09:21 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-11-2017

Non aprendemos nada da crise financeira

Cada vez máis grandes para caer

Valorar (8)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Hai menos de dez anos había na vila da Estrada sucursais bancarias de Banco Santander, Banco Pastor, Caixa Geral, Banesto, Caixa Nova, Caixa Galicia, Banco Gallego, Banco de Galicia (grupo Banco Popular), BBVA e La Caixa. En total dez entidades bancarias diferentes. Hoxe, en 2017, logo de absorcións e fusións varias, quedan no concello apenas cinco entidades bancarias, isto é, Banco Santander, La Caixa, Abanca, Caixa Geral, Banco Sabadell-Gallego, BBVA e Banco Popular, cuxa entidade ten os días contados logo da compra por parte dos Botín. É dicir, que en poucos meses o número de entidades bancarias con sucursal na Estrada quedará reducido á metade, nun período que abrangue menos de dez anos.

 A pesar de que A Estrada ten evidentes problemas económicos polo deterioro da súa base produtiva, non é este o motivo desta drástica redución de entidades bancarias tan diferentes nun período de tempo tan curto. Evidentemente esta redución de entidades obedece a unha forte restruturación bancaria froito da crise económica que sacude o sistema financeiro desde 2008, como moi ben se pode apreciar no seguinte cadro do diario Expansión. Segundo indica este xornal dixital, en 2007 había no Estado español 61 entidades bancarias diferentes, mais en 2015 quedaban só 18; hoxe por  hoxe, como todos sabemos, serían 17 logo da absorción do Banco Popular por parte do Banco Santander.

As fusións de entidades trouxeron como consecuencia a perda de empregos e a redución de sucursais. Así, segundo datos publicados polo BCE, no Estado español perdéronse 80.000 empregos e pecháronse 14.978 sucursais. Esta drástica redución de sucursais e empregos trouxo como consecuencia un peor servizo para os clientes. Na Estrada por exemplo, o caudal de clientes que antes eran atendidos por dez sucursais hoxe distribúense en cinco, co cal as esperas por parte dos clientes son habituais. Ademais no caso da Estrada, que ten case o 60% dos veciños e veciñas vivindo no rural, esta redución de sucursais tivo como consecuencia a desaparición das oficinas que operaban neste, causando un evidente malestar e problemas a unha poboación avellentada que agora ten que desprazarse á vila a facer as xestións.

Mais seguramente o peor desta restruturación bancaria son as consecuencias que non se perciben a simple vista; o peor é o oligopolio financeiro de facto que existe hoxe por hoxe no Estado español, nun sector con intereses na enerxía, medios de comunicación, construción, etc, sectores controlados por moi poucas mans, acaparando un evidente control sobre a economía e evidentemente sobre a política do Estado. Aí está por exemplo a recente absorción do Banco Popular polo Banco Santander, cociñada o pasado verán nunha fin de semana de reunión do Club Bilderberg con presenza dos “masterchef” Patricia Botín e Luís de Guindos, cuxo prato pagaron a escote os accionistas do Banco Popular, que perderon todo o seu investimento, que en moitos cartos eran os aforros de toda unha vida.

Lehman Brothers era demasiado grande para caer, pero caeu hai case dez anos, arrastrando ao seu paso a outras entidades, directa ou indirectamente relacionadas con esta por mor da globalización económica. Mais a política non tomou nota. No canto de diversificar e incrementar a competencia impedindo a acumulación de capital en moi poucas mans, saúdase con alegría a fusión e a desaparición de entidades dando como resultado monstros financeiros cada vez máis grandes poñendo en risco a economía, os empregos dos traballadores e traballadoras de todos os sectores e os aforros de miles de persoas. Ao final é que non aprendemos nada.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña