23:14 Luns, 22 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-12-2017

A alimentación sempre foi e segue a ser unha parte fundamental dentro da evolución do ser humano

En que mans deixamos a nosa alimentación?

Valorar (9)

PABLO RIOS SANTOMÉ



A alimentación sempre foi e segue a ser unha parte fundamental dentro da evolución do ser humano. Mediante o tipo de alimentación existente en cada unha das sociedades que conforman o mundo, podemos saber máis cousas sobre os povos e as xentes, somos quen de saber cal é a súa orografía, clima, costumes ou mesmo como se divide e organiza o seu traballo. A alimentación é unha peza fundamental dentro dunha sociedade como a galega, onde atopamos innumerábeis ritos e costumes directamente ligados  ao traballo en man común, ao lecer, á morte etc que teñen como parte fundamental a comida.

Estamos pois ante a alimentación como un dos núcleos da sociedade. Coa aparición da sociedade industrial dentro do estado burgués, os hábitos alimentarios mudaron, mudaron tanto como o fixo a propia organización e división do traballo.  
Nesta nova etapa da humanidade danse cambios significativos, como o son a aparición da xornada continua ou a migración masiva de poboación rural ao núcleo urbano, que contribúen á desaparición da cultura alimentaria tal e como a coñeciamos, dando paso a unha paulatina terciarización da nosa alimentación, que cae cada vez máis nun novo invento do capital para o seu lucro: a industria alimentaria. Outro cambio moi importante xa no século XX foi a incorporación das mulleres ao mundo do traballo fabril, que lonxe de quedar liberadas da función reprodutora imposta polo patriarcado, entendida como a satisfacción das necesidades do sector produtivo no inicio do capitalismo industrial -os homes-, vense obrigadas a realizar o dobre ou triplo de traballo que viñan soportando.  

Ante esta situación o capital, como non, saca partido; saca partido coas súas campañas masivas dun novo produto, os alimentos precociñados, no seu inicio excedentes da alimentación dos soldados da Segunda Guerra Mundial. É nesta época na que aparecen os produtos precociñados e a comida lixo, e co avance da sociedade industrial á sociedade postindustrial, a industria alimentaria só fixo medrar.  

Os procesos técnicos, así como os novos descubrimentos científicos, déronlle á industria alimentaria a galiña dos ovos de ouro, xa que mediante procesos como a liofilización dos alimentos e o deseño de estabilizantes, conservantes etc, fixeron que o gran capital fora quen de producir alimentos de forma masiva para unha poboación cada vez mais desconectada do rural e da súa historia gastronómica, e producilos de xeito moi barato, baleirando os alimentos dos compoñentes nutricionais precisos para unha alimentación saudábel.  

Un claro exemplo disto é a aparición da fariña branquexada, a fariña industrial -no proceso de branquexado da fariña de trigo, eliminouse unha das partes con máis valor nutricional da mesma, o salvado do trigo, co fin de producir un produto máis barato, e sobre todo, máis susceptíbel de ser almacenado, dado o aumento da súa conservación-, que producida masivamente, abaratou moito os prezos de alimentos esenciais para moitas sociedades, como é o caso do pan. Unha vez alertada a sociedade do nulo valor nutritivo dese alimento, mesmo do seu efecto nocivo para a saúde, a xogada do capital foi seguir producindo este produto engadindo fortificantes, vendéndoo, como non podía de ser doutra forma, máis caro. Isto é o que fai o capitalismo, lucrarse creando un problema e lucrarse de volta intentando resolver o problema que el mesmo creou sen renunciar nunca ao máximo beneficio, en detrimento da saúde mundial.  

A clave do éxito destes produtos, ademais do seu prezo, é a cantidade de graxa, sal e azucre que conteñen, xa que estes compoñentes liberan no noso cerebro unha serie de reaccións e uns niveis de dopamina que fan que sintamos pracer ao consumilos e unha sensación de baleiro ao deixar de facelo; é dicir, estamos ante un consumo masivo de substancias adictivas que crean na sociedade unha relación de dependencia cara a estes produtos e polo tanto unha relación de dependencia cara ás empresas que os fabrican e comercializan. Un caso claro é o dos alimentos destinados a seren consumidos polas crianzas, alimentos como potitos, zumes ou outros produtos que se comercializan de xeito atractivo para proxenitores e crianzas, os cales están inzados de compoñentes daniños para a súa saúde, e que ademais, conteñen os mesmos niveis de sal e azucre que fan da comida lixo un produto terribelmente adictivo, xerando esa dependencia desde o nacemento. Un xogo redondo para o capital e os seus intereses.  

Deste xeito, cuns ritmos de vida á medida do capital, cuns ciclos de sono, ocio -convertido en ciclos de consumismo- e traballo predeterminados e controlados, chegamos ao día de hoxe, onde a industria alimentaria a nivel mundial é das industrias  mais rendíbeis en termos económicos, unha industria que xoga coa saúde da poboación mundial así como xoga tamén co medio ambiente. Lonxe de frear estas prácticas, os gobernos son e sempre foron permisivos, se non cómplices destas prácticas, fomentando o consumo de certos alimentos para favorecer o seu consumo e venda.    
Este tipo de condutas alimentarias aparecen na súa maioría nos Estados Unidos, aínda que debido á globalización, aos tratados de libre comercio e ao imperialismo cultural e económico practicado polos ianquis, este modelo de consumo e produción alimentaria foi instaurado por todo o mundo, e introducido mediante campañas publicitarias e de mercadotecnia nunca vistas. Tanto é así que as grandes empresas alimentarias gastan cantidades inxentes de cartos na publicidade dos seus produtos.  
   
Fóra da cuestión da comida lixo e as grandes cadeas de restauración de comida rápida, atopámonos con que a materia prima coa que nós cociñamos, que nós comemos, tamén está totalmente da man do capital alimentario. Unha porcentaxe amplísima da carne que se consume e se comercializa está ateigada de antibióticos e doutros produtos que aceleran o crecemento do animal para obter o produto o máis rápido posíbel, por non falar das condicións nas que se crían aos animais dentro da industria cárnica, unha verdadeira salvaxada.  

Co caso das froitas e das verduras que consumimos pasa o mesmo, están cheas de produtos para estimular o crecemento e para axudar na súa conservación de xeito artificial, ademais de recaer sobre grandes empresas como Monsanto o tratamento xenético dos nosos alimentos, os alimentos transxénicos, que lonxe de seren solución para problemas cos cultivos son utilizados como fonte de grande beneficio unicamente dos seus fabricantes.  

Á xente moza do noso tempo tócanos arrebatarlle o poder sobre a nosa alimentación, sobre a nosa saúde e sobre as nosas vidas á industria alimentaria capitalista, unha loita encadrada dentro da loita de clases na que nos atopamos as traballadoras, para construír así un mundo onde a soberanía dos povos resida nos mesmos, onde cuestións como a alimentación, a saúde ou a educación non caian en mans da xestión do capital, senón na xestión dos Estados, sempre comprometidos co ben común das clases populares, a saúde e a responsabilidade co medio. Debemos loitar desde Galiza, onde a alimentación é unha parte fundamental da nosa idiosincrasia como povo e un feito diferencial da nosa nación, polo artellamento dos nosos sectores produtivos básicos de xeito sustentábel e pola promoción dun consumo responsábel, como piares dun desenvolvemento económico e de compromiso social no noso país.

[03-01-2018 12:03] M Soledad González Maside comentou:

Único e excelente artigo, fundamental o tema nas nosas vidas dende a saúde ata a ideosincrasia , sen esquecer a súa repercusión directa na economia do país e moitas outras cuestións. PARABENS.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal