06:28 Martes, 22 de Maio de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-01-2018

Dentro de cada rexión do país, costeira ou do interior, tamén se poden documentar notábeis diferenzas

Os “Contos mariños de Carballo” (2017), de Xabier Maceiras, ou como vogarmos cara ao mellor coñecemento do mar galego

Valorar (11)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



A división entre unha Galiza mariñeira e unha Galiza labrega enforma xa unha recorrente distinción para nos aproximarmos de realidades culturais, económicas, sociolóxicas etc. ben diferentes no territorio galaico. Do punto de vista lingüístico, por exemplo, hai fenómenos típicos das rexións máis occidentais, cal o seseo total ou implosivo en corasón, faser, traisón etc., e existen outros trazos característicos máis ben de zonas interiores, como o uso das variantes chao, irmao, mao etc. ou a atestación das vogais nasais medievais nos Ancares. Obviamente, dentro de cada rexión do país, costeira ou do interior, tamén se poden documentar notábeis diferenzas relativamente aos varios modelos de produción e aos hábitos de vida: certos costumes de axuda comunitaria dalgunhas zonas rurais de Ourense, cal é o caso da xeira e da tornaxeira, poñamos por caso, poucos puntos de equivalencia manteñen cos modos de vida doutras zonas tamén agrícolas e gandeiras, como os extrarradios das grandes vilas e cidades, a Terra Chá ou as serras orientais. Mais todas estas comarcas si que posúen un elemento en común e é o feito de que se coñece cunha relativa precisión como era o modo de vida das xentes que as habitaba(n) e os seus costumes.  

Coas mulleres e homes do mar, contrastivamente, moito embora se dispoña na actualidade dun grao de coñecemento maior do que hai uns anos a respecto da súa realidade social, pódese afirmar que aínda hoxe en día protagonizan uns dos estratos da sociedade galega que presentan máis lacunas falando en termos etnográficos e antropolóxicos. Moita máis xente sabe identificar un carro tradicional do que citar unha ou dúas artes de pesca. Isto non deixa de ser tremendamente rechamente a termos en conta, primeiro, os case 1.200 quilómetros de costa que hai no país, e segundo –e en parte derivado do anterior–, o feito de na década de 70 do pasado século a Galiza ser unha das primeiras potencias mundiais en pesca, hoxe relegada ao posto 50 ou 52 mercé ás políticas desenvolvidas polo Estado español e pola Unión Europea. Cómpre notarmos que noutras partes do mundo, os costumes e as tradicións das xentes do mar inspiraron desde hai ben tempo textos tan emblemáticos como a Odisea, atribuída ao poeta grego Homero (s. VIII antes da nosa era), a cal constitúe, na realidade, unha excelente refacción literaria de contos e supersticións dos mariñeiros helénicos daquela altura. Contos sobre seres sobrenaturais, crenzas asentadas en antigos mitos, lendas de naufraxios, linguaxares propios dos mariñeiros etc. dan forma a unha rica cultura do mar común a moitas nacións: grazas á publicación de estudos hoxe clásicos como Legends of the Sea (1885) de F. S. Basset, Superstitions of Sailors (1928) de A. S. Rappport ou The folklore of the Sea (1979) de M. Baker, mergullamos nun mundo máxico, case esquecido, fonte de vida mais ao mesmo tempo responsábel de moitas mortes, que desde hai milleiros de anos leva unindo os pobos do mundo a través das autoestradas marítimas.  

Tamén na Galiza existe unha ricaz cultura marítima, aínda, como diciamos máis arriba, en moitos aspectos por descubrir e por reivindicar. Isto é así porque, por un lado e segundo comenta Xurxo Souto, os mariñeiros costuman dicir que “as cousas do mar non se contan na terra”, e, por outro lado, porque se trata dun modo de vida que leva sendo desmantelado desde hai anos. Boa proba desa importante historia do mar para a Galiza son os textos hoxe de referencia cal Crenzas e tradicións dos pescadores galegos, británicos e bretóns (1996) de F. Alonso Romero,  Xentes do mar. Traballos, tradicións e costumes (1996) de F. Calo, os dous volumes da Historia da costa galega e dos seus naufraxios (2000 e 2004) de F. Patricio Cortizo ou até a máis recente Contos do Mar de Irlanda (2014) de X. Souto, que xa vai pola quinta edición. E nestes medios, dado que o noso país posúe unha importantísima tradición cultural e histórica vinculada directamente ao mar, non podemos deixar de citar o último libro de Xabier Maceiras, Contos mariños de Carballo (2017), editado polo concello bergantiñán do mesmo nome. Hai que dicir que Xabier é unha persoa que coñece moito ben a cultura das xentes do mar, nomeadamente as da rexión da Costa da Morte, grazas ao seu labor divulgativo desde diversos medios de comunicación e aos estudos que leva dados a lume con esas temáticas, cal O mar de Arteixo e os seus naufraxios (2013) ou aínda De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam (2014).  

Contos mariños de Carballo é unha compilación de aconteceres, anedotas, feitos reais, lendas etc. en que esa rexión marítima de Bergantiños é a protagonista. Consulta de vellos libros, conversas devagariñadas con experientes mariñeiros, entrevistas a moitas persoas do mar, paseos por onde se desenvolveron eses Contos, visita a diversas hemerotecas etc. fixeron posíbel a tal selección de historias. Descubrimos grazas a elas que Carballo tamén ten mar, aínda que, como ben sinala o propio autor, quizais non sexa un mar tan coñecido como as augas veciñas de Caión e de Malpica, portos próximos do territorio que aparecen na obra. Reinvindicamos no texto de Xabier Maceiras unha parte da nosa historia, especialmente desa costa de Carballo, a través das lendas da cidade asolagada nos Baixos de Baldaio, comúns nos países do ámbito céltico nos cales sobrancea mítica cidade de Ys, que inspirou unha das máis emblemáticas gravacións do músico bretón Alan Stivell. Achegámonos, igualmente, a oficios doutras épocas mediante a lembranza da caza das baleas na Costa da Morte, labores dos cales podemos ter indicios a través dos topónimos rexistrados noutras partes do país como A Baleeira e A Praia da Baleeira (Xove, Lugo), O Baleeiro (Cangas do Morrazo, Pontevedra), A Touza dos Baleeiros e Praia dos Baleeiros (Ribeira, A Coruña) etc. Enteirámonos de como antropónimos doutras linguas penetraron na onomástica galega grazas á chegada polo mar, conforme é o caso do apelido francés Pacoret, frecuente na capital de Bergantiños. Imaxinamos as noites de trebóns, os fortes ventos e as angustias de moitos mariñeiros a través dos naufraxios que se produciron en fronte das costas bergantiñás, cal o caso do barco Solway no ano 1843, Skolt en 1890, Nantes no ano 1891, Albatros en 1954 etc.; lembramos, ao mesmo tempo, esas mulleres, nais, noivas, fillas e irmás, que acharían tales momentos os máis escuros das súas vidas, como xa permitía intuír o cantar tradicional: A moza do mariñeiro, / cando esta para casar, / fai tamén roupa de loito / sabendo o que vai pasar. Adentrámonos nos vínculos de Urbano Lugrís, o pintor do mar, con Malpica ou con Carballo ou ficamos perplexos polo itinerario que protagoniza a mensaxe en inglés asinada pola moza Katie e introducida na garrafiña que encontrou a alumna Noelia Castro en 2016 na praia de Baldaio. En definitivo, son todos os Contos mariños de Carballo fotografías narradas de episodios en que aparecen as xentes do mar desa parte da Galiza e as súas vivencias, e que, grazas a Xabier Maceiras, poden agora chegar a un público máis amplo do que xerou inicialmente todo ese patrimonio cultural.  

Aínda está por reivindicar o potencial económico e histórico do noso mar en termos de desenvolvemento na cultura e na economía. A pesar de que algúns xa foron publicados, fan falta máis estudos sobre o léxico mariñeiro, traballos de divulgación sobre as embarcacións tradicionais, museos temáticos que recollan toda esa idiosincrasia etc. As augas do Atlántico servíronnos como elo de unión con outros pobos da ribeira desde tempos inmemoriais e moitos dos fenómenos característicos hoxe en día da cultura galega chegaron por ese medio, como igualmente outros foron exportados a territorios ben afastados desta terra. Nótese, neste sentido, que na Idade Media unha viaxe en barco até ás costas da Bretaña ou da Cornualla demoraba en se facer uns días, cando un deslocamento até ao centro da península ibérica podía implicar varias semanas.  
Concluíndo xa estas palabras, temos de dar os parabéns, pois, a Xabier Maceiras por nos agasallar con esta obra e por nos aproximar dunha importante parte da nosa identidade como pobo. E enviamos os nosos parabéns, ao mesmo tempo, para o Concello de Carballo, que soubo entender a relevancia destas historias mariñeiras e que lles deu vida en formato libresco a fin de non seren nunca esquecidas polas xeracións vindeiras. Esamos certos de que Paco Souto, a quen vai dedicados estes Contos mariños de Carballo, e desde onde quer que estea, se congratularía de que o mar sexa menos descoñecido para as xentes da terra e de que o libro sirva tamén para dar a coñecer unha parte esencial da cultura e da vida de quen habita as costas da Galiza.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal