03:46 Luns, 23 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2017

Así foi que puiden estudar na universidade, aínda que non foi fácil co sistema que había da LOMCE e case quedo sen bolsa, que había moi poucas

Suso

Valorar (44)

ROBERT NEAL BAXTER



Aquí reproducimos un extracto do libro Como vivíamos, que recolle testemuños de persoas que viveron no período anterior á creación da República Democrática Popular.  

Pódeste presentar?  

Chámome Suso, mais na familia todo o mundo me chama «o Susiño». Nacín por casualidade en Compostela, cando miña mai e meu pai tiveron que amañar uns papeis, algo a ver coa RISGA. Dixéronlles que era mellor que viñesen en persoa, mais de todos os xeitos non tiñan acceso a Internet e había meses que cortaran o teléfono, así que non había máis remedio. Foi no inverno con moita viruxe, mais un frío seco, xa que levaba meses sen chover. Foi o terceiro ano de incendios e da grande seca.  

Fálanos un pouco da túa familia.  

Son fillo único, que daquela non daban os cartos para máis e miña mai, que todo o mundo chamaba Maruxiña na aldea, lembraba o mal que o pasaba de pequena: ter que coller o bus durante case unha hora cada mañá e cada tarde para ir o colexio ou pagar un taxi para ir ao médico... Meus avós tiñan unha pequena explotación leiteira e unhas leiras, mais cando acabou a pensión do avó xa non chegaban os cartos para que todos seguisen a viver na casa e miña mai tivo que marchar traballar á vila. Foi alí onde coñeceu meu pai, «o Pepe». El traballaba nunha serraría que había e ela cosía na casa. Sempre me contou miña mai a vergoña que pasou cando chegaron á vila por falaren galego, que se mofaban deles. Por iso, a min criáronme en español. Pouco galego aprendín na escola, que case non había, e só foi despois que pasei ao galego cando tomei consciencia política na universidade.  

Onde vivían cando chegaron a Compostela aquela vez?  

Nun principio, buscaron unha pensión barata, que pouco lles quedaba despois de pagaren o billete do tren e que non paraba de subir. O problema é que a cidade estaba abarrotada de turistas e o único sitio que atoparon non lle quería deixar un cuarto a unha muller a punto de dar a luz, con non sei que escusas. A dona da pensión, que vivera na Suíza, díxonos que aínda así entendía a súa situación e que podían tentalo nun convento que había.  

Durmiron no convento finalmente?  

Tampouco había sitio. Eran tempos moi duros. Non había traballo nin nas cidades nin moito menos no campo. Xa marchara moita xente para fóra, sobre todo xente nova, mais aínda quedaban moitas persoas que non tiñan un mal apaño. Ademais, non podían volver á casa, pois foran desafiuzados e, como era festivo, tiñan que agardar uns días máis para que abrisen as oficinas. Finalmente deron cunha especie de pendello ou cortello abandonado. Había que andar con coidado para que a xente non os vise entrar e saír e que non os chimpasen de aí .  

Como facían para comer?  

Meu pai andaba a pedir unha esmola polo centro. Era moi duro: non era o único e non había diñeiro para todos. El sempre dicía que quen menos daba era quen máis tiña... Polas mañás, miña mai quedaba entre mantas e cartóns no pendello para que non lle collese o frío e despois se puña na porta do súper a pedir leite e comida. Foi un día ao volver para o alpendre que rompeu augas.

Naciches no hospital?

Todo pasou moi rápido. Menos mal que estaba meu pai cando chegou. Ao ser festivo, case non había buses, a parada quedaba lonxe e non tiña para pagar un taxi. Eu nacín alí mesmo no alboio e puxéronme entre cartóns nunha maseira. En vez dunha matrona, había un par de cans esfameados e un gato da rúa a que lle faltaba un ollo.  

Non vos axudou ninguén?

Algunha xente daba cartos ou un café. As máis de veces, recollían comida caducada nos contentores de detrás do súper, que daquela tirábase moita comida que aínda se podía comer. Unha vergoña! Tiraban comida cando había xente pasando fame... Unha tarde apareceron por aí tres persoas da CIG para falarlles dun banco de alimentos. Casualmente, miña nai coñecía unha delas de cando estaba afiliada antes de perder o traballo. Eran da mesma aldea e convidounos a durmir na súa casa até que puideron arranxar algo cunha tía que vivía en Compostela que había de volver despois das festas.

E como vos foron as cousas despois?

Marchou meu pai da casa cando se soubo que eu non era fillo del, mais dun tal Gabi que nunca cheguei a coñecer. Nunca soubemos máis del. Case mellor, que así miña mai non tiña que soportar os seus golpes cando volvía á casa borracho e enfadado por non ter traballo. Miña mai atopou un traballo limpando casas para xente con cartos, e así íamos tirando. Pagábanlle en man, que é o que se facía daquela para evitar os impostos, sobre todo a xente rica: por algo será que o eran...

E que foi de ti despois?

De pequeno quedaba coa tía e logo fun viver con miña mai. Estudei na quenda nocturna que existía naquel entón para poder traballar nunha cafetaría durante o día. Chegaba rendido pola noite, mais aínda así esforzábame a ler moito, que eu non quería quedar toda a vida así. Miña tía tiña moitos libros deses que se vendían co xornal (lembro que moitos aínda tiñan o celofán posto) e tamén collía libros da biblioteca. Así foi que puiden estudar na universidade, aínda que non foi fácil co sistema que había da LOMCE e case quedo sen bolsa, que había moi poucas. Foi na universidade que coñecín outra xente que me abriu os ollos e, de alí a pouco, militaría en Erguer e logo en Galiza Nova e na UMG. Foron tempos moi revoltos e pensabamos ás veces que igual nunca íamos chegar a onde queríamos, mais seguimos fieis aos nosos principios e xa se ve onde estamos agora. Por sorte, estas cousas xa non as coñece a xente moza deste que temos a República.

Deséxovos un feliz ano novo, cargado de soños que un día se farán realidade!  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal