08:40 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2010

O asalto dos sionistas aos barcos da solidariedade con Gaza e Palestina volve a mostrar os verdadeiros intereses de Occidente con Israel

Sionistas

Valorar (15)

LOIS DIÉGUEZ



Da reconquista de Sión (Jerusalén) xa se falaba no s. XIX. Desde aquela foise formando a idea política con alto contido relixioso para establecer un Estado xudeu en Palestina. A primeira operación centrouse en ir establecendo a grande escala colonos hebreos neste territorio. Despois deuse o grande e perigosísimo paso de impoñer alí un Estado xudeu, é dicir, sionista, seguindo o acordado na ONU. Loxicamente, quen estaba detrás da operación, entre outros, era o sempre presente imperialismo ianqui, interesado en dispoñer en Oriente Medio dun Estado forte e ben armado para controlar as grandes riquezas da zona.

Os resultados repetiron a historia do roubo e o asasinato para se facer con Palestina e afogar brutalmente todo tipo de oposición ao control do imperialismo. Os David, armados de pedras e foguetes artesanais, seguen a enfrontarse hoxe a un Goliat cuberto até os dentes coas armas máis sofisticadas do terror.  Os invasores pasan a ser as vítimas, e os invadidos eses temerosos terroristas aos que hai que matar sen nengún tipo de escrúpulo. É sempre a lei hipócrita e cruel do verdadeiro terror, neste caso, apoiada na práctica polos grandes estados europeos.

A pregunta, por tanto, é como algúns deses homes e mulleres que en principio tiñan unha idea xusta e humana de axudar á colectividade, acaban mudando até o punto de permitir e apoiar obxectivamente coa súa política a aqueles estados creadores do terror para se impoñer nun territorio. A política internacional obriga até tal extremo a alianza cos causantes reais da pobreza e da inxustiza mundiais? Non é posíbel que un ou unha presidenta dun país se opoña en nome dunha nación á barbarie creada pola potencia imperial que vive de zugarnos aos demais o noso sangue? Hai algunha diferenza entre o que practican ao respecto fascistas, conservadores ou socialdemócratas unha vez conquistado o goberno dun país?

Non coido que sexa eu inocente ao respecto da historia nosa  e doutros países para buscar a resposta ás múltiples preguntas que nos facemos cando comprobamos as crueldades sucesivas, longas xa demais con Palestina e outras nacións negadas. Seguimos a ter esperanza, aínda coa súa xa pequena dose de escepticismo, no futuro. E neste aspecto, sei da capacidade enorme que posúen a maior parte de homes ou mulleres para se unir á destrución ou comenencia en canto adquiren o poder real sobre as xentes, ou mesmo unhas migallas dese poder. Non é novidoso  comprobar como persoas nas que un confiaba mudan sen problema da noite para a mañá as ideas que centraban calquera actividade no apoio incuestionábel ao humilde e a quen necesita ser libre para respirar.

O barco irlandés Rachel Corrie tamén foi abordado polos israelís

Coido que aquí está a cuestión, o freo, para que as masas, neste escurísimo intre da historia, non sexan, non sexamos quen de impedir o asasinato dun grupo de homes e mulleres que van axudar aos de Gaza cuns barcos cheos, simbolicamente de flores e pan. Viles asasinatos de sionistas afeitos xa a usar a metralleta con demasiada facilidade. Robots adestrados para matar mesmo a quen simplemente se opón á súa política de exterminio. Está o freo, dicimos,  na nosa reacción  porque a educación, a sensibilidade nacional e internacional, humana simplemente, anda hoxe controlada para que, no mellor dos casos, non suba de porcentaxes que poidan preocupar aos voitres que ciscan lume e chumbo derretido cada día sobre os xenerosos e humildes, sobre os desposuídos, os David condenados á desesperación.

Así que, calquera acto que nós facemos na Galiza para levar a cabo esa ilusión de ser libres realmente, de ser galegos e galegas de práctica sen condena; calquera acto relacionado con ese cativo poder institucional de aliviar a tensión para o futuro desta Terra, vai repercutir tamén nos resultados que consigamos cara á victoria deses outros pobos masacrados, perseguidos e torturados por querer decidir aló no lugar onde naceron.

Porque facer trampa sobre a arma ideolóxica dun grupo ou colectivo vai afogando o camiño ideado por todos e todas, e vaino afogando porque acabamos por mirar, máis que polos intereses dos demais, polos propios. Na política, no caso, sempre somos representantes dun colectivo, e nunca de nós mesmos. E controlados polos poderosos actores do abuso e da inxustiza, é dicir, polos que nos meteron na atracción das súas redes, será imposíbel cumprir co que se nos encomendou. Xa isto é tarefa esquecida, inoportuna, inconveniente.

O asalto aos barcos da solidariedade con Gaza e Palestina é unha obra máis do sionismo embrutecido e amparado pola ONU, por Obama (comprobamos outra vez o desinche dunha posíbel esperanza), polos presidentes europeos... Nen un só deles condenou a Israel, que segue coas mans libres para executar próximos asasinatos (tocaranos algún día aos que, desde aquí, os batallamos?). Seguir o acontecido nestes durísimos días é outro exemplo para ver como se mata, se secuestra a información, se crea unha historia falsa para que as vítimas pasen a verdugos de novo. Un noxo tamén da actuación da maior parte dos medios de comunicación que desde un principio non se esmeraron precisamente en ir ao fondo do asunto (ula a liberdade de prensa?).  E nós seguiremos batallando por ese imaxinado mundo feliz, pola democracia real fronte á das  elites, pola coherencia entre práctica e teoría, para que dicir fascista, socialdemócrata, reaccionario, imperialista  ou nacionalista, non soe  á mesma cantilena  e diferencie con claridade o futuro real que hai detrás de cada idea. Porque se non é así, a mesma vida carece de sentido.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña