12:15 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2010

No incipiente debate sobre a reestruturación do modelo territorial de Galiza o nacionalismo galego debe tomar a iniciativa

Outra organización territorial, outro país

Valorar (9)

XOÁN COLAZO PAZÓ



É indiscutíbel que existe unha inadecuación entre a nosa realidade socio-territorial e a superestrutura institucional deseñada á medida dos intereses do Estado. A nós ese traxe, imposto nos grandes armacéns de Burgos e de Madrid, "tíranos da sisa", encádranos dun xeito en que a política asimilacionista española se pode desenvolver mellor en prexuízo da nosa identidade e necesidades. E malia isto ser patente, semella que o noso corpo vai afacéndose ás estreiteces do fato. Vestímonos todos os días e adaptámonos pouco e pouco deformándonos de vez. Adiamos o intre de sacudírmonos tan cotrosa vestimenta inzada de piollos.

Organizármonos segundo as nosas características propias, en función das nosas comenencias resposta a un dos principios do nacionalismo. Hoxe por hoxe, é preciso tamén por razóns de tipo económico inmediato, derivadas da crise do sistema, que fai aflorar contradicións no modelo de organización territorial español transplantado a Galiza. Neste contexto debemos tentar levar a auga ao noso pasto e plantexar alternativas claras e sólidas para dotármonos dunha estrutura territorial á medida do país. A posta en cuestión das Deputacións ou a inviabilidade financeira de moitos concellos abren as portas para demandarmos unha maior racionalidade das administracións locais dende unha óptica nidiamente galega. O noso grande repto é superar un modelo alleo que non nos beneficia e que presenta fendas importantes por vez primeira en dous séculos.

A contradición concellos e provincias fronte a paroquias e bisbarras.

As paroquias e comarcas constitúen as unidades básicas de encadramento tradicional galego. Son a nosa resposta particular ao longo da historia a uns condicionantes físicos que determinaron un intensivo e espallado asentamento humano no territorio para o mellor aproveitamento do espazo e dos recursos. Porén, esta realidade nunca tivo unha tradución institucional ou administrativa concreta, alén da temperá -e á vista está que existosa para os seus intereses- implantación de freguesías relixiosas, que xa se remontan ao século VI como se comproba no Parochiale suevorum. Pode valernos este exemplo para comprobar a grande utilidade que ten para as administracións adaptarse ao medio sobre o que asentan.

Pero no paso do Antigo Réxime aos Estados-nación modernos Galiza non contou con folgos abondo para crear institucións propias. No canto diso, o poder central creou aquí concellos (1836) e provincias (1833) importando un modelo pensado para outra realidade, que uniformiza e crea disfuncións na administración. Malia a relativa estabilidade que manteñen estes entes dende aquela, a contradición mantense viva e sae á superficie en intres como o actual. Os concellos formáronse como simples suma de territorios que engloban parroquias e lugares, con moi distintos tamaños e fasquías. A grave situación financeira pola que pasan hoxe pon en cuestión a súa suficiencia e a súa funcionalidade. Semella que fican lonxe aqueles anos en que moitos pequenos concellos non lle cobraban o lixo ou a auga aos veciños e veciñas, como práctica caciquil para volver recuncar na alcaldía. A actual merma de recursos propios, en relación en moitos casos coa baixada da actividade especulativa asociada á construción, fai que lancen S.O.S. cara a outras administracións e se comece a falar de fusión de concellos.

As provincias, creadas arbitrariamente só con criterios xeográficos xa superados, son algo estraño a Galiza, pero de grande rendemento para a perpetuación dun poder alleo, hoxe defendido polos partidos turnistas estatais. A tripla dimensión provincial concrétanse en deputacións, subdelegacións do goberno e circunscricións eleitoriais. As Deputacións galegas teñen un sistema de elección indirecta dos seus representantes, moven preto de 600 M € anuais e adican un 80% deses recursos a gastos correntes. Só o 16% dos seus ingresos veñen de tributos (impostos e taxas) e preto de 2/3 dos recursos que manexan proveñen do Capítulo IV, transferencias correntes do Estado e da Comunidade Autónoma. Con todo isto non podemos agardar máis ca desbaldimento de recursos, escurantismo e enfeudamento do peor localismo e antinacionalismo.

Subdelegacións do goberno, con obxectivos case só represores ou que duplican competencias xa transferidas, e circunscricións eleitorais, que sempre penalizan ao nacionalismo, son os outros dous ámbitos provinciais a extinguir xa que desvertebran Galiza como país.

Un novo modelo

O conflito territorial debe resolverse potenciando as nosas institucións propias. Para iso haberá que vencer moitas resistencias, pero tamén temos que ter iniciativas propias nun asunto tal complexo e transcendente.

No vixente Estatuto de Autonomía de Galiza faise referencia ao recoñecemento xurídico de paroquias e comarcas. Porén, en trinta anos non se fixo nada neste aspecto, e tampouco o nacionalismo ten concretado mellor un modelo de organización territorial alternativo. De feito, a proposta de novo Estatuto poucos avances supón na implantación dun modelo de organización territorial máis acaído.

A división administrativa interna galega debera evoluír cara a dotar de funcionalidade aos tres niveis de institucións locais, que implique o aumento das súas prerrogativas, da capacidade económica e de decisión política, e da descentralización dos servizos que se prestan a cidadáns e cidadás. E isto baseado sempre nuns órganos de goberno de eleición directa.

No nivel máis baixo estaría a paroquia, que se dotaría de contido e de recoñecemento xurídico, non para crear entes burocráticos senón sociais, na liña dunha experiencia próxima como é a das Juntas de freguesia portuguesas ou das entidades locais menores, agás no referido á xestión dos montes veciñais, que seguirían na órbita das comunidades de montes. A vixencia das paroquias é, de todos os xeitos, problemática, debido ao case total colapso do noso mundo rural. Aínda así, a creación destes entes podería en parte axudar a reverter a tendencia negativa que se dá en case todas as zonas do país, e en todo caso, antes ou despois, o noso territorio debe volver a ser útil e a sustentar de xeito digno comunidades humanas.

Nun segundo nivel, debérase reformular a concepción e extensión dos actuais concellos, que descentralizarían certas funcións a prol das paroquias, e que mancomunarían algúns servizos con outros concellos a nivel comarcal. A súa viabilidade e utilidade ten que ir unido á súa autonomía e suficiencia financeira, o que quere dicir, en última instancia, á racionalidade na súa definición e o seu redimensionamento para acadar tamaños meirandes que os fagan contar cun mínimo de habitantes e recursos.

O derradeiro e máis alto nivel de organización local estaría composto por unhas bisbarras ou comarcas que, desenvolvendo a personalidade xurídica que lle outorga o vixente estatuto, suplirían con maior eficacia o labor que non dan cumprido as deputacións. As comarcas e as áreas metropolitanas na contorna das cidades -proposta nacionalista, como non podía ser doutro xeito- deben ser claves para satisfacer as necesidades mínimas de sanidade, educación, cultura e outros servizos por medio da posta en común de varios concellos. E por outra banda serían o chanzo no que se apoiaría a descentralización do poder galego.

Está de máis engadir que as deputacións non contan con espazo ningún neste modelo, na liña tamén das reivindicacións históricas do nacionalismo galego.

Temos pois que entrar no debate territorial para mudar o fondo das cousas, non como seguramente pretenden outros para perpetuar as súas elites locais, o seu control eleitoral e o desartellamento de Galiza como nación. Fronte ao centralismo uniformizador e o localismo primario e baleiro debemos antepoñer unha estrutura institucional que vertebre o territorio do país. Como todos os traballos que enfrontamos é un labor xigantesco, cheo de dificuldades, mais necesario se queremos liberar Galiza.


[07-06-2010 12:03] salgado comentou:

Totalmente de acordo co comentario, tamen o nacionalismo galego ten que artellar XA, unha alternativa a este modelo finiquitado de organizacion territorial, non é de recibo que non teñamos a estas alturas unha alternativa propia plenamente desenrolada, hai que porse xa, mans na obra

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña