14:47 Luns, 19 de Febreiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-01-2018

A toniña, Phocoena phocoena, é a especie de cetáceo que está na máis difícil situación de conservación

2018, ano da toniña (Phocoena phocoena)

Valorar (5)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



A toniña, Phocoena phocoena, é a especie de cetáceo que está na máis difícil situación de conservación, os seus efectivos están moi minguados, a súa taxa de reprodución é baixa, e as ameazas son cada día maiores sobre a especie. Cada vez que comprobamos o varamento dun exemplar vemos desaparecer literalmente a especie, un a un.  

É a especie de cetáceo de menor tamaño de todas as que están presentes no Hemisferio Norte. Na costa atlántica oriental distribúese dende as augas circumpolares (Mar de Barents), ata a costa senegalesa africana. No Mediterráneo está considerada extinguida, mantén unha poboación no Mar Negro. A poboación que está presente nas augas da Península Ibérica resulta de especial singularidade e así é recoñecida internacionalmente.  

Co nome de toniña meridional, P. phocoena meridionalis, denomínase ao ecotipo das toniñas que están presentes nas augas da Península Ibérica, téndose comprobado que constitúen un núcleo poboacional xeneticamente diferente a calquera outra poboación de toniñas do mundo. As toniñas Ibéricas están máis emparentadas coas que viven no Mar Negro que coas do norte de Europa, polo que deberon formar parte dunha antiga poboación que, no pasado, se estendeu por todo o Mediterráneo e norte de África.  

As toniñas meridionais Ibéricas son máis grandes que as toniñas do norte de Europa, o que acrecenta a súa singularidade, ademais de presentar outros caracteres taxonómicos diferenciais.  

Ademais, é unha grande descoñecida, xa que, ao contrario que os golfiños e arroaces que se achegan a nadar á proa dos barcos, a toniña é un cetáceo moi reservado, fuxe do ruído e das embarcacións, o que fai máis difícil a súa detección e monitorización.  

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos MAriños-CEMMA, porá en marcha unha campaña de educación ambiental respecto da especie e da súa necesidade de conservación, comezando por adicarlle o ano 2018 como ANO DA TONIÑA. Deste xeito, ao longo do ano publicará entradas nas redes sociais divulgando os diferentes aspectos sobre a eco-bioloxía da especie e preparará material documental e educativo sobre a mesma, coa finalidade de que poida ser coñecido por toda a sociedade.  

Os equipos que estudan aos cetáceos de Portugal e de Galicia compartiron espazo entre o 4 e o 5 de decembro de 2017 no III Workshop Internacional do proxecto LIFE+MarPro “Management Plans for Marine Protected Areas”, co fin de debater propostas enfocadas a poñer en marcha accións para a conservación desta especie.  

A xuntanza de traballo foi realizada en Costa Nova, Aveiro, e ata alí desprazáronse técnicos da CEMMA para expoñer a situación da especie en Galicia, dar a coñecer as súas ameazas e realizar unha proposta de medidas de conservación.  

Por primeira vez ambos equipos de investigación consensuaron unha proposta de área de interese para a conservación da especie de carácter trans-nacional, abranguendo a costa sur de Galicia, das Rías Baixas, e a costa norte de Portugal. Esta proposta será enviada a ambas administracións co fin de que estuden as posibilidades de oficializala.  

Os modelos de xestión para a especie non amosan un horizonte máis alá de dezaoito anos de sobrevivencia da toniña, se non se mudan as ameazas actuais. Para conquerir efectos diferentes temos que mudar o uso do medio e dos recursos. Se non queremos, ou podemos, traballar a prol da súa conservación podemos poñer o marcador a cero e comezar a conta atrás para rexistrar cada varamento ata o derradeiro exemplar.  

Non sei se veremos a recuperación da especie, mais de seguir así, de seguro que podemos ver o seu final.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal