivo ou como se, nun alarde continuado de descaramento, non empregase decote argumentos “políticos” para manter os presos no cárcere (risco de repetición de proclamas políticas!). É tal a enormidade que estamos a viver que nen nos decatamos, mais, en fin, todo isto está escrito e continuará escrebéndose a curto, medio e longo prazo, con consecuencias ben visíbeis, e non leves, para o noso futuro como galegas e galegos, que, en definitiva, é do que nos cómpre ocuparnos en primeiro lugar.

Utilizo esta expresión do presidente do goberno español para me referir a unha outra cuestión, ben que relacionada con ela. Existe nacionalismo galego  -como o catalán-  porque existe unha nación non recoñecida nen con capacidade de decisión e de goberno pleno. O nacionalismo é a expresión desta realidade e da necesidade de conseguila. E aquí entro na cuestión que quixera tratar, aínda a risco de me repetir ou de reiterar argumentos que xa foron expostos nestas mesmas páxinas por Francisco Rodríguez e, desde logo, en máis dunha ocasión, en textos e artigos publicados no Terra e Tempo en papel. Trátase dunha utilización do termo “nacionalismo” aplicado mesmamente á súa antítese, o españolismo, o imperialismo español, en virtude do cal inza con toda a frecuencia e naturalidade o sintagma “nacionalismo español”.

Hai que recoñecer o bon suceso, o éxito, desta expresión, tamén entre nós. A cousa vén de vello. “Catalanismo” substituíu adoito “nacionalismo catalán” e, por aquí, axiña se chega a deostar o “nacionalismo español” como o culpábel da agresión sofrida polas nacións correspondentes. A “moda” ten versión política, mediática e “científica” (académico-bibliográfica). O debate, entre nós, galegos, moi doado non é. As máis das veces comprobei como unha discusión sobre isto ficaba choída porque o oponente atribuía a posición por min defendida á miña militancia nacionalista, a unha especie de defensa do pavillón, e xa se cerraba en banda a calquer outra argumentación. Foi por aquí por onde lembrei un debate ben rico e intenso que si tiven oportunidade de estabelecer no seu día cun vello amigo e admirado mestre, Rafael Ninyoles, tanto na súa València como aquí, na Galiza. Francisco Pillado, director editorial de Laiovento durante moitos anos, solicitoulle permiso para traducir ao galego a súa obra Madre España. Aproximación al nacionalismo español (1979, redixida en 1977; con versión ao catalán en 1997). A tradución galega apareceu no fin de 2002, xusto na altura en que estabamos a padecer as consecuencias flagrantes da catástrofe do Prestige, que tanto conmovera e indignara o noso amigo valenciano. Ambos, autor e editor, pedíronme prologar o volume, cousa que fixen moi gostosamente, a través dun texto que dei en titular “Carta-prólogo a Rafael Lluís Ninyoles”, onde, após recoñecer o enorme valor informativo e polémico da súa obra (maxistrais os seus subcapítulos “O profesorado académico” ou “Intelectuais e camarillas”) e de me declarar debedora de moitas ensinanzas nela contidas, non tiven reparo en “contestar” o subtítulo do libro, utilizando mesmo citas e asertos do proprio Ninyoles. Eis algunha das miñas “réplicas”:

Ese denominado “nacionalismo español”, na historia do século XX, ¿acaso non masacrou nacionalistas galegos, bascos, cataláns? Na actualidade, ¿como a mesma palabra  -por moi acordeónica que a consideremos- pode nomear eficazmente a tese e a antítese, o centralismo e o unitarismo máis reaccionário, vestido coas galas das saudades imperiais, e, simultaneamente, o movimento expresivo das demandas e aspiracións das nacións non recoñecidas como tais no Estado?

Incorporaba naquela carta-prólogo máis copia de argumentos, mais non quero fatigar a paciencia de quen ler. Aproveito a ocasión, iso si, para animar a leitura desta obra, tan interesante e rigorosa como todas as do autor (non sei se estará xa descatalogada, mais algunha biblioteca ha de a ter). O caso é que, por mor dela, autor e prologuista mantivemos na altura frecuente correspondencia, derivada tamén do envío que lle eu fixen de críticas aparecidas na prensa galega, que o divertiron moito, nalgúns casos por non entenderen nada, noutros por manifesta animosidade contra un e outra, escritor e presentadora. Quero reproducir algún dos seus comentarios, tan afectuosos como comprensivos da miña intención e razóns, así como recoñecedores da importancia e sentido dos textos doutrinais do nacionalismo galego, “Una tradició intel.lectual de la qual el nacionalisme català o basc en tindrien moltíssim a aprendre”. E aínda:

Certament, parlar de nacionalisme espanyol resulta del tot inconseqüent, a menys que es professe la pintoresca idea d´aquells, que tu referies, per als quals tot “iso non é máis que unha discusión semántica” i que, per tant, es declare una discussió incontinent i insignificant. La teua argumentació és meridiament clara i em sembla tan definitiva que no hi resta lloc per a encetar-hi cap polèmica. Senzillament, tens raó. Comprenc que si s´assumeix el nacionalisme como a moviment expressiu de les aspiracions i demandes d´igualtat de les nacions no reconegudes, parlar de nacionalisme espanyol és incórrer en una contradicció; i si, per contra, no s´assumeix aquella significació, difícilment hi podríem contraposar una visió alternativa, anti-ideológica (sensu stricto), que fonamente i legitime la nostra crítica.

Adiántome aos mal pensados, se algún houber. Se reproduzo este anaco dunha carta moi longa, non é pola razón que me concede. É por expresiva dunha actitude e dun ánimo de comprensión do oponente (da oponente, neste caso) que tantas veces boto en falta entre nós. En conversas con el, con Rafael LLuís Ninyoles  -lembreino estes días-  tivera ocasión de lle comentar como non había día en que a prensa dominante non utilizase os termos ou as traducións “nacionalismo”-“nacionalista” con clara significación negativa, racista, xenófoba, excluente. Daquela, hai quince anos, como hoxe tamén. Revelador este uso en tantos casos da vasalaxe ao universo anglosaxón, como o da palabra “radical” ou “radicalismo”, copia directa do inglés. Herdanza, noutros casos, da usurpación do adxectivo polos fascistas españois na guerra civil, como arma face ao goberno republicano “entregado” ao estranxeiro, ao comunismo internacional. O caso é que todo isto produciu un repregamento nas filas do nacionalismo catalán, que en parte non menor deixou de se chamar tal e propagou adoito a “contra” ao amentado “nacionalismo español”.

Como dixen, tamén entre nós. Confésolles que a esta altura a cousa xa me resulta cansativa de máis, por non dicer sobexamente tosca. Vexamos. Se o problema é de “nacionalismos” enfrentados, a desembocadura é un beco sen saída, porque o suposto español conta con todo o poder, as institucións, os aparatos represivos, a maioría antoconcedida, a capacidade de represión e de control directa, o Exército e demais forzas militares ou paramilitares, a policía, a Constitución que continúa a proclamar (como no franquismo) a unidade “indisoluble” da nación española, a administración de Xustiza, o imperio da lingua española... A que seguir? O deles sería hexemónico; o noso, patalexante, cal viles formigas contra un elefante... Cando unha nación se arroga a propriedade doutros povos, doutras sociedades, doutras nacións e cando esa nación fortifica constantemente a súa hexemonía con todos os instrumentos dun ESTADO, con todo o poder e a punición ao seu dispor, que “igualdade” nominal se pode xustificar para equiparar lexicamente todo isto e o seu contrario?

Eu, nacionalista galega, que “igualdade” podo argüír perante unha “homóloga” española que ten ao seu dispor millenta mecanismos de lexitimación, de mantemento da xerarquía, que pode usar deles para impedir que eu abra a boca na miña lingua ou que ela, a lingua, sexa tal, e non un resto de uso malamente tolerado, tanto como reprimido de facto? Ou é que o nacionalismo “bon” é aquel que se dosifica en pequenas pingas para non ofender as esencias do imperialismo rampante?

As palabras, na súa semántica e no seu léxico, cárgaas o demo, abofé... Acaso hai unha globalización “boa” e unha “ruín”? Ten sentido “atacar” co que nos define e esixe de nós unha fonda e razoada defensa? Por que hai tanto reparo en denunciar que somos vítimas dunha españolización totalitaria e a cada paso máis capilar e repartida?

Tense dito que todo comeza e acaba na linguaxe. Claro, por algo somos bípedes humanos e non golfiños ou polbos. Posuírmos a nosa propria non é encomenda menor. Sabermos por que a usamos, coñecermos a nosa historia, a remota no tempo e a contemporánea, lembrarmos por que, cando e con que salto cualitativo, os nosos antepasados, hai cen anos, deixaron de se chamaren “regionalistas” para se declararen nacionalistas sen complexos...: voltamos ao principio, á razón dunha evidencia, dunha necesidade e dunha aspiración.

Escrebo, porén, todo isto desalentada. Non acariño a menor esperanza de que sirva de algo nen de que valla para abrir un debate que fure o rochoso edificio da imposición vocabular reinante. O exercicio que propoño leva algo máis de tempo e de leitura do que o mimetismo do dominante actual. Só que sigo a pensar que nos vai a vida en esclarecer as nosas ideas e, por tanto, o seu vehículo, a súa expresión necesaria. Deben de ser cousas da segunda idade...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal